Oporto, o encanto da cidade do Douro

Oporto sempre presumiu de ter unha estrela especial. Pero parece que cada vez a súa luz chega a máis e máis persoas que non deixan de escoller a cidade como destino turístico. E é que a cidade teno todo: bos prezos, visitas, gastronomía, museos… E todo cun encanto no que se mesturan ruelas empinadas e edificios centenarios nunha harmonía case perfecta. Pouco queda xa daquela cidade avellentada e vida a menos que non se sabía sacar partido. Agora o impulso turístico permitiu reformar e devolver á vida casas, bares e restaurante que non deixan de sorprender en estilo, innovación e calidade.

oporto 2

A zona da ribeira de Oporto vista dende Vila Nova de Gaia

Quizais a mellor maneira de chegar á cidade sexa o tren. A estación de Sao Bento, construída a finais do século XIX sobre un antigo convento, dá a benvida a pasaxeiros e visitantes con máis de 20.000 azulexos que contan a historia de Portugal. Situada no centro de Porto, pode ser un grande punto de partida ou unha parada obrigada na visita da urbe.

Non hai nada mellor en Porto que a súa facilidade para percorrelo (quitando os desniveis e pendentes que non teñen nada que envexar a outra coñecida cidade galega). A proximidade entre os monumentos e puntos de interese fai recomendable unha visita a pé. Sobre todo porque o máis aditivo desta cidade non son os seus museos senón simplemente as súas rúas, pastelarías, restaurantes ou tendas. A Rúa das Flores é un bo exemplo disto. Entre artistas de rúa e decoracións festivas é moi sinxelo perderse e atoparse tomando unha pizza doce con Nutella como base e M&M como ingrediente estrela no Nut´s ou escoitar música en directo en algún restaurante de decoración vintage.

oporto 1

A Rúa das Flores, sempre decorado e con vida, está chea de pequenas tendas tradicionais e restaurantes de moda

Porén, hai lugares imprescindible na visita da cidade, e a Torre de Clérigos atópase, sen discusión, nun dos postos máis altos da lista. Os 76 metros de altura e máis de 200 escaleiras para ascender ó alto do edificio pagan a pena. A vista sobre a cidade resulta espectacular. A Igrexa do conxunto construído no século XVIII tamén merece unha visita. De estilo barroco, planta elíptica e con paredes de mármore resulta sorprendentemente luminosa.

Nesa listaxe de visitas esenciais non se pode tampouco deixar fora o Palacio da Bolsa, un edificio construído na segunda metade do século XIX e que foi, e segue a ser, a Sé da Cámara de Comercio e industria de Oporto. Todas as visitas que se realizan son guiadas e pasan dende o impresionante hall ás lámpadas de máis de unha tonelada ata chegar á xoia do edificio: a sala Árabe que, inspirada na Alhambra de Granada, fai soñar ó grande e impresiona ó visitante como ningunha outra estancia do edificio.

A Libraría Lello, considerada unha das máis bonitas do mundo e coñecida, sobre todo, por ser o lugar de inspiración da autora que deu vida a Harry Potter, é outro dos ineludibles da cidade. Debido a saturación de turistas agora cóbrase unha entrada de 3 euros, que se descontan no caso de mercar un libro. Pero o prezo non logra disuadir ós visitantes polo que as longas colas son unha tónica diaria, sobre todo nos meses de xullo e agosto, e o ambiente no interior pode chegar a resultar mesmo abafante. Pero a maxia centenaria que desprende cada un dos estantes e a súa famosa escaleira central ben merece o esforzo.

Na zona nova da cidade, a Casa da Música converteuse xa nun símbolo do Oporto máis moderno. Inaugurada no 2005 e deseñada polo arquitecto Rem Koolhas, ofrece visitas guiadas polo interior do edificio. Sen dúbida, a mellor alternativa para coñecela é na fin de semana, cando as notas da orquestra sinfónica ou de coñecidos artistas nacionais e internacionais a enchen de vida.

As bodegas de viño de Porto, en Vila Nova de Gaia, son outra das citas indispensables. Tanto para os amantes deste viño doce, coma aqueles que non senten especial fascinación por el, achegarse ás bodegas non é opcional. As explicacións, en case todos os idiomas; a grande variedade de opcións, dende as Ferreira ata as Calem ou Sandeman; a degustación, o bo facer e, sobre todo, a curiosidade que esperta atoparse entre barrís e barricas só farán desexar coñecelas todas.

Interior das bodegas Ferreira, na cidade de Vila Nova de Gaia

Interior das bodegas Ferreira, na cidade de Vila Nova de Gaia

Queda tanto por enumerar que quizais sexa mellor descubrir por un mesmo a catedral e o seu claustro gótico, pasear pola sempre concorrida Avenida da Liberdade ou preparar a carteira para caer embelesado ante o encanto dun capuccino no café Majestic. Pero para rematar a xornada, nada mellor que un paseo á beira do río, sentarse en calquera das terrazas da ribeira a probar a francesinha e sacar a cámara de fotos dende a ponte de Luís I, que atravesa o Douro. En Oporto nunca falta que visitar, que probar ou que sentir. O maior problema é que a escolla non pode ser máis complicada.

Porto 3

Atardecer sobre a Igrexa do Carmo, que chama a atención pola súa fachada decorada en azulexo portugués

Fotografías realizadas por: © María Losada