Deportistas galegas (I): as nosas futbolistas

O rei por excelencia do deporte nacional. O fútbol. Dominado polo mercado audiovisual, os cartos e rodeado de afeccionados nas gradas. Os nomes dos mellores xogadores do panorama actual veñen á cabeza de todos sen moito esforzo. En fronte do xigante deportivo, hai máis realidades. Como as das futbolistas das que dificilmente se recorda o seu nome, se é que algunha vez se chegou a saber. Vivimos aínda nunha sociedade na que as aliñacións do Atlético de Madrid ou Barcelona femininos son grandes descoñecidas para a gran parte do público. Ademais, o xigante do fútbol campo tamén lle come todo o terreo ao fútbol sala, con moito menos espazo nos medios. Nesta semana protagonizada polo Día da Muller, Compostimes achégase ao fútbol sala da man do Burela, que a tempada pasada gañou a liga a nivel nacional. E tamén fala con xogadoras do Valladares, líder da primeira división feminina galega.

Fútbol sala: Burela

Equipo feminino do Burela Pescados Rubén | © Rocío Corral

Equipo feminino do Burela Pescados Rubén | © Rocío Corral

4-4. Ese foi o resultado acadado polo Burela a pasada xornada ante o Majadahonda. As últimas campioas da liga nacional de fútbol sala son o equipo galego que antes aparece na táboa, seguidas moi de cerca polo Ourense Envialia. Tras dezanove xornadas, está por diante o Atlético de Madrid, o Alicante e o Alcorcón. E o cuarto posto do Burela sabe a pouco a unhas xogadoras que alcanzaron todo o recoñecemento co se título ligueiro.

Lara Balseiro consolábase esta fin de semana co empate do Ourense Envialia, que segue de cerca ás xogadoras do Burela. Facíao aínda coa pena de non ter acadado os tres puntos contra o Majadahonda na casa. Os primeiros recordos de Lara no fútbol son xogando nos recreos cos nenos. “En vez de xogar coas nenas a outra cousa, eu xogaba con eles o fútbol”. Empezou a xogar rodeada de rapaces no Porto Celeiro, o equipo do seu pobo. Despois chegou ao Foz feminino, onde adestraba pola semana, e vestía a camisola do Viveiro as fins de semana.

“O masculino atrae máis xente, pero sen dar a oportunidade o feminino non vai crecer”

Lara Balseiro | © Rocío Corral

Lara Balseiro | ©JM Álvez

Agora vive por e para o fútbol sala da man do Burela, ao que lle adica todo o seu tempo menos tres horas semanais que saca para ir a clases de inglés. “É un luxo poder vivir de facer o que che gusta”; Lara séntese moi querida no Burela, cunha afección orgullosa de ter aos dous equipos na primeira división do fútbol sala. Asegura que dende o clube se traballa contra a discriminación, xa que “o deporte masculino vai moito máis avanzado, aínda que no fútbol sala tamén ten máis retardo con respecto ao fútbol campo”. Pensa que se os medios lle deberían adicar máis tempo ao fútbol sala, dar a oportunidade igual que se fixo retransmitindo a Copa de España. “O masculino atrae máis xente, pero sen dar a oportunidade o feminino non vai crecer”, comenta Lara.

Silvia Rubal estivo en campos de fútbol sala dende que naceu. O seu pai xogaba de maneira afeccionada e levábaa aos partidos. Pese a isto, non empezou a xogar nun equipo ata que tiña once anos xa que non quería estar nun equipo masculino: “no recreo na escola había comentarios que non me gustaban, porque era unha rapaza que xogaba ao fútbol”. Todo cambiou cando comezaron a facerse equipos femininos, momento no que comezou no Ribadeo onde aprendeu “moito sobre o fútbol sala”, lembra Silvia.

Ela coñecía ao Burela dende pequena xa que é onde vive. Claudia Rodríguez era unha das súas xogadoras de referencia, coa que despois xogou, e ela presentoulle a todas as integrantes do Burela. Comezou adestrando pola semana, sen ficha, mentres xogaba os fins de semana co Ribadeo. Cando chegou ao Burela era das máis pequenas e “era un equipo de moito nivel” polo que non tiña minutos e marchou para Logroño en busca dunha oportunidade. “Foi moi difícil para min”, xa que Silvia se afastou do seu entorno e do seu equipo. De feito, recorda como un dos momentos máis complicados o partido no que se tivo que enfrontar ao Burela.

“Co tempo, se segues loitando tes recompensas”

Silvia Rubal | © Rocío Corral

Silvia Rubal | ©Rocío Corral

Pasado un ano volveu ao Burela e foi xogando máis. Puido celebrar títulos e cumprir así o seu soño co seu equipo. Estudou un ciclo de Deportes e, agora, fai outro de Educación Infantil. “É complicado compaxinar porque teño clase, chego, como e marcho adestrar. Despois, ceo e ao mellor teño que estudar”, pero Silvia faino con ilusión e pensa que “merece a pena. Co tempo, se segues loitando tes recompensas”.

