Rianxo, o segredo mellor gardado das Rías Baixas (II)

Nesta continuación do percorrido pola vila de Rianxo, o mar ten o papel protagonista. Como motor económico ou para o ocio e para o desfrute, o mar neste Concello desprende maxia e baña praias case paradisíacas. Achegarnos a esta realidade é máis que obrigado:

A vida mariñeira

Tanto coas bateas coma coa pesca de baixura ou co marisqueo, non se podería entender Rianxo sen o mar como motor económico. Pese a non tratarse dun importante porto a nivel galego, debido a súa situación no fondo da ría e con pouco calado para barcos grandes, é do máis interesante para calquera que se achegue a Rianxo outear o mar. Tanto de día; cando se pode ver ós mariscadores na area, e no medio da ría pequenos barcos de pesca practicar a arte do xeito; coma de noite, cando pequenas luces tentan atraer ós chopos cara os anzois.

Un mariscador finalizando a faena preto do peirao de Setefogas

Un mariscador finalizando a faena nunha praia moi próxima ó peirao de Setefogas

O paseo marítimo

O Paseo Marítimo ten case 2 km. de lonxitude e foi inaugurado no ano 2001. Dende este momento converteuse nun importante punto de encontro e lugar de unión entre as parroquias de Taragoña e Rianxo, antes separadas polo río Té, e que este paseo salva cunha ponte. O percorrido une o pobo de Rianxo coa praia da Torre. É unha oportunidade única para camiñar á beira do mar, entre pequenas calas e arboradas, achegarse polas ruínas do antigo Castelo da Lúa, ou deterse un anaco para contemplar as aves na desembocadura do río Té, sobre todo, con marea baixa.

Pasarela de madeira no paseo marítimo de Rianxo á beira da praia do Pazo

Pasarela do paseo marítimo de Rianxo á beira da praia do Pazo

DSC_9184 mod1

A praia das Cunchas, situada na mesma desembocadura do Río Ulla destaca pola súa area branca e fina

Praias

Un dos grandes atractivos turísticos da vila son, sen dúbida, as súas praias. Rianxo ofrece unha ampla variedade onde escoller: dende calas máis escondidas ata as famosas praias de Tanxil ou as Cunchas que, pese a atoparse concorridas en temporada estival, distan moito da masificación doutras zonas da costa galega. Todas elas de augas tranquilas, ofrecen distintas alternativas e servizos: dende os dous restaurantes, varios aparcamentos, socorristas e xardíns de Tanxil ata a descoñecida praia de Tronco que, con pouco máis ca unhas escaleiras e un cubo de lixo, ofrece ó visitante que se achega a ela un entorno íntimo, privilexiado e único.

A idílica praia de Tronco, de augas cristalinas e que ofrece intimidade e beleza a partes iguais

A idílica praia de Tronco, de augas cristalinas e que ofrece intimidade e beleza a partes iguais

Dende logo, Rianxo aínda  ten moito máis que amosar: rutas de sendeirismo, fervenzas con lendas e pozos perdidos, exaltacións gastronómicas, a Procesión Marítima das Festas da Guadalupe ou o hórreo máis grande de Galicia, situado na parroquia de Araño. Son moitos os atractivos aínda descoñecidos de Rianxo e moitos, moitísimos, os bares e restaurantes nos que tapear e pedir unha ración de empanada de xoubiñas ou de polbo á grella. Queda aínda moito por ver. A que agardas para descubrilo?

Parte I: “Rianxo, o segredo mellor gardado das Rías Baixas (I)“.