De cando o Spin 2016 desembarca en Compostela

O maior encontro de emprendemento universitario de Iberoámerica escolleu Santiago de Compostela como enclave na súa terceira edición. Dous mil estudantes inscritos e máis de 70 poñentes cun obxectivo: poñer en contacto a estudantes, emprendedores e empresas; aportar coñecemento e servir de base para o despegue de novos proxectos emprendedores.

Co lema “Creando cultura emprendedora”, os asistentes recibiron conferencias de referentes mundiais no sector da innovación como a Premio Príncipe de Asturias das Letras Nélida Piñón, o chef tres estrelas Michelin Joan Roca ou o exseleccionador Vicente del Bosque, quen compartiu as súas técnicas para dirixir, no seu caso, un vestiario: “que pareza que son eles os que mandan pero que fagan o que ti queres”, aconsellaba entre risas.

Entrada ó escenario OE!, o principal do Spin 2016

Entrada ó escenario OE!, o principal do Spin 2016

Durante o  evento, o edificio do Museo Gaiás encheuse de estudantes e profesionais de 20 nacionalidades e 100 universidades diferentes que encheron os distintos espazos cos que contaba o Spin2016: o escenario OE!, onde se celebraban as conferencias, e cinco salas para seminarios e talleres. Ademais, instalouse un partnering no que os asistente podían concordar citas entre eles para crear vínculos, pedir asesoramento de profesionais ou buscar socios.

spin 6

En exteriores, foodtrucks de comida e un simulador de Fórmula 1 que non parou de recibir visitantes durante os tres días do evento confirmaron o éxito dun evento que se ven a celebrar cada dous anos dende o 2012, e que estivo organizado por RedEmprendia, o Banco Santander, a Fundación Cidade da Cultura, a Xunta de Galicia e a Universidade de Santiago de Compostela.

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na inaguración do Spin2016

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, durante a súa intervención na inaguración do Spin 2016

As xornadas iniciáronse o xoves 29 de setembro coa intervención de Gustavo Santaolalla, músico e compositor merecedor 2 premios Óscar e 17 Grammy, que non dubidou en facer un percorrido pola súa traxectoria vital e profesional, cuns comezos difíciles nos que destacou a importancia do traballo e da constancia para emprender. Non dubidou en confesarlle á  audiencia un dato que non deixa de ser curioso nun mestre coma el: non sabe ler nin escribir música.

A ceremonia de inaguración do Spin2016 estivo presidida polo presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, e nela interviñeron tamén Rebeca Grynspan, Secretaria Xeral Iberoamericana; o secretario xeral da Organización de Estados Iberoamericanos para a a Educación, a Ciencia e a Cultura, Paulo Speller; Antonio Zago, presidente da RedEmprendia  e Rodrigo Echenique, vicepresidente do banco Santander. A actuación inédita do propio Gustavo Santaolalla co gaiteiro galego máis internacional, Carlos Núñez, puxo o broche de ouro do acto.

Carlos Núñez e Gustavo Santaolalla fixeron as delicias do público na súa actuación conxunta

Carlos Núñez e Gustavo Santaolalla fixeron as delicias do público na súa actuación conxunta

Pero quizais un dos momentos máis emotivos do evento, aconteceu esa tarde cando nunha mesa redonda, Sakena Yacoobi, fundadora do Instituto Afgano da Aprendizaxe, destacou a importancia da educación para as mulleres de todo o mundo, e a empatía como chave para lograr a igualdade. A forza e a loita desta muller afgana fixo que o auditorio se puxera en pé para despedir a súa intervención, cargada de humanidade.

Tampouco escasearon as charlas motivacionais, coma a de Anxo Pérez, creador do método de aprendizaxe de idiomas 8 Belts e autor de “Los 88 peldaños del éxito”. Dominando 9 idiomas, e tamén 9 instrumentos, este galego sabe do que fala cando afirma que o “enemigo da vida non é a morte, senón o desaproveitamento” ou que o “o perigoso non é estar perdido senón quedar quieto”.

A innovación é unha das claves do Spin, como amosa este Robot de "NaoTherapist" que axuda a realizar rehabilitacións ós nenos

A innovación é unha das claves do Spin, como amosa este Robot de “NaoTherapist” que axuda a realizar rehabilitacións ós nenos

Pablo Pantaleoni, considerado por Forbes como un dos “xóvenes chamados a cambiar as regras de xogo do mundo” pola súa aplicación médica, Medtep, non se quedou atrás cando, recoñecendo os sacrificios que conleva a vida emprendedora, aconsellou a todos os presentes ter como lema “sentirse útil cada día da súa vida”.

E non faltaron as irreverencias. José Luis Cuerda, director e guionista de cine afirmou atoparse “indignado” coa Cidade da Cultura, na que nunca antes estivera, e calificou a obra coma o “paradigma da estupidez humana” ante un público que non fixo senón aplaudir as súas verbas.

spin 5

O sábado 1, pechouse o evento coa entrega de premios ós ganadores do Spin Way, que premiaba proxectos desenvoltos durante unha experiencia de catro días no Camiño de Santiago; o Model2Market, ós mellores modelos de negocio, e do SmartMoney4Stars, ás empresas novas máis innovadoras. Este último repartiu 10.000 euros a cada un dos cinco proxectos que conseguiron o recoñecemento, entre eles un proxecto da universidade de Santiago de Compostela de medicina personalizada: Gen Dr.

Fotografías: © María Losada Miguéns