A estupidez de Mariló
Cualificar os comentarios de Mariló Montero de “estupidez” pode parecer, a primeira vista, un insulto proferido cara a súa persoa dun xeito gratuito e, desde logo, pouco elegante. Con todo, vou intentar argumentar as razóns que fan que lle poidamos colocar esta etiqueta. A RAE define ao estúpido como aquel que é “torpe, necio ou falto de intelixencia”. Pois ben, as verbas desta señora cando expresa o seu temor a que nos trasplantes de órganos se trasplante a alma do falecido son torpes porque os seus argumentos son peregrinos e inconexos, e son necias ou faltas de intelixencia porque deixan ao descuberto o seu descoñecemento sobre os temas dos que fala:
- Desde un punto de vista relixioso-espiritual (do que poño por diante que tampouco son un gran coñecedor) coido que a relixión cristiana entende a alma como unha unidade que se disocia do corpo no momento da morte e se traslada a outro mundo. Ademais de que se a alma fose incluida no “pack” do transplante esta non se disociaría do corpo, tendo en conta que unha soa persoa pode donar varios órganos a un tempo esta unidade quedaría indubidablemente fragmentada, co cal ou se sortea a alma ou un servidor non entende non entende o proceso de “asignación”. Evidentemente neste punto estiven especulando, pero ante a superficialidade do seu análise víame obrigado a facerme estas preguntas. Agradezo que alguén achegue algo de luz ao respecto.
- Desde un punto de vista médico, que é no que se fundamenta o grande colofón final á súa xa célebre intervención, a presentadora expón que “non está demostrado cientificamente” que a alma non se transplante co órgano do falecido. Supoño que alguén lle explicou xa que para demostrar isto antes habería que facer o propio coa propia existencia da alma como ente ou corpo, e logo demostrar tamén que esta se puidera transplantar. Supoño que o seu razoamento se basea no emblemático capítulo dos Simpson no que Homer recibe un transplante de cabelo de Snake e torna tan ruín coma el. Agora o entendo, ata a min me fai sentir arrepíos.
E como o necio tende ademais a ser porfión, non contenta coa que lle caeu polo que dixo no seu programa, a presentadora reafirmouse nunha entrevista concedida a Vanity Fair aludindo á súa liberdade de expresión. Non será un humilde servidor o que cuestione este dereito, pero considero que un xornalista que traballa nun medio público ha de coidarse moito de cuspir a primeira estupidez que se lle cruce polo pensamento e, máis se cabe, cando dito xornalista cobra a nada desprezable cifra de 240.000 euros ao ano de todos os contribuintes por facer un programa que baixa a media do dato de audiencia de TVE. Vendo como está a situación do gremio (no que casi imos a ERE por día, cos soldos dos redactores á baixa e os dos bolseiros que son case inexistentes) así como da sociedade en xeral, a cuestión é, polo menos, para pensar en tomar medidas con esta señora e pensar se non hai ninguén máis solvente, ou canto menos máis barato, para facer o seu traballo. Logo de meditar unhas décimas de segundo un observa a deriva nos últimos meses do Ente Público e enfádase consigo mesmo por ter tan sequera a inxenuidade de propoñer que alí dentro se pense nada.
Ás veces, como diría Mourinho, vivir neste mundo “me da un poco de asco”.