Lance Armstrong, a caída do mito

Foi recoñecido como o mellor ciclista da historia, considerado como un dos maiores exemplos de superación tras vencer un cancro e conseguir o triunfo en 7 Tours de Francia consecutivos. A admiración sobre a figura de Armstrong sobrepasaba o mundo do ciclismo ata converterse nun icono mundial. Malia iso, as sospeitas sobre o mito no ambiente ciclista sempre estiveron presentes. Así foi ata este 2012, onde a USADA(Axencia Estadounidense Antidopaxe) acaba de botar por terra toda a figura do americano con declaracións de ex-compañeiros, datos bancarios e de transferencias e probas palpables de dopaxe organizado no equipo US Postal desde o ano 1998 ata o 2006 inclusive. A figura de Lance Armstrong como exemplo caeu e os seus 7 Tours peligran, pero recapitulemos para entender mellor a historia do texano.

Os primeiros anos

Lance Armstrong(18 de setembro de 1971 en Plano, Texas) foi un ciclista estadounidense que debutou co equipo Motorola no ano 1992 tras destacar no campo amateur tanto no ciclismo como no triatlón. Permaneceu no equipo ata 1996 especializándose nas clásicas e carreiras dun día. Lograba así a vitoria no Campionato do Mundo de 1993 ademais de recoñecidas clásicas ciclistas como a Clásica de San Sebastián(1995) ou a Flecha Valona(1996), vencendo ademais nunha etapa do Tour de Francia de 1995 dous días despois da morte do seu compañeiro de equipo Fabio Casartelli, unha das hazañas máis honrosas do ciclismo moderno. Poderíase definir entón como un ciclista explosivo, especialista en cotas cortas, bo rodador e pelexador, nada que ver co que poderíamos ver posteriormente.

Lance Armstrong vencendo no Mundial de 1993

Foi en Outubro do 1996 cando se lle diagnostica cancro testicular en grao tres con metástases cerebrais e pulmonares. A esperanza de vida que lle daban era dun 40%. Aínda así Armstrong elixiu unha quimioterapia que en caso de sobrevivir lle permitise volver á práctica do ciclismo profesional.

O regreso

A volta de Armstrong tivo lugar en marzo de 1998 co equipo US Postal na París-Niza tras unha progresiva recuperación e un ano e medio despois, pero non aguantou o ritmo do pelotón e viuse obrigado a abandonar. Isto provocou que se plantexara deixar o ciclismo profesional, mais foi seu director Johann Bruyneel quen o convenceu de que podía lograr grandes resultados xa que pouco a pouco se iría pondo máis forte. Foi así como ese ano logra gañar a xeral da Volta a Luxemburgo e un 4º posto na xeral da Volta a España. Aquí é o primeiro momento onde se ve un cambio respecto ó Armstrong pre-cancro. Un clasicómano que se transforma nun vueltómano. É o momento no que o texano cre que pode facer algo grande no mundo do ciclismo. É o momento en que el se cre capaz de gañar o Tour de Francia e marca ese punto como obxectivo final na súa carreira.

A historia xa escrita

Chega 1999 e Lance Armstrong, un favorito de segunda fila, imponse no Tour de Francia por diante de Alex Zülle. E así nos anos sucesivos. Desde o ano 1999 ó ano 2005 consegue vencer de forma consecutiva un total de 7 Tours de Francia mostrándose como un ciclista intratable. Capaz de destrozar ós seus rivais subindo e de reventalos nunha contrarreloxo. Nin Jan Ullrich(o seu máximo rival), nin Joseba Beloki, nin Ivan Basso ou Andrëas Klöden se acercan ó americano. Os máis entendidos defíneno como unha forza da natureza. Ademais a súa loita contra o cancro no mundo é total mediante a fundación Livestrong. O seu recoñecemento é enorme e é o exemplo de superación de millóns de persoas.

Por se fora pouco, no ano 2009 Armstrong volve coa fin de potenciar a loita contra o cancro e intentar o asalto do oitavo Tour de Francia. Isto vese como un desafío propio dun loitador coma el. Case o consegue e acaba o en terceira posición o Tour de Francia, nunha edición que gañaría Alberto Contador. No ano 2010 o estadounidense volve intentalo, pero está moi lonxe dos mellores. Retírase finalmente en xaneiro do ano 2011 tras correr o Tour Down Under para dedicarse á súa asociación contra o cancro e á súa vida familiar.

