De reflexión en reflexión
Dous dos nosos redactores rompen a calma chicha da xornada de reflexión para lanzar cadanseu acendido alegato en favor da mesma. Pregamos tomen estes dous artigos coa seriedade que están pedindo a berros.
Abro Twitter e a xente aínda está en campaña. Abro Facebook e os meus amigos aínda fan campaña. Estou intentando escapar dos medios tradicionais para non enfadarme pero a portada de La Razón foi máis lista ca min. As rúas seguen ateigadas de cartaces e pancartas. Ten sentido aínda a xornada de reflexión se, de facto, non existe? Eu digo que si, pero non vou facer unha argumentación baseada en grandes eslógans nin en conceptos xigantescos coma a “honestidade democrática” ou o “dereito á meditación do pobo”. O meu postulado é moito máis simple: necesitamos descansar.
Dúas semanas de campaña atroz e non sei cantas máis de precampaña (bonito eufemismo, por certo) van minando a integridade mental do votante medianamente interesado por informarse de todas as opcións. A finais da campaña xa imaxino á xente desorientada por ver as fotos de Pachi Vázquez mirando a puntos indefinidos no espazo, outros que descobren arrepiados que non poden deixar de cantarruxar a canción de campaña de Los Limones para o PP, algún que xa non sabe se é nacionalista dos do BNG, CxG, AGE ou outras siglas que non descobreu aínda. Un díxome o outro día que lle tremeron todos os esquemas políticos cando se comezou a autoconvecer de que realmente C.XXI era máis antisistema que os comunistas, outro que el quería ser coma Mario Conde (anos de cárcere incluidos) e o último que non para de imitar a Álvaro Pombo no famoso mitin de UPyD.
Pouco me queda xa que dicir. Quizá o que necesitariamos son máis días de reflexión real, sen que ninguén intentase influirnos, aínda que iso é pura utopía. Ocórreseme, por exemplo, que os mesmos que pegan carteis os recollan antes dos últimos días para que o Sábado estivesen as cidades e pobos limpiños. Ao mellor hai alguén facéndoo hoxe, pero sigo sendo máis rápido ca case todos os medios que mo poderían contar.
Non deixa de resultar curioso que, nestes tempos de loita sen cuartel contra o estrés, o mundanal ruído, a xornada de reflexión estea a ser tan denostada. A xornada de reflexión é un saúdo ó sol de ioga, é a política zen, é a forma máis rápida de chegar ó nirvana da res publica.
Estudos psicolóxicos de indiscutible fama demóstrannos que a persoa é incapaz de reflexionar cando a asaetan milleiros de estímulos externos. En campaña electoral, o noso intelecto vese anubrado polo estímulo incendiario das declaracións do vello Beiras, polo estímulo festeiro da tonadilla electoral do Partido Popular, polo estímulo cuasierótico da figura de Pachi Vázquez e por esa privada excitación que a moitos lles causaría aparecer algún día nun deses carteis electorais. Todos estes estímulos impídennos pensar a xeito e fan necesaria a existencia dunha xornada de reflexión.
Non obstante, eu proporía algo a todos eses políticos que traballan cóbado con cóbado coa sufrida (e con pouco tempo para reflexións) clase media para saír desta crise. Propoño unha xornada de reflexión intensiva. Un día no que se bloquee o acceso a internet se impida a impresión dos xornais en papel, todos eles fontes inesgotables de distraccións. Un día no que a Xunta Electoral Central despregue os efectivos que sexan necesarios para impedir a práctica deportiva, a lectura e o sexo, xeradores todos de endorfinas e stairways to heaven que nos apartan perversamente da realidade diaria, da reflexión sobre cal dos supermáns en campaña nos salvará mellor da perdición. Un día no que, nun futuro que esperamos próximo, se impoña a deportación obrigada de tódolos cidadáns a unha cova no medio das incendiadas fragas do Eume. Todo sexa por unha perfecta reflexión.