Eleccións nos EUA, ou deixar a Galiña Caponata en bragas

Cada candidato ollando para o seu lado.

Recuperados Feijóo e Beiras da resaca do 21-O, con PSOE e BNG aínda a ibuprofenos, os ollos dos observadores políticos cruzan o Atlántico. As potencias votan xuntas e os EUA celebran as súas eleccións presidenciais poucas semanas despois de que os galegos revalidaramos o mandato do noso sétimo presidente. Os Estados de América deixan de estar unidos durante o martes 6 de novembro para aliñarse co candidato que mellor lles coma a orella. Barack Obama vs. Mitt Romney. Dos hombres y un mismo destino, en palabras de Bustamante. Ambos os dous aspiran a sentar no despacho oval durante catro anos, máis longos que os de calquera grao e sen poder rematar o xoves noite en Liberty. Os temas? A saída da crise e a fiscalidade, a reforma do sistema sanitario, as guerras no Iraq e no Afganistán, a ameaza en Irán, o matrimonio gay, a independencia enerxética… entre outros moitos.

Porén, antes de entrarmos en materia, é preciso que nos deteñamos un bocado máis nos candidatos. Quen son o Feijóo e o Pachi americanos? De onde saíron eses dous homes que compiten por chegar ao Monte Pío de Washington, á Casa Branca? Eis un breve retrato:


Barack Hussein Obama II (Honolulu, 1961)
: o candidato demócrata e 44º Presidente dos EUA é un mulato de nai estadounidense e fillo de keniata. Barack é un ZP da vida: non é que as súas políticas se parezan especialmente, mais ambos os dous son profesores de Dereito consitucional cunha meteórica carreira política que os levou até o cumio do poder nos seus respectivos países sendo relativamente novos. A elección de Obama como presidente hai catro anos supuxo un fito na historia dos EUA: a primeira vez que un afroamericano chegaba á Casa Branca, que non se chamaba así por casualidade. Obama converteuse nun auténtico líder de masas, en América e en Europa, e os estadounidenses votárono entre consignas de Change e Yes, we can. A esperanza era dar un xiro de 180 graos ao país tras a era Bush e a promesa estrela a saída de Iraq. Hoxe, catro anos despois, o cheiro a rancio touciño filloeiro desapareceu da Casa Branca, mais o furor obamístico tamén se evaporou. E as críticas son numerosas: as tropas continúan no Iraq, a lexislación sanitaria é divisiva e a economía do país compórtase peor que ese profesor que te manda a xuño cun 4,9. Os seus defensores, pola contra, salientan o que ven como logros: os EUA é o país industrializado que mellor lida coa peor crise desde o 29, exténdese a cobertura médica e a retirada de Oriente Medio está encamiñada.

Willard Mitt Romney (1947, Detroit): a aposta republicana é un dos fillos de George Romney, ex-gobernador republicano de Michigan.Mitt estudou Dereito e ADE nas mellores universidades do país e candidátase agora para a Presidencia, tal e como o seu pai fixo anos atrás sen moito éxito. Quen apoia a Mitt fala del como un home moderado, pragmático e cálido no persoal que chega á carreira presidencial cos avais dun historial de éxito nos negocios e un máis que decente mandato como gobernador de Massachusetts. O seu maior obxectivo disque é amañar a desfeita de Obama. Pola outra banda, hai quen non se fía do rapaz: os seus cambios de opinión durante o tempo son notorios (ata deron para un rap), moitos veno como un multimillonario fóra de contacto coa realidade do americano medio e, ademais, é mormón. Os EUA é un país onde a relixión continúa tendo certo peso na vida pública. Así, se os 50 estados fosen unha aula chea de catequistas os mormóns serían vistos pola maioría dos alumnos como os freaks do curso. A súa estrita moral (que veda alcol, tabaco, café ou té), prácticas como o bautismo dos mortos ou o uso dunha roupa interior especial, que segundo eles axuda a non caer no pecado, pode custar a Mitt o voto dalgún que outro elector que desconfíe da súa fe. Porén, Romney presenta as eleccións non como unha mera carreira electoral, mais tamén como as eleccións para “restaurar a alma de América” que Obama tería violentado. E quen mellor para facelo que un antigo misioneiro?

Evidentemente existen outros candidatos minoritarios: verdes, libertarios, populistas, etc… con poucas aspiracións alén de rañar algún voto alternativo. Por completarmos o mapa político poderíase dicir que o Franciso Jorquera americano é Virgil Goode, candidato polo Constitution Party e igual de gris e aburrido que o bloqueiro. E, sen dúbidas, o Beiras ianqui é Ron Paul. De ideas completamente opostas, sendo Beiras marxista e Paul libertario, entre ambos atópanse paralelismos: son adorables e carismáticos avós con amplo apoio entre a xuventude idealista e tradicionalmente pintados polo resto como unha especie vello de boas intencións mais ao que lle chove na casa. Paul, no entanto e ao contario que Beiras en Galicia, non se presenta á carreira tras perder as primarias republicanas contra Romney.

