Deportistas do ano (I): Cristian Toro

Un primeiro posto no podio co que escribiu ‘Galicia’ no máis alto da táboa, e foi o único membro da delegación galega en Río en facelo

Cristian Toro é un dos deportistas do ano para Compostimes | ©Twitter Cristian Toro

Cristian Toro é un dos deportistas do ano para Compostimes | ©Twitter Cristian Toro

Cristian Toro remata un 2016 do que pode dicir que foi un ano de conto para el. Non só competiu nos seus primeiros Xogos Olímpicos, senón que conseguiu unha medalla que, por se fora pouco, é de ouro. Un primeiro posto no podio co que escribiu ‘Galicia’ no máis alto da táboa, e foi o único membro da delegación galega en Río en facelo. Os outros representantes galegos non tiveron a fortuna de ganar o metal olímpico que acadou Cristian, subido á súa piragua ao carón de Saúl Craviotto.

Toro e Craviotto obtiveron o pase para poder competir en Río de Xaneiro ao acadar o primeiro posto no preolímpico celebrado na cidade alemá de Duibdsburgo, na modalidade K2-200 metros. Unha competición que, se ben para Saúl simbolizaba un paso máis ata o seus terceiros Xogos, para Cristian levaba nome de estrea. O soño olímpico era xa unha realidade. Ademais, nesa mesma cidade, ambos venceron na proba correspondente á Copa do Mundo. Era a antesala do que chegaría no mes de agosto.

Tras adestrar ao máximo nivel, especialmente os meses previos aos Xogos, Toro e Craviotto puxeron o remo na cidade brasileira. Superaron en primeiro lugar a serie de clasificación para a final de K-2, polo que pasaron directamente á final. Carreira na que, en pouco máis de medio minuto, concretamente en 32 segundos, superaron aos británicos Liam Heath e Jon Schofield. Unha proba que trouxo consigo a medalla número catro para o veterano Saúl Craviotto, e a primeira para o ‘principiante’ Cristian Toro.

Catro meses despois e tras toda as celebracións, Toro xa está inmerso na súa rutina diaria. Nunha entrevista recente para Compostimes, contaba que quere tomarse as cousas con máis calma e traballar con menos intensidade nos adestramentos. Unha maneira de relaxarse e adaptarse de novo aos días máis duros, que chegarán cando se aproximen as primeiras competicións. Na súa cabeza xa hai outro obxectivo: gañar un Mundial. 

Polo esforzo diario, por chegar ata a cita olímpica e por coroarse no podio duns Xogos. Por poñer o selo galego na táboa das medallas. E tamén en representación de todos os olímpicos da nosa terra. Por todo isto, o equipo de Compostimes elixe a Cristian Toro como deportista galego de 2016.