Cando estudar é un deporte de risco

Os problemas para estudar nas bibliotecas da universidade non son cousa nova. En época de exames chega o colapso mailo apuro por atopar un posto libre. Mais o pasado mes de maio non todo foi negativo: debido ás protestas do estudantado, acadaronse melloras coma a ampliación do horario da Biblioteca Concepción Arenal e o compromiso de mellora da Aula de Estudo de Dereito.

biblio 5511_6139650611238672528_o

A Biblioteca Concepción Arenal nun momento de máxima ocupación. | © María Losada

O pan de cada día

Pese a que na cidade de Santiago existen 17 bibliotecas universitarias, a masificación en período de exames semella inevitable, sobre todo no Campus Sur, o máis concorrido. A Biblioteca Concepción Arenal, con 955 postos de estudo, é a que posúe maior capacidade. Por isto, a súa ocupación situouse no mes de maio por riba do 95% durante o día.

Segundo Iria Figueroa, da organización estudantil Erguer, as condicións das bibliotecas nestas datas son “indesexables para o desenvolvemento normal do estudo, e iso poñéndonos no mellor dos casos, no de que se consiga atopar sitio”.

As fins de semana

Se xa durante a semana a masificación é evidente, nas fins de semana atópanse os picos máis conflitivos, xa que tan só permanecen abertas en Santiago catro bibliotecas universitarias: Dereito, a Biblioteca concepción Arenal, a Biblioteca Xeral e a biblioteca de Económicas. As colas durante a fin de semana para acceder á biblioteca Concepción Arenal son unha tónica, mesmo unha hora antes da súa apertura.

Dende ANEGA, Nerea Lorenzo informa de que piden a apertura de máis centros durante a fin de semana e festivos e barallan xa algunha posibilidades como “que se abra Bioloxía polas súas boas instalacións”. Pola súa banda a Universidade considera que a “oferta está ben axustada” pese a que “existen picos de ocupación na fin de semana perfectamente identificados e con medidas correctoras preparadas para eles”.

Horario nocturno e novas conquistas do estudantado

A comezos do período de exames de maio, as únicas bibliotecas con horario extraordinario nocturno eran a Biblioteca Concepción Arenal (aberta ata as tres da mañá) e a aula de estudo de Dereito (aberta as 24 horas). Porén, esta última foi moi criticada polos estudantes e organizacións, que non a consideran a máis axeitada para funcionar como centro 24 horas. Nerea Lorenzo, de ANEGA, mantén que “hai moitas persoas que nin queren nin poden estudar alí debido ás súas pésimas condicións como son a falta de ventilación ou de enchufes”. Ante esta situación leváronse a cabo unha serie de accións de reivindicación e acadouse o compromiso da Universidade de mellorar as condicións de dito espazo. Dende a USC confirman que o farán “en dous sentidos, tanto aumentando as posibilidades de conexión á rede eléctrica coma a capacidade da rede WIFI”.

Foi por estas malas condicións do centro 24 horas e as limitacións do horario nocturno da Biblioteca Concepción Arenal (antes ata as 3 da mañá), polas que se levaron a cabo por parte da Candidatura Universitaria de Estudantes (CUE), que estaba apoiada por gran parte do estudantado, unha serie de peches nesta biblioteca, nos que se  permanecía nos seus postos de estudo trala hora de peche ata as 5 e 6 da mañá para reivindicar unha ampliación do horario de estudo en dito centro. Finalmente, esta protesta conseguiu mellorar o horario desta biblioteca ata as cinco da mañá durante os exames de maio. Porén, dende a USC non saben se para o ano se repetirá do mesmo xeito, xa que aínda deben avaliar a situación e negociar co alumnado.

13443043_686984164785524_1476543685715559995_o

A biblioteca Concepción Arenal, aberta ata as cinco da mañá durante boa parte do mes de maio | © María Losada

Eduroam, o eterno problema

A utilización da rede Wifi da Universidade de Santiago de Compostela (Eduroam) é en período de exames unha dificultade engadida, xa que a súa velocidade ralentizase ou mesmo deixa de funcionar. Dende a Universidade consideran que “non se rexistrou sobresaturación da cobertura WIFI” pero, que de todos os xeitos, “a curto prazo está previsto mellorar aínda máis a velocidade e a capacidade actual da rede”.

Mal de moitos, consolo de tontos

Iria Figueroa, de Erguer, afirma que a insuficiencia de espazos e horarios de estudo non se reduce só á Universidade de Santiago de Compostela, senón que noutras universidades a producir graves deficiencias. Un exemplo é a inexistencia dun centro 24 horas en período de exames en Vigo, polo que están a loitar na actualidade. As diferenzas entre estudantes e universidades parecen ser unha tónica na realidade universitaria galega, unha loita, na que o que sae perdendo é o propio estudo.