De festa en festa e seguimos porque nos presta
Mércores 10 de outubro. En Compostela caían chuzos de punta, algo que non lles importou aos universitarios composteláns para saír de festa. “Desde cando en Santiago se van cambiar os plans polo tempo?” dicíanme. Aínda menos cando o paso de ecuador de Xornalismo celebraba a segunda festa do ano, logo do éxito da primeira. Os lugares elixidos: Central Perk para quentar motores e Liberty para rematar a noite. Os compañeiros foron orixinais á hora de decidir a temática e puidemos asistir á Festa Guasap (a típica festa do semáforo, pero adaptada ao ano 2012). Coa entrada de dous euros os participantes recibían unha etiqueta cun número e un dos tres símbolos da famosa aplicación. Un reloxo se non estabas interesado en que te molestasen, un tick para coñecer xente e dous ticks se esa noite non querías durmir só. O buzón para enviar guasaps estaba situado no fondo da barra, ao lado dos compañeiros do paso que regalaban chupitos coa compra da entrada. A xente estaba metida na festa e as mensaxes non deixaron de circular en toda a noite. Foi tal o éxito que se xestaron novas relacións interpersoais e se intensificaron as existentes. E senón que llo digan a… (insértese aquí nome de todos e todas os que “paparon” antonte).
A hora de inicio oficial eran as 22 horas, pero cando de verdade comezou a haber xente foi a partires da medianoite. Xa non chovía, polo que todos aqueles que celebraban botellóns na casa decidiron unirse á festa dos xornalistas. O Central Perk petouse e todo foron unhas risas. Para facerlle pé á motivación dese encontro, os donos do local repetiron numerosas veces a famosa canción de Carlie Ray Rapsen Call me maybe, himno xa oficial do paso. Tamén se oiu desde David Bisbal a Shakira, pasando por David Guetta e moitos outros que facían que os cubatas baixasen algo mellor, algo que se agradecía tendo en conta a “calidade” do alí servido. Como dirían moitos, “que lle vas pedir á oferta de 2×5 euros”. O peor para aqueles que se pasasen cos combinados chegaría ao día seguinte pola mañá.
A medida que avanzaba a noite podíase percibir como a lei antitabaco despregaba as súas peores armas e o olor a humanidade penetraba nas fosas nasais coma a lixivia na roupa amarela. A calor e a concentración humana en poucos metros cadrados era peor combinación que as copas (e chupitos) alí bebidos. A iso das 3 a.m. notamos como, da forma menos sutil posible, nos botaban do local, invitándonos a continuar a festa en Liberty. A música había tempo que só era un espexismo, por iso non importou demasiado o traslado de local. Ao chegar alí, os organizadores atopáronse cun problema do tamaño de porteiro de discoteca. Os chupitos que rulaban coma auga en Central Perk faltaban na segunda parte da festa e o porteiro acusou aos compañeiros do paso de querer enganar á xente ao vender as entradas. Que fixo? Prohibiulles facelo. Neste punto cómpre facer unha aclaración en canto aos prezos de Liberty:
– Mulleres: gratis (agás ocasións especiais coma Pasos de ecuador e até certa hora)
– Homes: 5.50 € con copa, ou a entrada do paso de ecuador de 2 €
Conclusión: Había que pagar si ou si. Non quedaba outra e como “poderoso caballero es don Dinero” e en Liberty viron que podían recadar máis coas súas entradas e non coas do paso, cortaron polo sano e prohibiron a venta.
Quitando este episodio un tanto desagradable, o resto da festa cumpriu as expectativas xeradas ao seu redor. A xente bailou, ligou, pasou un bo rato e nin o dioivo das horas previas nin os inconvenientes xurdidos puideron frear a festa. É o que ten Compostela.
Fotos realizadas por: Saúl Campos