Lance Armstrong posa tras gañar o seu 7º Tour de Francia

As sospeitas durante a súa carreira

As principais acusacións ás que se tivo que enfrontar Lance Armstrong durante a súa carreira deportiva fan referencia ós anos que estivo na estrutura US Postal(1998-2006 e 2009-2010) e na compaña do director belga Johann Bruyneel. Dúas das acusacións contra ás que o texano tivo que loitar fan referencia a dous casos de presuntos positivos que a UCI(Unión Ciclista Internacional) optou por tapar para non ensuciar a imaxe do americano.

  • O primeiro dos casos sacouno á luz o xornal L’Équipe en 2006, acerca dun positivo por EPO en 1999. Nesa época era indetectable, pero a mostra analizada anos despois dicía o xornal francés que fora positiva.
  • O segundo fai referencia a un positivo no Tour de Suiza en 2001, o cal supostamente Armstrong taparía con diñeiro. A fonte neste caso é Tyler Hamilton, ex-compañeiro de Armstrong, quen no seu libro “The Secret Race” explica como Armstrong lle conta como deu positivo nun control e ante a súa sorpresa lle di que estea tranquilo, que “xa quedaran para falar con eses señores”.

A pesar disto durante os anos da súa carreira profesional o principal motivo de sospeita sobre Lance Armstrong vén a tenor da súa relación co Doutor Ferrari. Cando saíu á luz a relación de Armstrong con él, o estadounidense admitiuno, se ben explicou que só se citara co doutor para temas físicos e de entreno. Deste xeito, cando o Doutor Ferrari foi sancionado por fraude deportivo Lance rompeu publicamente calquera relación con el.

Foi a raíz deste tema polo que xurdiu un dos principais problemas de Armstrong no pelotón durante eses anos, Filippo Simeoni. Ciclista italiano de equipos modestos, confesou o seu consumo de EPO durante 2001 facilitada polo Doutor Ferrari, dando entender que Lance Armstrong levara o mesmo tratamento, acusando a este último de “mentiroso e traidor”. Desde aquí, a presión de Armstrong sobre Simeoni foi constante, dando lugar incluso a este bochornoso incidente onde Armstrong impide a Simeoni coller a fuga boa saíndo detrás del e obrigándolle a voltar ó pelotón.

As primeiras acusacións

A base da trama e a sospeita en firme das autoridades comeza a xerarse en 2006, con Armstrong xa retirado, cando o ex-compañeiro do texano Frankie Andreu, xunto coa súa muller, Betsy Andreu, declaran ante xuramento que Armstrong admitira tomar substancias dopantes xusto despois do seu tratamento contra o cancro.

Logo disto virían as declaracións dos seus ex-compañeiros Floyd Landis e Tyler Hamilton, coñecidos polas súas prácticas dopantes tras saír do US Postal e a da trama Armstrong, quenes tras ser cazados non dubidaron en tirar da manta estes anos. Explicáronlle á Axencia Antidopaxe Estadounidense os movementos en Girona(onde o equipo US Postal vivía durante a temporada europea e centro do dopaxe organizado), as conexións de Armstrong, o uso de EPO, as transfusión sanguíneas e o método indetectable de Armstrong para non dar positivo. Landis aportou ademais determinados correos comprometedores que á postre serían os desencadenantes da posterior investigación.

 Aínda así, pouco máis se sabía ata este ano 2012. Declaracións de ex-compañeiros de Armstrong con pasado turbulento e sospeitas e rumores circulantes polo mundillo ciclista. Foi así ata Xuño de 2012, cando a USADA(Axencia Estadounidense Antidopaxe) arremete cargos de dóping contra Lance Armstrong, o cal de ser certo lle custaría os 7 Tours de Francia, cerrando así unha investigación de preto de 2 anos e deixando ó descuberto ó “ciclista que pasou máis de 500 controis e nunca deu positivo”, como adoitaba defenderse o texano. A sentencia especificaba que Armstrong era acusado formalmente de usar EPO, transfusións de sangue, testosterona, corticoides e de ademais pasar substancias a terceiros.

