As letras galegas de Carlos Casares

“Onte pola mañá, cando ía camiño da Universidade de Londres para participar no Simposio de Estudos Galegos, sentinme o que realmente son: un pequeno escritor dun pequeno país que escribe nunha lingua pequena. Ás veces, un simple hotel pode axudarnos a non esquecer a realidade.”

Carlos Casares, “A marxe do tempo” (La Voz de Galicia, 15 maio 1994)

Non debe ser nada sinxelo escoller cada ano un autor ao que adicarlle o 17 de maio. Escoller tanto por falta de opcións viables como polo exceso delas pode chegar a ser unha tarefa titánica. Neste caso, as opcións son demasiadas. De poetas, narradores, dramaturgos e xornalistas que defendesen as letras galegas non podemos ter queixa. Incluso nos tempos máis escuros para a lingua propia do recuncho do noroeste, houbo que alzou a voz e gritou en galego. A Real Academia Galega decidiu este ano adicar o día das letras galegas a unha figura da nosa historia máis recente, da marcada pola opresión cultural do franquismo e pola batalla que seguiu despois pola consecución dun bilingüismo real. En definitiva, a un dos artífices de que hoxe non sexa necesario reivindicar o dereito da lingua galega a ser empregada e que podamos simplemente gozar dela.

Carlos Casares | © El País

Carlos Casares naceu en Ourense a finais do verán de 1941. Tan só tiña sesenta anos cando o 10 de marzo do 2002 os xornais de Galicia amencían incluíndo a súa necrolóxica entre as páxinas. Foi unha vida máis breve do que cabería esperar, pero poucas cousas lle quedaron por facer no panorama cultural. Viviu tempos de loita, represión e reivindicación, pero o seu traballo coas letras non se limitou á arte literaria.

Deixou pegada nas aulas universitarias onde exerceu a súa cátedra, nas páxinas dos xornais para os que foi articulista, nos libros que a editorial Galaxia publicou baixo a súa dirección. E tamén na vida política galega na que participou de forma activa sendo deputado do primeiro Parlamento Galego do ano 1981, posto no que loitou para conseguir a Lei de Normalización Lingüística que finalmente chegou, no Consello da Cultura Galega que presidiu durante os seus últimos anos de vida, e mesmo na institución que hoxe decidiu homenaxealo e na que entrou a formar parte no ano 1978.

Carlos Casares | © Xosé Castro/La Voz de Galicia

Descubriu moi novo a súa vocación literaria ao entrar no Seminario de Ourense e asistir ás clases do seu profesor de literatura Agustín Madarnás, do que sempre dixo que foi unha gran influencia artística para el. Durante os seus anos de estudo alí, as súas inquietudes levárono a crear un pequeno xornal, “El averno”, no que el mesmo era o director e tamén o único redactor. Uns anos despois, mentres facía o Bacharelato en Xinzo de Limia, un dos seus relatos breves foi premiado nun concurso o que lle levou a coñecer a Vicente Risco, que era xurado do galardón. Isto abriulle a porta aos coñecidos faladoiros do líder galeguista nos que coñeceu a diferentes persoeiros do panorama cultural galego entrando en contacto estreito coa intelectualidade galeguista da época.

Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela e foi o dirixente da Asociación Democrática de Estudantes, o movemento universitario de protesta contra o franquismo que foi o que organizou o concerto do cantautor Raimon no auditorio universitario que prepararía o camiño para o nacemento do movemento Voces Ceibes, sendo Casares un dos artífices da galeguización do movemento estudantil ao traducir diferentes letras do artista do catalán ao galego.

A súa labor intelectual foi de gran importancia pero a súa carreira literaria non foi por iso menos importante. A súa primeira obra publicada chegou en 1967 baixo o título de “Vento ferido” no que recollía distintos relatos xuvenís que trataban temas moi duros que se repetirían ao longo de toda a súa obra como a violencia, a soidade ou a opresión. Pouco despois viu a luz a súa primeira obra de relatos infantís, “A galiña azul”, e despois a primeira obra de teatro orientada ao mesmo público de curta idade “As laranxas máis laranxas de todas as laranxas”. Para entón xa casara cunha rapaza sueca que coñecera nun tren chamada Kristina Berg, que lle descobre o seu país e fai que Casares o converta no modelo ansiado para Galicia. Seguiu escribindo obras tan destacadas como “Cambio en tres” ou “Xoguetes para un tempo perdido” ou “Sol de inverno”, que foi a súa última obra ao falecer poucos días despois da entrega do seu manuscrito definitivo.

Carlos Casares foi moitas cousas ao longo da súa vida pero todas elas marcadas polo mesmo sentimento de amor a Galicia e ás súas letras. Tanto na vida política como na artística demostrou que a súa misión era a de devolver ao galego o lugar que lle arrebataran os anos de ditadura que lle obrigaran a permanecer na sombra. Hoxe, quince anos despois da súa morte, a Real Academia Galega non errou ao escollelo como representante e homenaxeado do Día das Letras Galegas, porque sen dúbida é unha honra que gañou a pulso durante toda a súa vida.