Obama e Romney levan xa algúns meses fostiándose mutuamente ao longo e largo do país, moitas veces coa elegancia máis propia dunha lea entre un celtarra e un riazorblues antes que a que cabería agardar de aspirantes a liderar o mundo libre. O resto dos candidatos, pola contra, están máis afastados dos focos e comparados quedan ao nivel dun nacho das Brigadas Lucenses ou de Furya Granate. Iso si, os sufridos contendentes non percorren todo o país. Concentran a campaña naqueles estados que poden facer a diferenza e que ao longo dos meses son bombardeados con propaganda en TV, radios, xornais e tamén percorridos por exércitos de voluntarios á procura do voto incauto. Se estabas farta de que a furgoneta de Compromiso por Galicia che fastidiase á hora da sesta cos altavoces a todo meter, pensa no pobre Joe de Iowa a quen o teléfono lle soa a cada hora preguntando se xa decidiu o voto. Ou imaxina como lles corta o rollo aos votantes de Colorado alleos a series.ly, que Obama explique o seu plan sanitario nun intermedio de The Walking Dead o domingo á noite.

De oeste a leste: Nevada, Colorado, Iowa, Wisconsin, Michigan, Florida, Ohio, Carolina do Norte, Virxinia, Pensilvania e New Hampshire son os estados que decantarán a elección

Ainda así os momentos chaves da campaña son os debates entre candidatos. En Galicia tivemos o discutible pracer de gozar dos primeiros 30 anos despois da restauración da nosa autonomía. Aló que, en teoría, nos levan 270 anos de vantaxe na movida esta da democracia teñen máis costume e xa os veñen televisando desde aproximadamente os anos 50. As noites de debate son aínda veladas rituais e cuase-místicas ás que os interesados en política, e non só, acoden excitados cada catro anos, aínda que o impacto dos enfrontamentos no voto é relativamente reducido. Tradicionalmente fanse tres, máis un para os vicepresidentes, con tres formatos distintos. Estes foron os de este ano:

Primeiro debate. Mércores, 3 de outubro de 2012.
Lugar: Universidade de Denver, Colorado.
Asuntos: economía e creación de emprego, seguridade social e sanidade e papel do goberno na sociedade.
Moderador: Jim Lehrer.
Gañador: Mitt Romney.

Romney chegaba ao primeiro debate por baixo nas enquisas, cunha base electoral desanimada e coas expectativas contrarias dun público que pensaba que Obama gañaría o debate. Nada máis lonxe da realidade. O debate comezou equilibrado mais co paso do tempo o republicano foise crecendo e Obama desinchándose. Romney empezou a repartir a torto e a dereito: que se o déficit mal querido Barack, que se estás matando ás clases medias, que se es un presidente realmente malvado que lle queres impoñer ás vellas de Arkansas a que médico teñen que ir… e todo así. Obama semellaba adormecido, canso e aturullado, incapaz de refutar os argumentos e cifras dun Romney sólido e presidencial que lanzaba á audiencia pequenos exordios lacrimóxenos. Foi precisamente el quen protagonizou o momento da noite cando, detallando o seu plan de recortes, dirixiuse ao moderador para dicirlle que tanto el como a Galiña Caponata lle caían moi ben pero que lles ía quitar a subvención á súa televisión. Algo así como se Feijóo lle dixese a Gayoso que ía deixar de soltar viruta para o Xabarín Club. Ese debate serviu para que os EUA redescobrisen a Mitt Romney e para motivar a base republicana. O pobre papel do moderador Lehrer tamén lle valeu unha parodia en twitter.

Romney declara o seu amor pola galiña Caponata:

Segundo debate. Martes 16 de outubro.

Lugar: Universidade de Hofstra, Nova Iorque.
Asuntos: política xeral.
Moderadora: Candy Crowley
Gañador: Barack Obama