A sentencia da USADA

“Armstrong e o US Postal utilizaron o programa de dopaxe máis sofisticado e profesionalizado”. Así resume Travis T. Tygart, director executivo da USADA o dossier de máis de 1000 páxinas e apéndices sobre o caso Armstrong. Este dossier, publicado o 10 de Outubro deste 2012, pódese atopar aquí e é de libre acceso para calquera que queira ler os indicios da investigación contra Armstrong.

Lance Armstrong e os principais declarantes na súa contra (Fonte: bycling.com)

As principais probas na contra de Armstrong céntranse na declaración xurada de 26 persoas relacionadas con el, incluíndo 11 ex-compañeiros do americano. Estes son: Frankie Andreu, Michael Barry, Tyler Hamilton, George Hincapie, Floyd Landis, Stephan Swart, Jonathan Vaughters(retirados) e Tom Danielson, Levi Leipheimer, Christian Vandevelde e David Zabriskie(en activo). Os once corredores aceptan a eliminación dos resultados dos anos nos que se doparon e os corredores en activo unha sanción a maiores de 6 meses de suspensión.

As outras evidencias contra Armstrong serían segundo a USADA “pagos financeiros, correos electrónicos, datos científicos e probas de laboratorio que demostran máis o uso, posesión e distribución de drogas para mellorar o rendemento de Lance Armstrong e confirmar a decepcionante verdade das actividades engañosas do equipo US Postal”.

Documento cos ingresos de Lance Armstrong ó Doutor Ferrari (Fonte: dossier da investigación da USADA, páx.107)

Afondando nas declaracións dos implicados e probas documentais, hai unha coincidencia clave de todos os declarantes en torno á omertá mafiosa ó redor de Armstrong. A existenza dunha lei do silencio e a figura autoritaria á que os seus ex-compañeiros fan referencia non fai senón desfacer por completo a lenda do americano. Así, os compañeiros dan a entender que estás con el ou contra el. Estar no equipo A significaba optar a todo o material do que dispoñía Armstrong e para o texano, como se diría en Casablanca, “ese era o comezo dunha grande amizade”.

En canto ós médicos do equipo, todos os declarantes relacionan a Armstrong co Doutor Ferrari(a quen Lance solía chamar Schumi), quen persoalmente o levou durante a maior parte de anos de súa carreira e a quen o americano lle pagou máis de un millón de euros(ver imaxe adxunta), ademais de declarar que o subministro de EPO e as transfusións sanguíneas corrían a cargo dos médicos españois Pedro Celaya e García del Moral, xunto co preparador Pepe Martí. Cabe destacar que todos estes profesionais tiñan a súa clínica en Cataluña, preto das casas dos corredores do US Postal, que vivían en Girona durante a tempada ciclista.

O transporte do material corría a cabo moitas veces das mulleres dos propios ciclistas, médicos, directores ou xente que traballaba especificamente niso para o equipo. Aquí é onde aparece a sorprendente figura do Motoman, como ben definía Tyler Hamilton, o home encargado de levar o dóping desde Valencia a calquera punto de Francia na súa moto, evitando todo tipo de controis e chegando coa mercancía dun día para outro. De película.

Non menos sorprendentes eran os métodos para pasar os controis antidopaxe. Esta era unha das innumerables obsesións de Armstrong, metódico e sempre á última segundo as declaracións de Landis e Hamilton. Segundo a investigación da USADA as fórmulas eran moitas e diversas:

  • A primeira das formas, se acababas de inxectar EPO e era posible dar positivo, era tan fácil como facer que non estabas en casa e non abrir a porta. Xa volverían para facer o test e aí si o se pasaría sen problema.
  • Usar substancias e métodos indetectables. Ir por diante do antidóping, así sería imposible que te colleran. Se por un acaso subise o hematocrito(nivel de glóbulos vermellos en sangue, o normal é entre un 40 e 50%) a un nivel anormal baixaríase mediante infusións salinas.
  • Saber as limitacións dos métodos antidóping, o que son capaces de detectar e o que non. Por exemplo, a EPO non era detectable no ano 2000.
  • Utilizar microdoses de EPO indetectables e infusións salinas para baixar o hematocrito. Vendíase como método infalible.

