Oppa Compostyle

Na noite do pasado xoves 18 de Outubro, a unha hora medianamente decente, saímos da casa. Facía un frío seco e deprimente. Dirixímonos ó Shangó. Non había moito público pola zona e resultaba un tanto desolador entrar nun local baleiro que xa de por si non me gusta. Ningún dos temas que naquel momento puñan se parecía en algo ó que quixera escoitar.

Na barra había un espazo reservado para Compostimes onde compañeiros do xornal facían quendas como camareiros. Nas súas mans multiplicábanse chupitos cos que invitar ós que nos quixeron acompañar na nosa noite de presentación. Un difícil combinado de ron e chocolate con xeo picado – ó meu entender unha amálgama espesa e desagradable – foi a opción escollida para compracer ós presentes. Para a miña sorpresa, a mestura foi todo un éxito ó estilo Compostimes.

As cousas estaban tranquilas pola discoteca así que marchamos para o Gasteiz, abandonando calquera tipo de obriga moral. Polo camiño aproveitei para vender algunha entrada e xuntar curiosas anécdotas. Un rapaz comproume unha só porque se dedicaba a coleccionar entradas das festas que se celebran en Shangó. Mentres lle agradecía a venta apartábame paseniño do seu carón, incrédula e temerosa. ¿Canto tiveron que traballar os dentes da decadencia humana para cavar o foxo existente entre a filatelia e isto?

A decoración underground dun pequeno local enreixado e cuberto de pósteres, a música, os litros con sabor a mora, as botas, o pelo e o carisma de David. Inmutables praceres que nos topamos nas galerías da Rúa Nova de Abaixo unha vez nos distanciamos do coleccionista de entradas.

Pero cando o ánimo non acompaña parece que todo o mundo se foi hai tempo e que quedamos os mesmos de sempre –  metamorfoseados e sós – nun lugar que xa non existe. A xente parece máis fea e estúpida cada noite que pasa, como unha película que se acelera ata fundirse nunha desintegración mecánica. As noites quedan desprovistas de sentido cando non hai comodidade.

Marchamos pois do Gasteiz sen escoitar No woman no cry, tema que pecha o bar.  O son dos tambores do Thunderstruck de AC/DC permanecía suspendido no aire mentres baixabamos a costa das galerías (por experiencia direivos que o risco de esvarar é moi elevado nesta zona cando está mollada, algo sinxelo ó tratarse da cidade da choiva e o pub dos litros de alcol).

Algúns dos asistentes á festa. Como lean Compostimes coa mesma paixón coa que bailan…        © Jesús Silva Vilas

Retornamos ó Shangó, onde a xente xa comezaba a multiplicarse. Fóra cortaba o frío, dentro cortábase o bacalao* (esta vai por ti, Chimo Bayo). As condicións dos asistentes á festa foron minguando de maneira proporcional ós descontos en copas que ofrecía a compra da entrada. Canción tras insulto, inxuria tras canción, foi avanzando a noite. O láser de cores do fondo da sala confundíase cos flashes do photocall. A imaxe resultaba moi descritiva en conxunto cos brazos erguidos e sombreados da mocidade que ocupaba a pista.

Tralo obrigatorio Gangnam Style deixei de observar a seres rompendo tarimas e comecei a velo todo dende a perspectiva do gardarroupas: coiro, tela vaqueira, pelo, tecidos impermeables, de lana, de algodón… O punto fixo permitíame percibir con maior claridade o avance da bebedeira xeral. O diferencial entre o estado á entrada e á saída dos que non se quixeron perder a cita con Compostimes foi un auténtico triunfo. De seguro darán testemuño disto as fotografías da festa que publicaremos ó final desta semana.

O éxito da estrea quedou consumido case por completo na presentación que a mañá do mesmo xoves realizamos na Facultade de Ciencias da Comunicación. Quizabes as perspectivas postas na festa do Shangó foron moi elevadas; pode ser que non se conseguise a perfecta sincronía entre planificación, organización e execución; pero seguimos crecendo en lectores. Atrás deixamos os cascallos de servidores caídos e problemas varios. Continuamos, como ben expresaba Álex Salse no seu artigo De informativos y confianza, cara un tempo ben chamado porvir.

Para vivir un año es necesario
morirse muchas veces mucho.
Ángel González.

PD: Non podo marchar sen agradecerlle á discoteca Shangó a oportunidade de realizar a festa no seu local – amplo e concorrido – e a amabilidade coa que fomos tratados.