Cando só quedan 5 meses e 5 días

Fotograma da película ‘4 meses, 3 semanas, 2 días’

Dende a primeira imaxe inestable, longa e dende un mesmo punto das amigas Otilia (Anamaria Marinca) e Gabita (Laura Vasiliu), que falan na súa habitación de residencia universitaria do Bucarest comunista, a película ‘4 meses, 3 semanas y 2 días’ (2007) transmite unha abafante sensación de desacougo e ansiedade. Os corredores da residencia, as rúas escuras e sen asfaltar e mesmo a claridade cegadora das habitacións van incrementando este frenético asubío de frío e densas bafaradas ata que toda a tensión estoupa cando se desvela o que estas se traen entre mans e aparece o Sr. Bebe (Vlad Ivanov) para complicar a tarefa máis do que nun comezo se presentaba.

Escrita e dirixida por Cristian Mungiu, é o seu segundo filme (tras ‘Occident’) e a primeira entrega da serie ‘Relatos da Idade de Ouro’, coa que o director romanés trata de narrar, a través de particulares á vez que transcendentais traxedias de persoas que o viviron, o período comunista do seu país. E o consegue. O filme traslada por completo ó espectador a unha época de farois apagados, hoteis sucios e cans famentos cunha estética que revoluciona o movemento xa de por si rompedor da Nova Ola Romanesa, iniciado en 2005 por Cristi Puiu. Unha sucesión de planos secuencia dunha duración que nada envexa ós máis característicos de Michael Haneke amosan dende o ombreiro inconsistente dun cámara en movemento as diferenzas  tan abismais que unha sociedade de hai tan só 25 anos (a película está ambientada en 1987) presentaba en circunstancias completamente cotiás como reservar unha habitación de hotel, mercar un paquete de tabaco ou coller un autobús.

Son estes uns planos, ademais, cuxa configuración, que non ten ningún tipo de pudores á hora de cortar as caras nun diálogo, por exemplo, e duración alimentan a tensión que pode repousar en situacións completamente normais, o que acaba por sacar do reparto unha firmeza e consistencia tan envolventes coma a propia historia. Deste xeito, malia que o contador de tempo no que se converte o propio título fai referencia ó avance dos días, todo se torna nunha conta atrás que decida entre a vida e a morte na soidade dun hotel desastrado e o silencio cómplice e clandestino dunha traxedia actualmente evitable.

Todo isto acaba por xustificar sobradamente os 12 premios a mellor película que ‘4 meses, 3 semanas y 2 días’ colleitou ó longo de numerosos festivais internacionais, dos que tanto o director como o propio reparto saíron igualmente ben parados.