Novatadas: ¿comicidade ou ridiculez?

Superado o primeiro mes de clase, para moitos dos estudantes de primeiro curso supéranse tamén as moi coñecidas novatadas. En teoría, pasan a ser “aceptados” como auténticos universitarios e a estar apoiados en todo momento polos compañeiros e compañeiras máis veteranos.

É certo que logo dalgúns accidentes serios acontecidos en cursos anteriores nos que se viron implicados botes de deterxente (deixémolo así…), as novatadas son moitas menos, e menos “perigosas”, debido ao maior control que se exerceu sobre estas;  mais é innegable que a súa práctica segue en vigor (por moito que algunhas residencias o intenten negar).

© Charlie Peartree

Preguntando aos implicados, atopámonos con tódolos puntos de vista: dende rapazas que choran desconsoladas, incapaces de soportar a presión á que se ven sometidas, ou testemuñas de rapaces obrigados a beber ata as arcadas; tamén hai quen se divirte un xoves pola noite co seu improvisado traxe de corvo e o resto da súa bandada; pasando polo que as vive máis de lonxe, non pasando duns bigotes a rotulador ou un paseo pola rúa en zapatillas de andar pola casa.

Pero sen dúbida algunha, unha das narracións menos coñecidas, e unha das máis interesantes, ofrécena os residentes que deciden non participar nas novatadas (porque si, na maioría dos casos pódese elixir se tomar parte delas ou non) pero que as viven moi de preto. Ao negarse, quedan “marxinados” do resto da residencia e vense relegados a un lugar secundario, non podendo dirixirse aos maiores, négaselles a palabra durante o curso, ou mesmo o resto dos inquilinos da residencia teñen prohibido achegarse a eles.

Todo alumno veterano foi algunha vez novato, que sufriu no seu momento as súas novatadas, e ante isto xorden dúas opinións. Por unha banda, se o veterano foi quen de aguantar as súas propias novatadas, ¿por que non van poder os novos?  Pero tamén se formula outra hipótese: pode que os maiores vexan nos  novatos a oportunidade de resarcirse polas bromas que lles tocaron… e váiselles a man. É evidente que nalgúns casos a broma afástase moito do cómico para chegar á ridiculización do afectado.

Pouco poden ter de malo un par de inocentadas de benvida. A cuestión neste tema é sempre a mesma: ¿ata que punto estas bromas axudan ao novato a integrarse, sen chegar a atentar contra a súa dignidade, e mesmo a súa seguridade? Asemella que con cada curso que pasa, vemos máis difusa a liña entre a broma e… a vinganza.