Medo ao reloxo de area

Habitualmente en calquera escenario electoral existe unha incertidume ou, se imos un pouco máis lonxe, un medo que padecen todos os candidatos que se xogan algo nos comicios. Este temor vai manifestarse a ben diversos niveis: desde a sensación da posibilidade de perder o poder ata ao de recibir un castigo por unha oposición mal xestionada. Mais se algo caracteriza a practicamente todas as grandes forzas que concorren á cita do 21 de Outubro é que teñen un inimigo poderoso, que corre a velocidades demasiado desiguais para uns e outros: o tempo. A decisión de Feijóo de adiantar as eleccións é a maior expresión deste medo e resulta perfecta para infundirllo aos seus rivais.

Os dous partidos maioritarios

O presidente e, salvo sorpresa maiúscula, líder do partido máis votado o día 21, sabe que o reloxo corre na súa contra, pois cada segundo que pasa vencellado a Rajoy é un gramo de máis na lousa que o lastra. O inminente rescate e as medidas que chegan desde Madrid por parte da cabeza visible do goberno son golpes ás opcións do candidato de ocupar a residencia de Monte Pío durante catro anos máis.

Precisamente o contrario é o que afoga ao outro principal opositor á cadeira de Presidente. Pachi Vázquez, ese home que ía ser un líder de tránsito ata a chegada do candidato definitivo, foi colocado no posto que agora ocupa por obra e gracia da falta de tempo para convocar as primarias. O seu limitado carisma e a súa historia fai que sexa considerado polos seus valedores como “o mal menor” ante a posible reedición do actual goberno. Súmenlle ademais que aínda non pasou un ano desde un dos peores resultados históricos dun PSOE que aínda non parece recuperado e tiren as súas propias conclusións.

A esquerda nacionalista

Pola súa banda, para os partidos que se sitúan no espectro da esquerda nacionalista a area do reloxo cae a maior velocidade da que lles gustaría. Sen tempo material case nin para agruparse e negociando a marchas forzadas as fórmulas e siglas baixo as que se presentarían, a súa loita agora mesmo está en comunicar con rapidez as diferenzas que fagan decantarse ao seu electorado. O BNG terá que convencer de que seguen a ser a única alternativa forte para facer fronte ao continuismo do PP mentres AGE aludirá ao poder da “Marca Beiras” como símbolo histórico do galeguismo contemporáneo. Neste marco as maiores dificultades son para CxG, que se están a ver obrigados a facer unha das campañas máis intensivas para simultanear as labores de: a) exposición da súa idea de partido, b) presentación de programa e c) persuasión do electorado.

 

Para rematar, o único que semella non ter medo a nada é Mario Conde que, como xa fixera nas altas esferas do sistema do estado español, está disposto a entrar no Hórreo coma un elefante nunha mostra de cerámica de Sargadelos. O seu problema temporal está no pasado, que agora ademais parece voltar, e que sabe que non fará esquecer nunca.