Cabaret Salomé, GN Teatro: “A nosa idea inicial era facer un cabaret, queriamos tamén unha obra galega ou en galego”

Achégome a unha terraciña da rúa Nova e alí estaban catro dos artistas que compoñen o grupo GN Teatro. Helena, Miguel, Lara e Esteban, tres dos actores do cabaret: Salomé, Jokanaan e a Romana e o trompetista da orquesta, para que me conten da súa experiencia no teatro e sobre a creación de Cabaret Salomé.

HELENA: Pois eu empecei no cole, no instituto e despois ao comezar na universidade empecei coa compañía GN e despois metinme na Aula.

LARA: Eu igual, empecei no instituto facendo teatro e despois ao chegar a universidade, metinme na aula de teatro e despois en GN.

MIGUEL: Eu xa empecei hai uns anos, logo estuve no instituto e logo nunha compañía amateur cos colegas que saímos do instituto e hai catro anos entrei na aula de teatro da universidade, empecei a facer cursos de teatro e acabei aquí en GN, con Helena o ano pasado, que fixemos unha montaxe. E este ano sigo en GN e na aula de teatro.

ESTEBAN: Bueno, eu no teatro, pois eu comecei no conservatorio e o ano pasado participei na obra de Sweeny Todd, coñecín  a varios actores e tiven a oportunidade de tocar con eles no Cabaret.

DSC_0008edit

Músicos e Miguel

Cando e por qué fundouse a compañía GN Teatro?

Helena: Fundámola Miguel Torres, un rapaz que estivo na aula de teatro en 2012 e mais eu,  no 2013. A raíz de que, bueno, nós presentámonos á RESAD, a escola de Madrid de Teatro e non nos colleron, entón voltamos a Compostela e decidimos montar esa compañía porque non queríamos deixar  de facer teatro. Foi un pouco á raíz dun rexeitamento.

Cómo funcionades?

HELENA: Pois con Miguel Torres foi unha cousa de creación colectiva. Despois, ao ano seguinte, fixémola Miguel Gendre e eu e tamén foi creación colectiva. Este ano tamén, as decisións son bastante asamblearias e a toma de decisión pois é bastante horizontal, pero sí que é verdade que houbo unha figura máis de dirixir a obra, que neste caso fun eu.

DSC_0036edit

Alba e Breogán.

 

Decidimos montar esa compañía porque non queríamos deixar  de facer teatro

 

Cómo é dirixir unha compañía de teatro? Qué dificultades atopastes ademáis, nunha obra na que se mesturan números musicais, coreografías…?

HELENA: Pois eu non teño moita experiencia máis ca deste ano e aprendín que hai que ter paciencia, que é algo que a min ás veces me falta. Pero bueno, tamén intentar ser comprensivo, intentar ter control. Ter control dun mesmo e tamén do resto un pouco e ser un pouco disciplinado.

Por qué escollestes a obra de Salomé de Oscar Wilde?

MIGUEL: Bueno en realidade a nosa idea inicial era facer un cabaret, non sabiamos cómo, queriamos tamén unha obra galega ou en galego e depois dunha debacle de estar buscando textos por aquí e por alá, Helena, que fixera un traballo para a facultade desta peza de Oscar Wilde, pois sería interesante transformar esto nunha versión moderna en formato cabaret. E aí naceu a idea. Limos o texto gustounos e de aí a empezar xa.

Hai fragmentos que escrevestes vós mesmos

HELENA: Fixemos un traballo de adaptación, eu coa axuda de Breogán Martínez. A obra de Oscar Wilde fai moita referencia ao tema relixioso e nós traduxemos todo eso polo tema mais ben de clases sociais. Na historia orixinal hai un personaxe que era o profeta e neste reelaboración pasou a ser un obreiro. Entón todas as intervencións deste profeta, que é Jokanaan, pois transfórmase nun speech anticapitalista. É todo unha caricatura. Nos caricaturizamos nós que somos a clase aburguesa e tamén a el que é a clase baixa. Tamén hai unha  personaxe que antes non estaba no texto orixinal que é o da romana que fai como un pouco a metáfora da morte e o destino.

DSC_0044edit

Helena, Manu e Lara

 

Todas as intervencións deste profeta, que é Jokanaan, pois transfórmase nun speech anticapitalista.

Qué reacción esperavades do público?

HELENA: Pois a verdade, tiñamos un pouco de medo de como ía responder a xente de si lgúns momentos que atopabamos nós cómicos, non se ían a rir. Pero é o que sempre pasa, ata que non chega o momento da estrea e a xente responde e tes ese feedback, bueno lévaste unha sorpresa. Sempre pasa que se rin en momentos inesperados e é agradecido.

ESTEBAN: Á verdade é que foi máis da esperada.

MIGUEL: Si, pensabamos que iamos deixar medio patio de butacas baleiro pero ao contrario. Houbo xente que quedou fóra, moita xente aínda a posteriori interesada en querer vela. Entón aí tamén nos deu ganas de continuar e movela. O complicado tamén é movela, mover hoxe en día unha obra de teatro é moi complicado pero temos moitas ganas e imos loitar por ela.

 

Pensabamos que iamos deixar medio patio de butacas baleiro pero ao contrario. Houbo xente que quedou fóra, moita xente aínda a posteriori interesada en querer vela.

 

Tendes pensado unha próxima obra?

HELENA: Si, aínda non nada pero claro que imos seguir para o curso que vén.

DSC_0026