Bielorrusia-España: O partido que non se viu

Alfredo Martínez (Onda Cero) narrando o partido dende a habitación do hotel de Minsk (Bielorrusia) – Foto: Terra
Vivimos na época dos dereitos deportivos a subasta, onde a televisión manda por enriba de todo, onde o teu equipo xoga ás doce da mañá do domingo, ou ás catro da tarde do sábado, ou un luns, quizais mellor un venres, ou incluso ás once da noite ¿por que non? E nese contexto un partido da nosa selección quedou sen cobertura. Quizais porque o fútbol é rentable pero as operadoras españolas non sempre teñen o control total.
Corría o ano 1983 e na selección española as faltas as tiraba Señor e non Xavi, os goles os marcaba Santillana e non Villa, e as paradas corrían a cargo de Paco Buyo e non de Casillas. Nese ano, en Malta, vivimos o último partido do combinado nacional que non tivo cobertura. Daquela non existían os dereitos televisivos, nin os directivos que se beneficiaban deles, senón que simplemente non chegaba o sinal por satélite dende a illa mediterránea.
No caso actual, a empresa Sporfive (de orixe alemán, vaia casualidade) decidiu subastar o partido por tres millóns de euros e a ningún dos tres grupos de televisión principais en aberto (TVE, Mediaset e o Grupo Antena 3), nin as televisión de pago, lles apeteceu pagar esa cantidade por emitir un partido que, nin pola hora nin polo rival, ía a ter especial interese. A operadora alemana rebaixou as súas pretensións pero nin con esas o partido se emitiu no noso país. Por sorte quedaba internet e, por suposto, a radio.
Sen embargo, as radios españolas tampouco fixeron un negocio redondo neste caso. Elas son as principales prexudicadas da guerra dos dereitos na liga española e, coa selección, levaron a sorpresa ao chegar a Minsk de que tiñan que pagar 25.000 euros por entrar ao estadio. A súa solución non foi outra que narrar o encontro dende os hoteis coa sinal da televisión bielorrusa. Quizais cunha pouca de planificación houbesen aforrado a viaxe, aínda que este medio de comunicación con seguridade é o menos culpable do sistema de dereitos que impera no fútbol.
Este foi o venres deportivo en España, onde sen axuda deses grandes operadores televisivos puidemos desfrutar dos goles de Pedro e Jordi Alba, iso sí, por internet. Quizais detalles coma este deberían facer reflexionar aos directivos das grandes cadeas e da LFP de que o espectador simplemente quere ver fútbol a unha hora normal, xa sexa pola televisión ou cando se achega ao estadio cada quince días. Porque o máis importante do fútbol debería ser o espectador, ese grande esquecido nos últimos tempos.