En territorio hostil, un coruñés en Balaídos

O pasado sábado pisei por primeira vez Balaídos. Dito así pode ser algo non moi novidoso, que calquera que lle guste o fútbol pode facer de vez en cando. Pero é algo máis raro cando son siareiro do eterno rival do Celta.

Eu nunca tiven ningún tipo de prexuízo contra o equipo vigués, sempre defendín que era o segundo equipo de Galicia. De feito prefiro que alguén sexa seguidor do Celta antes que de outros equipos do resto do estado, xa que a quen temos que defender e animar por diante de outros son aos equipos da nosa terra. Polo tanto non me considero anticeltista.

O día comezaba con ganas, uns amigos quedaran de recollerme en Compostela sobre das cinco. Non había a sensación de derbi que había o ano pasado. Quizais porque daquela quentárase demasiado, quizais porque desta Iago Aspas non fixera ningunha das súas polémicas declaracións ou quizais porque os Riazor Blues non viaxaban a este partido.

Chegamos a Vigo e o primeiro, a pesar das indicacións que nos deran foi intentar atopar o estadio, para despois desde alí buscar aparcamento. Lograr chegar ao coliseo vigués foi unha tarefa case imposible, debido á pouca e mala señalización que indicaba aos de fóra como chegar. Descoñecíamos Vigo así que o que fixemos foi seguir a orientación dos centos de persoas vestidas con cores celestes, grazas a eles chegamos á famosa Praza América, polo que entendimos que estabamos preto do estadio, e así foi. Vimos o estadio e buscamos lugar para aparcamento.

Balaídos, 19.30h

Alí estaba o noso destino, o templo celtista, Balaídos. A primeira impresión por fóra é que quizais a man dun albanel non lle viría mal. Os meus amigos pasaron o cerco policial que impedía achegarse á xente deportivista. Eles mercaran a entrada para a grada visitante, mentres que eu fun invitado por unha boa rapaza a cambio de que me infiltrase entre a xente local.

Non houbo moito problema na mítica tribuna de Río Alto. A xente chegaba con tempo e con ganas de partido. Eu, por unha vez na vida non fun disfrazado coas cores do meu equipo, para non provocar, non se trataba de crear inimigos xa de comezo.

A localidade na que ía pasar os noventa minutos situábase xusto debaixo da cámara de MarcaTV, que retransmitía o partido en directo, polo tanto era un asento céntrico. E por fin chegaba a hora de comezo, as oito da tarde. A cada momento sucedíanse os cánticos contra o equipo cascarilleiro. Uns dicían que só hai un Deportivo e que é o Deportivo Alavés. Pobres siareiros do Deportivo Guadalaxara e do Deportivo Alcoiano, entre outros que non son considerados polos vigueses. Poucos cánticos había para animar ao equipo propio, se non que a maioría eran para recordar ao equipo herculino. Como nota positiva cabe destacar que nesta ocasión non se escoitaron destacadamente cánticos recordando mortes de xogadores ou graves lesións doutros como soe ser habitual neste tipo de encontros.

Aos dez minutos o Deportivo xa ía perdendo, Bermejo marcaba o primeiro e o estadio fervía de ledicia, mentres que eu, debin de ser a única persoa que non celebrara o gol no meu entorno, polo que a xente do meu arredor xa podería ir vendo que non era dos seus. Pero, por sorte o Deportivo empataba pouco máis tarde. Non celebrei o gol, e debía de ser a primeira vez na vida que non berraba ao marcar o meu equipo, tocoume tragar a rabia e bastarme cun pícaro sorriso que delataba a miña felicidade instantánea.

A partir de aí o partido tivo poucas cousas máis destacables, quitando as polémicas arbitrais que obviamente os celestes reclamaban para os seus intereses. Quizais o único reseñable foron os trocos, e a diferencia que provocaron no sentir da xente. Primeiro saía Riki do campo, un provocador nato, que claramente foi apupado polo graderío.  Despois foi trocado Valerón, o cal provocou unha división de opinións, uns silbaban, mentras que outros ovacionábanno. O máis curioso que atopei na grada foi un rapaz que insultaba aos que lle aplaudían ao canario, “pagais 80 euros para venir a aplaudirle al rival?” clamaba, entre outros varios desprezos cara os compañeiros de grada. E sinceramente, penso que quen critica a quen recoñece unha boa labor do rival son os primeiros que necesitan cambiar as súas actitudes xa que esas soas nos van levar cara un maior e innecesario odio.

O partido remataba, con reparto de puntos e coa sensación para ambos de que se pudo facer máis. O destacable da miña visita a territorio “hostil” foi a normalidade, que ogallá se traducise en boas relacións cara o futuro, e ogallá fose algo normal ir cunha camisola celeste a Riazor ou cunha zamarra branquiazul a Balaídos, como ocurre por exemplo no derbi vasco, pero de momento é algo que se ve lonxano.

Desta vez houbo piques, como é de entender e ata me parecen gustosos para incentivar a ambos equipos sempre e cando sexan respetuosos e ben entendidos. O mellor desta vez foi que por sorte non houbo ningún acto de violencia destacable, como aconteceu o ano pasado en ámbolos dous derbis de segunda. E que así siga.