Rianxo, o segredo mellor gardado das Rías Baixas (I)

No fondo da ría de Arousa, en plenas Rías Baixas, atópase a vila mariñeira de Rianxo. O Concello é de parada obrigada para todos os amantes da natureza, a praia e o mar, e conta con todo o necesario para facer da visita unha experiencia diferente. Esta é a primeira parte dun percorrido fotográfico polo concello no que queda máis que demostado que Rianxo ten algo especial.

O municipio

Vista da vila de Rianxo dende o monte Castro Barbudo, situado na parroquia de Taragoña

Vista da vila de Rianxo dende o monte Castro Barbudo, situado na parroquia de Taragoña

O concello de Rianxo, dividido en 7 parroquias e con máis de 11.000 habitantes, é o lugar perfecto para descansar e descubrir a riqueza que ten por ofrecer esta vila mariñeira, pouco masificada, e que sorprende ó visitante en cada recuncho. As praias, que bordean a práctica totalidade da costa do municipio, fusiónanse cos pequenos portos e peiraos e algunha que outra zona rochosa.

Cara ó interior, a vexetación vaise facendo máis abundante, serpenteada por ríos coma o Ulla na súa desembocadura, ou o Té, cuxa senda recentemente rehabilitada e que atravesa pequenas fervenzas e muíños é un roteiro obrigado para todos os que se achegan ó Concello.

Ondiñas veñen e van:  A Rianxeira

O himno non oficial de Galicia ten a súa orixe na emigración. No ano 1947 foi composta en Bos Aires por dous rianxeiros: Xesús Frieiro, que lle puxo letra; e Anxo Romero, quen a musicou. Nun primeiro momento tiña como fin ser tocada na chegada de Castelao a Arxentina tras a súa estancia en París organizando o Goberno da República no exilio. Trátase dun tema que os galegos levan gravado no corazón e na alma, e que dentro ou fora da Galicia fai florecer a morriña.

A Rianxeira, que se canta de xeito festivo no último día das Festas da Guadalupe do Concello, é entoada polos rianxeiros con orgullo e defendida coma patrimonio propio.

DSC_8871 mod

A letra da Rianxeira é entoada en medio mundo e xa foi adoptada polos seareiros do Club Celta de Vigo para animar ó equipo nos seus partidos

Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio

Os tres autores, que se atopan no Olimpo dos grandes escritores da literatura galega, naceron na vila de Rianxo. Os rianxeiros falan con orgullo do seu excelente patrimonio cultural, que de momento se pode visitar na casa museo de Manuel Antonio. Neste lugar están expostos documentos e obxectos persoais do poeta vangardista, á espera da finalización do museo de Rafael Dieste. Quizais sexa ese influxo o que fai que na vila non se deixen de lado as actividades culturais, con programacións musicais na rúa nos meses de verán e cun interesante cartel no Auditorio da vila durante todo o ano, que achega distintas producións teatrais e a cantantes coma Sés.

DSC_9358 mod

Monumento na honra de Castelao, un dos máis importantes do Paseo da Ribeira de Rianxo

A vila

A visita da vila comeza pola praza de Castelao. Aquí se sitúan tanto a Capela da Guadalupe coma os edificios do Cuartel Vello, que actualmente acolle actos culturais, e o da Casa do Coxo, antes pertencente a un coñecido e excéntrico boticario da vila e agora convertida no imprescindible Museo do Mar, que á vez fai tamén de oficina de turismo. O Concello sitúase ó fondo da praza, coñecida polos rianxeiros coma “O Campo”.

Son tres as rúas que conflúen na praza, practicamente paralelas e diferenciadas polo seu empedrado e amplitude. A primeira, a rúa de Arriba, é a máis estreita e enxebre. A rúa do Medio era considerada antigamente coma a da burguesía, e a rúa de Abaixo é a máis ampla e señorial das tres. Esta última alberga as casas dos tres persoeiros máis destacados do pobo: Castelao, Rafael Dieste e Manuel Antonio.

DSC_8831

Alameda de Rianxo durante o tradicional mercado que se celebra todos os mércores e domingo

Tras o percorrido por calquera destas rúas, chegaremos á Praza de Rafael Dieste, que alberga un dos conxuntos arquitectónicos de máis valor de Rianxo. Alberga un cruceiro no seu centro e o Pazo de Martelo, construído no século XV polo trobador medieval Paio Gómez Chariño e declarado Monumento Histórico-Artístico en 1973. A praza está presidida pola Igrexa de Santa Comba, situada nun alto ó que se accede por un escaleira de pedra dende a praza e rodeada por un pintoresco adro. É de estilo gótico e destaca pola súa torre barroca. Durante o verán nesta praza celébranse concertos da banda municipal e distintos ciclos de concertos e baile que, no luscofusco, confiren á escena un ambiente máxico.

A zona do porto, á que se accede descendendo por calquera das pequenas ruelas que son perpendiculares ó noso percorrido, é quizais a que máis sorprende ós visitantes. Baixando dende a mesma Praza da Igrexa atoparémonos fronte o Paseo da Ribeira ─xardíns que albergan monumentos a destacados autores galegos e tamén das xentes do pobo─ e que se encontra á mesma beira do mar, onde se sitúa tamén o porto pesqueiro da vila, moi vinculado ás artes de pesca de baixura e ó marisqueo.

Vista nocturna do porto e  casco histórico da vila, no que destaca a Igrexa de Santa Comba

Vista nocturna do porto e casco histórico da vila, no que destaca a Igrexa de Santa Comba

A escasos metros sitúase o Parque Galicia, onde se encontra a Casa da Cultura da Vila, da que convén revisar a programación das fins de Semana para recibir máis dunha grata sorpresa. Paseando polo parque ó longo dunhas modernas casetas de pescadores numeradas, ás que os rianxeiros denominaron con ironía “O Bingo”, chégase ós estaleiros e ó porto deportivo, cun longo peirao dende o que pasear e tomar instantáneas das impresionantes vistas da vila.

A lonxa está moi preto do Paseo da Ribeira, e nun día laborable convén asomarse para comprobar o rebumbio de vendedores e compradores en busca do mellor lote de marisco ou, en tempada, das cobizadas xoubiñas de Rianxo.

A historia, a tradición e a gastronomía son algúns dos motivos para visitar esta vila. Pero dende logo non os únicos.