Obama e Romney atopáronse de novo algunhas semanas despois. Pasados uns días de desconcerto nas filas demócratas Obama reapareceu para azoutar Romney co látego do seu carisma. Animado por xogar na casa, un estado tradicionalmente demócrata, o presidente mostrouse agresivo, determinado e levou o peso do debate diante dunha manchea de votantes incecisos que, en formato de Tengo una pregunta para usted, formulaban as súas preguntas aos candidatos. O republicano fixo un debate moi discreto, percibido como peor que o primeiro. Perdeu oportunidades de asestar duros golpes ao presidente en varios puntos, mostrándose impaciente coa moderadora e facendo algo que está mal visto: interromper o presidente cando fala. Foi, certamente, un debate bronco. A anécdota da noite foi dupla esta vez e estivo tamén protagonizada polo ex misioneiro mormón. En primeiro lugar, respondendo unha pregunta sobre a igualdade salarial entre sexos dixo que, durante a súa etapa a fronte de Massachusetts, solicitara “carpetas cheas de mulleres” (binders full of women) para prestar servizos na súa Administración, o que rapidamente foi malinterpretado e convertido nun meme. Despois, tivo a desgraza de meter a zoca nunha pregunta relativa a Libia dicindo que o goberno non cualificara o ataque contra a embaixada ianqui en Bengazhi como un acto de terrorismo ata pasados varios días. Nese momento foi corrixido pola mediadora do debate entre aplausos do público e un Obama exultante que preguntaba: podes dicilo máis alto Candy?. O Presidente recuperaba terreno.

Obama respondendo e Romney cabreándose porque Candy non lle deixa meter baza.

Terceiro debate. Luns 22 de outubro.
Lugar: Universidade de Lynn, Florida.
Asuntos: política exterior, con anacos dedicados á política doméstica introducidos polos candidatos.
Moderador: Bob Schiffer
Gañador: Barack Obama

Terceiras partes nunca foron boas e a terceira cita dos candidatos coas cámaras e coa nación foi máis aburrida do que as dúas previas. Empatados nas enquisas os candidatos chegaron ao debate con estratexías diferentes: Obama dicir a lección aprendida durante estes catro anos como o repelente neno Vicente e bourar no seu rival canto puidese; Mitt poñerse de perfil e aturar as embestidas do demócrata nun tema que non era o seu forte. Obama gañou, mais a súa estratexia de mallar en Romney como centeo verde perxudicou a súa imaxe de político “con talante” que non entra ao trapo. Mitt reprochoullo en varias ocasións, afirmando que os problemas do país non se podían resolver atacándoo a el. O debate presentou paralelismos co primeiro, cun candidato pasivo e outro máis agresivo, mais desta vez foi o republicano quen, por veces, non compareceu. O zasca da noite veu cando Romney criticou que o tamaño da Mariña era o máis pequeno desde 1920. Obama retrucoulle, cunha retranca que pasaría pola dun paisano de Coirós, que o exército tamén tiña menos cabalos e baionetas. Novamente máis outro meme. Barack Obama gañou, mais Romney conseguiu o seu obxectivo e salvou a noite.

O comentario dos cabalos e as baionetas:

Bonus. Debate vicepresidencial. Xoves 11 de outubro
Lugar: Centre College, Kentucky.
Asuntos: política exterior e doméstica (impostos, sanidade, aborto e débeda nacional)
Moderadora: Martha Raddatz.
Gañador: Empate

O debate entre os candidatos á vicepresidencia decorreu entre o primeiro e o segundo que celebraron os compañeiros de candidatura. Aínda que nos EUA a Vicepresidencia adóitase ver como un cargo político sen máis valor que unha cuspideira vella, o resultado do primeiro deulle máis relevancia. Tivo lugar entre o actual vicepresidente Joe Biden, un tipo aburrido pero serio e competente, e a aposta republicana para nestas eleccións Paul Ryan, un congresista de Wisconsin estrela emerxente da dereita e obsesionado co exercicio físico e derrotar déficits públicos coas tesoiras que aparecen nos soños máis privados de Merkel. Biden tiña a tarefa de arrefriar o momento creado por Romney coa sua vitoria perante Obama no primeiro debate e evitar o crecemento da campaña republicana. Ryan, pola contra, chegaba á mesa co reto de abeirar a imaxe de ogro malvado e radical que quere quitar o médico aos avós. Tiveron un debate dinámico e vivo e, sen cometer grandes erros nen destacar especialmente un por riba do outro fixeron unhas táboas máis que dignas. O debate estivo marcado polas gargalladas e aspaventos de Biden que ría incredulamente e a cachón a cada idea introducida polo pipiolo republicano, como un dos múltiples ionquis da Alameda en pleno cenit da súa éxtase.

A imaxe dá unha idea da actuación de Biden no debate.

E agora que? Pois agora toca agardar até o martes 6 do mes vindeiro con emoción e nervosismo. Mitt Romney conserva unha lixeira vantaxe sobre Obama nas enquisas globais, de acordo coa maioría dos trackings, se ben o presidente está aínda por diante na maioría dos estados que poden ser decisivos para atribuír a Casa Branca a un ou a outro. Todo está aberto e calquera cousa pode pasar. Deica a noite electoral o resultado preséntasenos como unha icógnita ao nivel de qué lle pasa a Mariló Montero pola cabeza. Así pois… game on!