Debates de fume
Cando decidín que ía escribir un pequeno artigo sobre a serie de debates que se realizaron na TVG entre as tres forzas maioritarias en Galicia prediseñei unha estrutura moi clara. Perdín bastante tempo imaxinando grandes metáforas boxísticas para representar os golpes dialécticos, a sanguenta batalla da oratoria política, os descansos para trazar unha estratexia que desarmara a do rival. Incluso pensara en explicar a analoxía coa decisión sobre a victoria e a derrota dos púxiles en ambas disciplinas, pois de non haber un K.O ou unha victoria absolutamente incontestable, sempre tenderemos a pensar que gañou o noso favorito.
Coitado de min, aínda que fun resistindo canto puiden, acabei por poñer os pés na terra. Quería ver decididos loitadores deixando a pel no cuadrilátero e soltando bafaradas de argumentos que deixasen sen garda posible ao opoñente. Porén, só vin unha mesa, que realmente era redonda, e tres bustos parlantes combinados de diversos xeitos que por veces estaban máis nerviosos, outras máis tranquilos, outras insultábanse moderadamente e incluso tornaban amigos por momentos.
Os tres episodios (coma se dunha sit-com falaramos) foron un cúmulo de despropósitos que un ata debería sentir algo de apuro de enumerar pensando que de aí sairá o seu próximo Presidente. As patadas ao diccionario foron o máis destacable do Pachi vs Feijóo, porque é grave que un presidente nos tempos que corren non domine o inglés (como é costumbre en España) pero que cometa erros de vulto na súa propia lingua é como para facelo mirar.
O segundo acto estivo marcado pola actitude morna do candidato socialista diante de Jorquera, que viu como todas as súas propostas se vían respostadas cun “estou dacordo con vostede” seguido do ataque de rigor ao aínda Presidente Feijóo/ Rajoy/ Partido Popular por parte de Vázquez. O nacionalista experimentou con resignación, e case desesperación, aquilo de “dous non discuten se un non quere”. Mentres, Twitter fervía. Os máis moderados pedían que se bicasen e outros optaban por reproducir unha máis ca coñecida frase de Pulp Fiction que un servidor non repetirá por puro pudor.
Cheguei ao terceiro capítulo enfastiado polos dous anteriores. Xa farto e bloqueado só souben distinguir o mesmo argumento que me aburrira, interpretado por uns actores que xa vira e que xa decidira que non me gustaban. Foron tres días de pouca proposta, moito ataque persoal e unha oratoria canto menos deficiente. A culminación da venta de fume ao por maior. Os debates non son decisivos pero serven como síntomas da situación política do momento. E vendo o síntomas, o diagnóstico non ha de ser bo.