A curiosa relación entre o deporte e a política
O deporte e a política sempre foron unidos da man para o bo e para o malo. Os siareiros aproveitan todo tipo de eventos deportivos para manifestar ideais políticos e os políticos tamén aproveitan resultados deportivos para sacar peito. Pero non toda a relación da política e o deporte queda aí.
Son moitos os deportistas que se axudan da súa popularidade para meterse en política. Tamén son moitos os partidos que usan a popularidade destos para apañar unha morea máis de votos.
Se miramos estas relacións, o Partido Popular soe ser o núcleo onde se concentran este tipo de “fichaxes”: Podemos partir do exemplo das últimas eleccións municipais, onde David Cal foi número 5 da lista popular no Concello de Pontevedra, aínda que este renunciou catro días despois das eleccións tras anunciar Telmo Martín, o home que o introducira na política que abandonaba a política tras non acadar a maioría absoluta que necesitaba para formar goberno.
Outro caso moi soado é o de Augusto César Lendoiro, eterno presidente deportivista. Hoxe en día xa non exerce coma político pero nestes 24 anos que leva como máximo mandatario branquiazul chegou a traballar de concelleiro na Coruña, senador, congresista, presidente da Deputación da Coruña e ata tivo tempo de perder un par de eleccións municipais, no 91 e no 95 contra sir Paco Vázquez.
Dentro do PP temos outros casos tamén moi soados. Marta Domínguez tivo que defenderse das acusacións de dopaxe tras ser investigada na Operación Galgo desde o seu asento de senadora, que obtivo nas últimas eleccións xerais por Palencia. Tamén senador polos populares, aínda que pola provincia de Soria é o dobre campeón mundial de Maratón Abel Antón.
Un caso parecido ao de Lendoiro foi no seu día o de Jesús Gil y Gil, que tras convertirse en presidente do Atlético de Madrid entrou na política de Marbella para ser alcalde co seu partido GIL (Grupo Independiente Liberal). O problema para él chegou cando mesturou ambos asuntos, o que lle levou a ingresar en prisión polo desvío de centos de millóns do concello ao seu club.
Pero non todos chegaron á política tras pasar polo deporte. José García Liñares, alcalde socialista de Cerceda (A Coruña) desde 1995 é tamén desde o ano pasado o presidente da Federación Galega de Fútbol.
O fútbol brasileiro, deporte rei no país surameriano, é tamén alí un viveiro de políticos. Pelé, para moitos o mellor futbolista da historia foi entre 1994 e 1998 Ministro de deportes, aínda que con máis críticas que apoios.
Outros dous campións do mundo que se lanzaron á política brasileira son Romario e Bebeto, que nas eleccións de outubro do 2010 foron candidatos a deputado federal e rexional respectivamente e posteriormente elixidos.
Pero as eleccións non só foron oportunidades, para outros tamén foron quebradeiros de cabeza. Nas eleccións autonómicas de 1997 Donato e Paco Jémez como xogadores do Deportivo tiveron que volver ás présas de Bilbao tras empatar a uns contra o Athletic xa que estaban chamados a ser suplentes das mesas electorais. Por sorte para eles ambos quedaron liberados.
O anterior é tan só un caso, pero casos onde os deportistas teñen que cumprir coa democracia son habituais en cada cita coas urnas. Para evitar este tipo de casos por exemplo en Andalucía no referéndum do estatuto andaluz do ano 2007 a xunta electoral decidiu que churreiros, quiosqueiros, donos de bares, taxistas e futbolistas quedarían exentos de participar nas mesas de votacións.
Os citados son só algúns casos das miles de relacións entre política e deporte, xa que este non se limita a exaltar as cores nacionais con motivos de campeonatos deportivos ou de reclamar a independencia dun pobo nun Barça-Madrid.