Cheguei, vin… e perdín

A maior parte da historia política non é, como moitos pretenden que sexa, unha novela na que hai bos e malos, senón máis ben outra que se escribe con vencedores e vencidos. Por iso, e como sempre existe a tentación de lembrar a algún dos triunfadores (para ben ou para mal), un vai falar dos que saíron derrotados deste pequeno capítulo que foron as eleccións galegas intentando non caer nese costume tan autóctono que é facer leña da árbore caída.

Moito se escribiu xa sobre os dous grandes perdedores políticos da contenda, que acreditaron o impacto negativo dalgunha das desvantaxas coas que partían e que subliñamos en plena campaña. Por unha banda, o PSdeG pagou un prezo caro por presentar un candidato débil, condescendente nos debates cos adversarios e que chegou ao posto sen sequera un respaldo interno maioritario. Ademais, o proceso de reconversión do partido polo que se debería estar apostando desde Madrid quizá non teña a súa mellor expresión na figura de Pachi Vázquez.

Nun aparte ha de estar o caso do BNG. Coido que ninguén que prognosticase un escenario realista apostaría porque AGE os relegase a ser a cuarta forza no Parlamento. A maioría tomou as israelitas con cautela ben por non querer crelas, ben por conter a euforia dos bos agoiros. Quizá o problema dos nacionalistas foi un certo menosprezo á figura de Beiras (xa desde a escisión de Amio) e á súa capacidade de convocatoria do electorado, demostración clara de que militancia e masa social non sempre van da man.

A menor escala podemos situar outros fracasos de forzas que non obtiveron o resultado que agardaban. Poñamos como exemplo a CxG aos que os primeiros trackings os situaban con varios deputados e finalmente se viron como oitava formación, detrás de outras que tamén confiaban entrar no Hórreo como SCD e UPyD e que non se achegaron sequera ás cancelas do edificio.

Finalizamos xa comentando unha pequena anécdota: o peor resultado de entre todas as forzas coas que conversamos foi o de Converxencia XXI, que non acadou máis ca uns discretos 1039 votos e, curiosamente, a súa entrevista foi a máis compartida polos nosos lectores nas redes sociais. Dito isto, despídome antes de que o rumor do gafe sobrevoe as nosas cabezas e ningún político queira volver vernos.