O Día da sinceridade

¿Cómo tienes el valor, yo que siempre me he dolido,
de recordar lo que fue y lo que pudo haber sido?
Los Secretos, La calle del olvido

Todo comeza nunha montaña lambida polo vento ou nun cabo acosado polas ondas, nun deses lugares onde a natureza nos axuda a decatarnos da insignificancia das nosas construcións intelectuais. Todo comeza cunha parella, a máis perfecta das comunidades humanas, cerna de institucións tan sagradas coma o matrimonio ou a Garda Civil. Todo comeza cun acto revolucionario: sincerarse por completo.

O sabor estoxadizo da verdade engancha, polo que os nosos dous protagonistas deciden invitar aos seus coñecidos a un grolo deste meloso licor. “Proba un pouco de sinceridade, por mollar os beizos non pasa nada. Como podes dicir que non che gusta se nunca o probaches?”. Libando e libando, a sinceridade empeza a espallarse polo mundo. Unha vez cae a tira do ombro dereito do vestido, é inevitable acabar vendo un corpo nu. Empregados que lle confesan á súa xefa o máis íntimo dos seus odios. Clientes expulsados fulminantemente das cafeterías por sacarlle ducias de fotos a cada anaco de tarta. Algúns refachos de verdade borran sorrisos compracentes para mudalos por rictos de resentimento, outros trocan xestos de ensaiada indiferenza por miradas de paixón reprimidas durante anos.

O mapa das relacións humanas sofre unha violenta sacudida durante este Día da sinceridade. Os tertulianos —os que aínda non saíron do armario e se fugaron co seu amante ou recoñeceron que a postura que levaban meses defendendo era unha farsa para gañar share— apenas logran tatexar algunha explicación racional a ese fenómeno sen precedentes. Os moderadores, mentres, aproveitan o desconcerto xeral para soltar todas as opinións que levaban camuflando trala súa impostada imparcialidade. Se os vínculos humanos coubesen nun fotograma, estariamos ante a escena final do Clube da loita. Todos nós teriamos un pouco de Tyler e Marla e outro pouco dos despreocupados oficinistas dos edificios que se derruban.

maxresdefault

Despois da demolición ábrese un ilusionante período de reconstrución. Quizais en horas, quizais en días ou quizais en anos volveremos erixir novas relacións humanas sobre os cascallos das vellas. Esta vez, a sinceridade será o ladrillo e o morteiro… polo menos ata o cuarto piso. Os historiadores debatirán, anos despois, sobre as causas e as consecuencias do Día da sinceridade. Algúns densos balances falarán de que o modelo era insostible, outros botarán en falta as cómodas imposturas previas á detonación e uns poucos, máis escépticos, lle restarán importancia a algo que, ao fin e ao cabo, só revelara as cousas como realmente eran. Despois dese día histórico, todo seguirá sendo igual, pero nada volverá ser o mesmo.