Henrikh Mkhitaryan, o novo Kaká

Se nos dixeran que pensásemos por un momento en Armenia probablemente o fútbol non fose o primeiro que nos viñese á mente. O grupo de System of a down, o xenocidio armenio ou as voluptuosas féminas eurovisivas seguramente aparecerían antes na nosa cabeza que calquera relación do país ex-soviético co deporte rei. Mais o fútbol ten un compoñente mundial en constante desenvolvemento, e o país armenio ten neste futuro inmediato algo que dicir. A punto de entrar na Eurocopa 2012, boa culpa diso tena un só xogador, Henrikh Mkhitaryan. O paso da selección armenia de ser unha cincenta a un equipo aguerrido e contratacador é un feito, como vimos hai uns días contra a selección italiana, onde Armenia caeu derrotada por un pelexado 1-3.

Mkhitaryan na súa presentación co Shakhtar Donetsk (o nome está escrito en alfabeto cirílico)

Henrikh Mkhitaryan (Ereván, 21 de xaneiro de 1989), pronunciado algo así como /Emjquitárian/ é un media punta armenio que xoga desde o ano 2010 para o Shakhtar Donetsk. É posible que isto a moitos non lles diga nada, pero é actualmente o motor dun equipo á alza nos últimos anos, un equipo que de non caer derrotado nos próximos encontros o 23 de novembro de 2012 cumplirá un ano sen perder un só partido. Debutando con 17 anos na Primeira División armenia no Pyunik Yerevan, Mkhitaryan pronto foi contratado polo segundo equipo máis importante de Donetsk, o Metalurh. Con 12 goles en 37 partidos chamou a atención do xigante ucraíno, o Shakhtar, quen en 2010 se fixo cos servizos dunha das principais promesas europeas por algo menos de 6 millóns de euros. Desde entón, o armenio non fixo máis que crecer ata converterse nun dos mellores mediapuntas do vello continente. Todocampista chegador, capaz de xogar desde o posto de mediocentro defensivo ata o de dianteiro centro. Coa principal característica de ter unha zancada espectacular, que combina cunha capacidade técnica envidiable, a súa comparativa sería unha mestura da capacidade de recorrido de Fellaini, o despregue defensivo e chegada de Steven Gerrard, a brega de Yaya Touré e sobre todo, a habilidade, velocidade, conducción precisa con balón e gol do mellor Kaká.

Mkhitaryan celebrando un dos 14 goles en liga da actual tempada

A primeira vez que o armenio se deu a coñecer ó público internacional foi na Champions League da tempada 2010/2011, cando en cuartos de final o Shakhtar Donetsk se enfrontou ó Barcelona, fase na que o equipo ucraíno caeu derrotado. Ó lado do checo Hübschman, a presenza de Mkhitaryan como medio centro defensivo non evidenciou nesa eliminatoria nin ó longo desa edición da Champions todo o que prometía o armenio, pois a primeira imaxe foi a dun mediocampista defensivo correcto sen moito recorrido. Foi na tempada 2011/2012, o ano pasado, onde Mircea Lucescu (adestrador do Shakhtar Donetsk) viu que podía aportar chegada e recorrido se xogaba uns metros máis adiante do centro do campo e aí o colocou, intercambiándose dese xeito a posición co brasileño Fernandinho, quen a retrasou para favorecer o crecemento da promesa armenia.

O rendemento do armenio foi notable dese xeito na tempada pasada, participando en todo o xogo de ataque e logrando 11 goles, mais non foi ata esta tempada 2012/2013 onde se produciu a explosión do bo de Mkhitaryan. 16 goles en 17 partidos entre todas as competicións evidencian uns números excelentes a pesar de xogar na pouco potente liga ucraína. E máis para un xogador que xoga no centro do campo. Pode que Ucraína se lle quede pequeno, máis tras demostrar que pode dominar Europa como ante a Juventus no partido da fase de grupos da actual edición da Champions League. 2 goles en 3 partidos é a marca ata o momento do armenio, e é que Mkhitaryan está a ser a estrela dun Shakhtar líder do seu grupo con 7 puntos, por diante de Chelsea con 4 e Juventus con 3. Só queda que un grande do vello continente se atreva con el ou que os petrodólares dos equipos da antiga URSS consigan vencer en Europa. Eu téñoo claro, apostaría por el. Iso si, non será barato sacalo do frío do este europeo. Estimo nuns 30 millóns de euros o seu prezo de mercado. A ver quen é o primeiro en pagalos.

 Características:

Aquí vos deixo un pequeno vídeo do que armenio pode facer partido a partido.

E aquí os seus mellores goles (segundo as valoracións dun usuario de Youtube).