Artistas de laboratorio

Un corpo pequeno con longas orellas recuberto de pelo suave. Animal con fama de adicto as cenorias, de perder carreiras contra tartarugas e, en algunha ocasión, de protagonizar películas de Disney. Coellos. Vimos centos ao longo da nosa vida, de diversos tamaños e cores pero, atopáchesvos con algún fluorescente? Aínda que pareza de ciencia ficción, xa existe un coello que deixa de ter unha aparencia común no momento no que se lle aplica unha luz azul e o seu corpo comeza a adquirir unha cor verde brillante. Aínda que pode dar esta impresión, non estaba pensado para ser ningún tipo de experimento científico. Segundo o seu creador Eduardo Kac, Alba —así se chama a coelliña — é unha obra de arte; de bioarte, para ser concretos.

Non quere falar nin de tecnoloxía nin de ciencia, el afirma que esa é a súa obra que deriva dunha visión poética e dun idioma artístico

O bioarte é unha corrente artística que utiliza materiais biolóxicos como tecidos, sangue ou xenes para crear pezas estéticas. Unha das causas da súa existencia é o rápido desenvolvemento da biotecnoloxía— a aplicación da tecnoloxía en sistemas biolóxicos, organismos vivos e os seus derivados para a  creación ou modificación de produtos ou procesos para usos específicos— durante os últimos anos.

O termo “bioarte” xurdiu a principios do século XXI da man de Eduardo Kac, se ben é certo que anteriormente xa existiron personalidades coa inquietude de crear arte a través da bioloxía. Por exemplo, en 1975 o artista checo Petr Stembera tratou de insertar unha planta no seu propio brazo para, segundo el, manterse o máis preto posible da natureza. Así e todo, a etapa de consolidación do bioarte non chegaría ata o 2000 coa aparición de Alba, o coello transxénico ao que se lle dotou cun xene dunha medusa para que puidera brillar. Segundo o seu autor, o que pretendía coa súa creación era comezar un debate sobre a inserción dun coello transxénico na sociedade. Non obstante, esta finalidade non se cumpriu posto que o coello viviu no Instituto de Investigación Agronómica de Francia, onde tamén foi creada. Kac refírese a Alba como “un ser vivo e unha obra de arte ao mesmo tempo” e non quere falar nin de tecnoloxía nin de ciencia, el afirma que esa é a súa obra que deriva dunha visión poética e dun idioma artístico. Alba non foi o único proxecto influenciado pola corrente do bioarte que Kac levou a cabo. En 2009 combinou os seus xenes cos dunha petunia para crear unha flor totalmente nova, algo que non existía na natureza e a que chamou “Edunia”. Nela pódese apreciar o DNI do artista a través das súas “veas vermellas” sobre os pétalos rosados.

O bioarte non chegou só, senón que veu acompañado de fortes críticas por parte, sobre todo, de asociacións animalistas

Kac non foi o único que tentou cambiar o orde xeral das cousas a través do bioarte. Stelarc— nome artístico do chipriota Stelios Arcadiou— deuse a coñecer coa súa peza chamada “Ear”. O artista creou unha orella a partir de material biocompatible que se lle inseriu no seu propio antebrazo tras someterse a varias cirurxías, conectando este novo membro ás súas veas. A finalidade que Stelarc perseguía co seu traballo era a de introducir un micrófono na súa nova orella que ao mesmo tempo estivera conectado a internet para que xente de todo  o mundo se puideran converter nos seus oíntes

O bioarte non chegou só, senón que veu acompañado de fortes críticas por parte, sobre todo, de asociacións animalistas que se cuestionaban o feito de se os xenes do coello lle pertencían ao artista ou ao propio animal, falando sobre a ética dunha corrente que utiliza organismos vivos para crear o que para algúns é arte. A ciencia, como de costume, abriu un novo debate na sociedade.

Fotografía de portada:  ©ekac.org