O renacer do Baloncesto galego

Entre os anos 1999 e o 2001 o baloncesto profesional galego viviu o seu máximo apoxeo. Cinco equipos xogaban nas dúas categorías máis altas, a ACB e a LEB Ouro. Na 99-00 o ‘Breo’ disputou a ACB mentres que o COB -que acadou o ascenso-, o Básquet Coruña, o CB Ferrol e o Rosalía xogaron na segunda categoría española.

A máxima división de baloncesto contou só unha vez nos últimos 15 anos con dous galegos, o Ourense e o Breogán na tempada 2000-2001. A partir de aí o básquet galego comezou unha importante travesía polo deserto onde se chegou a extremos como o do ano 2006-07 onde o Breogán foi o único participante galego na LEB Ouro, e sen representantes na ACB.

Por sorte a presenza de equipos galegos nas dúas categorías máis altas foise normalizando coa presenza de dous ou tres conxuntos por ano ultimamente. Nesta tempada recén comezada contamos co Obradoiro na ACB e co Breogán, Básquet Coruña e Ourense na LEB Ouro.

Final da Copa Galicia entre o COB e o Obradoiro

Final da Copa Galicia entre o COB e o Obradoiro // clubourensebaloncesto.com

Tras a gran tempada do ano pasado onde o Obradoiro conseguiu a permanencia, este intentará repetirá por terceira vez nos últimos catro anos e intentará repetir o éxito de lograr a permanencia, mirando tamén cara miras un pouco máis altas e intentar colarse entre os 8 primeiros, tanto ao final da primeira volta coma da segunda.

O Breogán volverá a loitar este ano polo ascenso á ACB onde xa era un habitual ata que hai seis anos descendeu e non puido voltar. Tras a primeira temporada en LEB onde quedou noveno, as cinco seguintes sempre loitou nos playoffs de ascenso aínda que con escasa sorte.

O Club Ourense Baloncesto volta á LEB Ouro de onde estivo ausente o pasado ano. O obxectivo do equipo da cidade das Burgas nun principio é a permanencia, sen deixar de soñar con meterse na fase de ascenso á ACB, onde foi un fixo na década dos 90.

Por último, tras moitos anos ausente da elite volta de novo o Básquet Coruña. O ascenso foi logrado nos despachos, tras unha restructuración da liga xa que por motivos económicos foron varios os equipos que tiveron que abandonar a competición ou comezar disputando categorías inferiores. É un equipo que non se pon metas, pero obviamente loitará pola permanencia xa que vén de botar dez anos sen pasar pola segunda categoría do básquet español.