Fútbol campo: Valladares

O Valladares observa á primeira división galega dende o máis alto da táboa. Na última xornada venceu por 3-0 ao Arcadia, gracias aos goles de Carla Carballo, Dolores Martínez e Bárbara Fernández. O equipo mantén tres puntos de vantaxe sobre o Victoria, que ten 51. Por diante, ao Valladares quédanlle partidos cos rivais máis directos como son o Portonovo e o Victoria.

 ”Sigo sen entender como hai equipos en Primeira sen categoría feminina, sen un filial onde empecen a xogar as nenas e se lles dea unha oportunidade”

Ana Iglesias | ©Sonia Rodríguez

Ana Iglesias | ©Sonia Rodríguez

Ana Iglesias, á que chaman Anita, leva o brazalete de capitá, o que é un premio para ela: “non me da presión. É unha honra poder defender o escudo do lugar no que vivo“, di orgullosa. Ana comezou a xogar ao fútbol algo tarde, xa que non se uniu a un equipo ata que tivo once anos. Fíxoo no equipo de fútbol sala do Valladares e, fai catro anos, deu o salto a fútbol campo co adestrador Gabriel Couñago. Xogou a fase de ascenso e, ao seguinte ano, xa disputou a tempada completa. “Aprendín moitas cousas, foi das tempadas que máis desfrutei, e tiven a oportunidade de ir á selección galega, xogando con e contra as mellores do España”, afirma a xogadora.

O fútbol sempre foi a súa paixón, e os seus amigos e a súa familia apoiárona en cada decisión. Ana Iglesias pensa que no fútbol feminino queda moito por facer pero que xa “se coñecen máis nomes, hai máis movemento”. Na maior parte dos campos atopan un ambiente agradable e, cando hai algún comentario machista, fan oídos xordos: “iso hai que apartalo, non darlle importancia, non merece a pena responder, canta máis voz se lle dea máis nos prexudica”, cre Ana.

Está rematando o Bacharelato, polo que nota o apuro de ter que compaxinar os seus estudos co fútbol. Aínda así, non o ve como un sacrificio porque “é o que me gusta”. Reclama máis apoio ao fútbol feminino dende, por exemplo, da Federación e dos grandes equipos: “sigo sen entender como hai equipos en Primeira sen categoría feminina, sen un filial onde empecen a xogar as nenas e se lles dea unha oportunidade”. Unha das súas xogadoras preferidas é Vero Boquete, coñecida pola súa loita en defensa do deporte feminino. “É un pouco triste que en pleno século XXI sexan as xogadoras as que teñan que fomentar o fútbol feminino”, lamenta Ana Iglesias.

“Fai uns anos era impensable ver fútbol feminino na televisión, imos avanzando”

Alexandra Pichel | ©Sonia Rodríguez

Alexandra Pichel | ©Sonia Rodríguez

Alexandra Pichel, Alex, confía en que o equipo siga mantendo o nivel. Sobre o partido co Arcadia do domingo, afirma que “o Arcadia é un equipo sólido, xogaron moi ordenadas e custounos un pouco meternos no partido”. Iso foi ata que chegou o primeiro gol, momento que para a xogadora marcou o punto de mellora do Valladares.

Estuda INEF en Pontevedra. Adestra os mércores e os venres co Valladares, ao que chegou fai dous anos. Comezou a xogar nun equipo de rapaces, o Louro. Estaba integrada, aínda que ás veces a algún xogador lle parecía mal que ela fose titular, “pero en xeral sempre me apoiaron”. Despois pasou polo Olivo, co que xogou en Primeira. Antes do Valladares, tamén estivo no Erizana.

Alex segue vendo moitos prexuízos no deporte feminino, pese a que pensa que as cousas están mudando pouco a pouco: “fai uns anos era impensable ver fútbol feminino na televisión, imos avanzando”. A xogadora do Valladares pensa que a situación é máis complicada para as deportistas individuais, “é máis difícil atopar información delas, dos campionatos”. Nos deportes colectivos como o balonmán ou o baloncesto, considera que hai máis facilidade para que se recoñeza a labor das rapazas.

Son as nosas futbolistas. Defenden cada fin de semana un escudo dun recuncho de Galicia nun campo con condicións moi inferiores ás dos grandes estadios. Algunhas visten as cores branca e azul celeste mentres soa o himno galego polos altofalantes. Sen embargo, non ocupan minutos nas televisións, nas radios. Non están presentes nas páxinas dos xornais. Moitas delas tiveron que sufrir comentarios cheos de prexuízos simplemente por querer xogar a un deporte, coma se o sexo dunha persoa tivese que poñer barreiras aos soños.