Marta Piñeiro: “Estou orgullosa de facer ficción en galego”

Marta Piñeiro leva traballando no mundo da televisión máis dunha década. Actualmente dirixe varias series que se emiten na Televisión de Galicia:  Padre Casares e Matalobos, que gañou recentemente un premio a nivel europeo: o Circom. Nesta entrevista que fixemos na súa casa de Santiago, Marta cóntanos como funciona o ‘’gremio’’ da televisión e as series, no que o vibrante ritmo da televisión marca tamén uns estresantes tempos de traballo. Estrés e todo, a realizadora recalca para Compostimes que non cambiaría por nada o seu traballo, que é ‘’interesante, divertido e enriquecedor’’.

Marta, canto levas nisto da televisión?
Traballando en televisión levo doce anos. Minto, levo doce anos facendo ficción, o que son series de televisión. Antes traballei facendo docuseries e algún que outro programa  na televisión.

Acabas de gañar un premio ‘’Mestre Mateo’’ á mellor realización por Matalobos. Imaxino que pasar do teu primeiro proxecto hai máis de doce anos a gañar este premio non foi doado.
Non, non é doado. Tivemos moitos anos de aprendizaxe, para facer as series en Galicia en xeral, non só no meu caso. Cando arrancaron as series, hai máis de 12 anos, aquí había moi pouca experiencia en ficción e tiña que vir xente de fóra para amosarnos como se facían as series. E destacar que aquí hai moi bo equipo técnico e moi bos actores.

Claro, porque ti vives da TV, pero actualmente os que queremos dedicarnos ao mundo dos medios de comunicación non temos fácil poder vivir diso.
Bueno actualmente está difícil todo (risas). Pero si, o mundo audiovisual esta pasando por un mal momento agora mesmo… en xeral en todo o estado pero en Galicia estase notando especialmente. De dous anos para aquí baixou moito o traballo e as opcións de facer cousas novas. Para min é moi importante que exista unha televisión en Galicia e que che paguen proxectos e que se fagan en galego. E ti velo nas series de ficción, que á xente lle interesa ver as series feitas en Galicia, teñen moita audiencia. Teñen moita audiencia porque se fan aquí e tratan temas que son de aquí, son cercanos…

Tendes algún problema polo feito de competir coas canles nacionais?
En xeral as series de ficción en Galicia funcionan moi ben e de feito están á par das series que se fan no estado. E  nós facémolas cun orzamento catro veces menor co dunha serie que se faga nas televisións privadas.

Notastes moito na TVG os últimos cambios, os recortes, a crise…?
Nós non traballamos diretamente para a TVG. Nós traballamos para a produtora e esta véndelle o contido á TVG. Agora se contratan menos capítulos, non hai tanta continuidade coma había antes.

Padre Casares foi traducida e emitida en Telemadrid e tamén versionada noutras canles…
Houbo varios intentos. O primeiro foi con Mareas Vivas, que quixeron dobrala para Telemadrid e díxose que non funcionou moi ben. É moi difícil dobrar a personaxes coma aqueles. O segundo foi Padre Casares, un proxecto que si se puido vender a televisións autonómicas coma a andaluza, a valenciana… Outra cousa destacable é que antes viña xente de fóra a aprendernos a nós e agora hai xente galega que está facendo series moi boas fóra, coma Gran Hotel, Hispania… Falamos por exemplo de Carlos Sedes.

Xa como curiosidade, o traballo de director é como nas películas? Sentas nunha silla e dirixes?
(Risas) Non, é moi distinto ó das películas, non hai tanto tempo, as series fanse moi rápido. Xa nos gustaría ter o tempo para facer como fan nas películas… Nas series hai un  ritmo de traballo moi rápido. Ten que estar todo moi definido xa dende o principio, definir moi ben os personaxes, porque á hora de traballar non hai tanto tempo como se quixera para traballar con eles. Eu é una das cousas que boto en falta: máis tempo para traballar cos actores. Logo tamén hai diferencias na realización: unha película adóitase gravar cunha soa cámara e unha serie con tres.

A que ritmos funcionades? Tendes que entrega-los capítulos para un día en concreto?
Os capítulos grávanse varios á vez. Non gravas un capítulo por día. Tardamos máis ou menos tres ou catro días por capítulo, no mesmo día gravas secuencias de varios capítulos. Podemos ter abertos ata seis capítulos á vez! E claro, nas series de ficción somos un equipo moi amplo. Hai que organizarse por equipos, o traballo ten que estar moi moi planificado. Todo o mundo ten que traballar moi coordinado, porque se falla una cousa rompe o ritmo de traballo. Non se pode improvisar. Só improvisar sobre o que levas preparado e que non afecte a todo, pero non é tal fácil. Son moi importantes por exemplo as reunións de equipo, onde queda moi claro todo o que se quere, tódalas dudas. Logo os actores das series teñen un traballo moi complicado porque teñen que dalo todo en moi pouco tempo. Un día, imaxinate, teñen que rodar situacións normais e logo de repente… unha secuencia moi dramática! E de repente… unha pelexa! É complicado o traballo deles.

E nunca tivestes problemas ao  gravar en exteriores con todo o que chove en Galicia?
Si, claro, eu recordo en Rías Baixas, a primeira serie que dirixín, que pasabamos o día esperando a que escampase e nalgunha ocasión tivemos que suspende-la gravación! Agora iso non se pode facer. Temos que ter algo previsto por si acaso. Por exemplo, pensar se as secuencias de ese día se poden rodar en interior se chove.

Non podedes perder nin un día!
Non, non se pode perder porque é moita xente traballando e moitos cartos..non poden arriscar a perder un día de gravación.

A ver, e que lle dirías á xente que está estudando agora que quere ser diretora?
Pois que… a por todas! Este é un traballo interesante, divertido e enriquecedor. Eu disfruto facéndoo, estou moi orgullosa de facer unha serie de ficción en galego aquí en Galicia. Este é un traballo moi vocacional. 

E tes algún proxecto en mente, ou só tes tempo para as series?
Pois no audiovisual si que me estou centrando nas series. Estou por un lado corrixindo capítulos de Matalobos, por outro lendo Padre Casares, a semana que ven xa gravo… é bastante traballo. Pero bueno, sempre tes na cabeza cousas!

Tanto Matalobos como Padre Casares levan xa bastantes tempadas, sodes xa como unha familia?
En xeral no audiovisual en Galicia xa nos coñecemos bastante todos porque imos coincidindo en distintas produccións. Entón si, xa nos coñecemos e nótase que hai moita profesionalidade. Eu eso sí o destaco, hai moi bos técnicos e moi bos actores. E así trabállase moi a gusto!

Que lle pedirías ó recén reelixido presidente da Xunta que cambiase no teu sector?
O que eu reivindico no meu traballo é que siga existindo a Televisión de Galicia, que se poda seguir facendo edición e que toda a xente o audiovisual poidamos seguir vivindo do noso traballo. Agora mesmo está marchando moita xente de Galicia, e estaría ben que esa xente puidese volver para seguir traballando e poder seguir facendo bos productos en galego.

Imaxes: Achegadas pola entrevistada.