Outros datos de interese da investigación

  1. Lance Armstrong deu positivo tralo prólogo do Tour de Francia de 1999 polo uso de cortisona, substancia que utilizan numerosos ciclistas con presrición médica, pero Armstrong carecía dela. A forma de conseguir unha autorización para tomala foi a través do médico García del Moral, quen falsificou unha autorización con data previa ó positivo.
  2. Segundo o dossier da investigación Lance Armstrong continúa co dopaxe sanguíneo durante os Tours de 2009 e 2010.
  3. George Hincapie relatou que trala vitoria de Armstrong no Tour de Francia 2005, o que era a 7ª vitoria para o americano converténdose no mellor da historia, marchou para Estados Unidos, mandándoo a el a “limpar” toda a casa de Girona de substancias dopantes. A escura labor do gregario, suponse.
  4. A USADA informa que Lance Armstrong rexeitou colaborar coa investigación, ó igual co Doutor Michelle Ferrari e García del Moral, sancionados a perpetuidade. Pola contra, o director Johann Bruyneel, o médico Pedro Celaya e o preparador Pepe Martí decidiron recurrir os cargos e levar o seu caso a arbitraxe.
  5. Levi Leipheimer declara que seguiu recibindo EPO de Pepe Martí nos períodos de 2002 a 2004 en Rabobank, e en 2005 e 2006 en Gerolsteiner, a espaldas de Armstrong e o equipo US Postal, que non podían enterarse.

    Pagos a Michele Ferrari ano 2005 (Fonte: ciclismo2005.blogspot.com)

Cabería engadir que ademais das sospeitas sobre os equipos Rabobank e Gerolsteiner, hai máis implicados que o equipo US Postal, como é o caso de Vinokourov e Kashechkin, relacionados co Doutor Ferrari(ver imaxe adxunta).

O futuro do ciclismo 

Quedan manchadas con este caso finalmente as décadas dos 90 e 2000. O caso Festina, a Operación Puerto, agora o Caso Armstrong. A gran maioría dos vencedores dos últimos 15 anos manchados polo dopaxe. Tan só quedarán os recordos. Este último caso acaba de reventar as clasificacións, pois xa asegurou a UCI(Unión Ciclista Internacional) que os Tours vencidos por Armstrong quedarán desertos. É o esperable cando todos os que foron podio durante esta década pasada dos 2000 están nunha ou outra operación antidopaxe(Ullrich, Basso, Beloki, Rumsas) ou en equipos con dopaxe organizado recoñecido(Vinokourov ou Klöden no Telekom). Botaremos a vista atrás e veremos un ciclismo de farmacia, un ciclismo de médicos, onde non gañaba o máis forte senón o que mellor “asesorado” estaba. Os recordos serán dun Armstrong imperial e un Ullrich loitando contra el, un Vinokourov atacando a 100 quilómetros de meta e un Beloki ou Ibán Mayo sendo as esperanzas españolas. Pero eses corredores cos que moitos crecimos eran mentiras. Esperemos que o futuro do ciclismo sexa mellor. A chegada do pasaporte biolóxico e de ciclistas e equipos con outra cultura é un importante avance que impedirá que casos como o de US Postal e Armstrong se volva repetir.

Sabemos que aínda non está todo dito, a UCI non se pronunciou e pediu un prazo de tres semanas para facelo. Pero as probas da USADA son irrefutables. Unha Axencia Antidopaxe Estadounidense que aínda sacando os trapos sucios de forma tardía debemos aplaudila, xa que tivo agallas para escarvar na época máis escura do ciclismo, atrevéndose a enfrontarse ó maior capo do ciclismo da historia.

Cérrase así unha das épocas históricas e bellas do ciclismo como unha época manchada e vacía de vencedores, onde os derrotados somos os fieis espectadores que só manteremos o recordo dunha película que foi mentira e o desexo de que algún día se erradique o dopaxe e poidamos disfrutar co ciclismo.