Suso de Toro: “Detivéronme na época de Franco e non vou ter medo agora a dicir o que penso”

O autor santiagués de exitosas obras como ‘Polaroid’, ‘Tic-tac’, ‘A sombra cazadora’ ou ‘Sete palabras’ concedeunos a oportunidade de facerlle unha entrevista coa finalidade de achegarnos un pouco máis a unha das máis carismáticas figuras da nosa literatura contemporánea. Tamén, intentamos descubrir ao Suso no seu ámbito político, pois hai uns anos que sentiu a necesidade de formar parte da candidatura electoral de Nós ou do BNG

Que foi o que tivo ‘Trece badaladas’ para que tivese tal impacto nada máis publicarse e para que sexa, hoxe en día, obxecto de estudo en diversas universidades europeas?

‘Trece badaladas’ foi unha obra que naceu dun modo moi humilde, sen gran pretensión literaria. Eu pretendía facer un guion para unha serie de televisión, facer unha historia gótica, de misterio; que estivera ambientada na miña cidade. O que aconteceu foi que tiven que darlle moitas voltas ao tema porque ía ser unha serie de televisión pero finalmente, discutindo cos guionistas, encerreime empezando a escribir unha novela. Foi un proceso de varias partes e varios anos, o que fixo que xuntase distintas intencións; por unha parte contar unha historia gótica e falar de todo o pasado histórico da miña cidade e pola outra, facer unha reflexión sobre a morte, a vida… O resultado é unha novela amena, entretida e con moitas lecturas.

Cambioulle a vida ?

Pois a verdade é que antes publicara un libro que me marcara coma escritor para un determinado publico: ‘Tic Tac’. ‘Tic Tac’ estivera a punto de ser Premio Nacional, e no seu momento foi moi valorado, tanto pola crítica galega como pola española. Fora unha obra moi celebrada; que creara unha impresión forte, e dalgún modo iso xa me marcara a min coma escritor antes de ‘Trece Badaladas’.

Tomou inspiración ou influencia dalgún escritor galego ou estranxeiro ?

Non, eu estou moi marcado por ser discípulo dun profesor meu, Benito Varela Jácome. Era un estudioso da literatura universal, de feito foi o autor do primeiro libro sobre a novela do século XX. Aos 17 anos, foi quen marcou as miñas influencias, con James Joyce ou William Faulkner; o marco literario, o estético, a orientación… A verdade é que o de escribir nace dunha vocación persoal, dun desexo meu. El proporcionoume todo un mapa da literatura moderna. Cando eu comecei a publicar quería que a miña obra fose do século XX; refírome a que fose unha obra moderna no sentido de que seguira as correntes do meu tempo.

Contou co apoio da súa familia?

No meu caso a miña vocación literaria empezou de neno, en parte gracias a que cando facía unha redacción para clase a miña nai alegrábase. Ese era o mellor pago, o mellor estímulo. Naquel momento ninguén podía pensar que ser escritor era unha profesión, en España nos anos sesenta non se podía vivir de ser escritor. Era impensable, e moito máis en lingua galega. Entón loxicamente a miña familia o que pretendía era que tivese unha carreira e que me gañase a vida grazas a iso. 

Se tivera que escoller unha obra de toda a sua carreira literaria, cal sería? ‘Tic Tac’?

‘Tic Tac’ é a que máis lle gusta aos críticos, e recoñezo que é un libro moi potente, moi forte; pero ós que realmente lles teño máis cariño son ’A Sombra Cazadora’ ou ‘Sete Palabras’, un libro moi persoal que ten relación coa miña vida e coa miña familia.

hdr

© Inés K.Izquierdo

Pódese dicir que os críticos  delimitan o contido das súas obras, as reflexións que inclúe ou os temas que trate?

Os escritores precisamos de críticos que nos digan o que lles parece o noso traballo. Eu distingo unha crítica que considero preguiceira, sen fundamento, basada en ideas previas; da crítica intelixente, que se enfronta á obra e o fai con sinceridade. É entón cando aprendes e isto axúdache a ver a obra dende fóra. Cando acabas un libro estás eufórico pero ao publicalo e pensar en que o van ler, sínteste inseguro. A crítica axúdanos a obxectivar sempre que sexa lexítima. A min nunca me influiu para dicir facer algo dunha maneira ou doutra, pero tamén disgusta; sobre todo cando son ofensivas ou destrutivas, porque é unha violencia contra a obra e contra ti. Quen diga que aos escritores non lles importan as críticas, minte. A todos nos afectan e máis se son negativas.

Figúrome que o seu xénero preferido é a narrativa.

Si, sen dúbida. Gústame ler historias que me entreteñan como lector e gústame escribilas. Cando escribo unha novela, un relato, o que máis me preocupa é que non se aburra o lector. Agás ‘A Sombra Cazadora’ e ‘Conta Saldada’, sempre imaxinaba que estaba a escribir para xente cos meus coñecementos culturais, cos meus gustos. Escribir para persoas novas condicióname como escritor. Por exemplo en ‘Conta Saldada’ hai unha escena de moita violencia que me preocupou por se non era axeitada para rapaces. Aínda que, por outra parte, sei que hai libros que o público adulto non querería ler xa que non lle semellan tan densos. Moitas veces o público adulto é máis exquisito.

Que lle fixo empezar a escribir un blog?

No ano 1998 tiven un conflito cun poder político de entón en Galicia: Fraga. Ordeoulle ao xornal co que eu colaborara, La Voz de Galicia, que me botara que me deixase de publicar. Foi entón cando durante anos estivo prohibido citar o meu nome pola miña ideoloxía política e as miñas ideas. Todo por criticar a Fraga nun artigo de prensa. Non lle gustara. Non só decidiu iso, tamén que non publicaran os meus libros, nin dixeran o meu nome se eu daba unha conferencia ou asistía a un acto. Prexudicoume moito durante bastantes anos, e máis cando eu vivía da literatura. Foi nese momento cando me din conta de que querían evitar que me expresase, que colaborara en prensa. Decatárame de que quería acabar comigo e eu non o ía permitir. Foi entón cando abrín unha páxina web titulada ‘Botella ao mar’ e dixen “vou poñer aquí o que eu queira, en liberdade”. Non me dediquei a opinar sobre ideas da sociedade ou de política; foi máis ben un blog literario, filosófico.

Daquela viu perigar a súa carreira literaria?

Totalmente. É máis, estiven pensando en marchar de Galicia e ir vivir a Cataluña. Eu sabía que alí me respetaban. A min quixéronme botar de Galicia, do meu país. Afortunadamente conseguín publicar na prensa de Barcelona e de Madrid e puiden sobrevivir cos meus libros.

Botándolles unha ollada a diferentes artigos da rede, algúns deles falan negativamente da súa postura en canto á idea da independencia de Cataluña ou do comentario que fixo da suposta xenofobia de España contra esta.

Dende neno son galeguista, sendo consciente dos problemas que ten o meu país, que ten riqueza de seu e xente traballadora, e que sen embargo se ven obligados a emigrar. Non sendo un país pobre resulta que non podemos vivir aquí do noso. Sempre fun consciente da situación de presión que viviu o meu país, a miña cultura, a miña xente. Sempre fun galeguista. Ao mesmo tempo, teño apoiado moito a Rodríguez Zapatero, pois cría que naquel momento era bo e defendía unha idea de España na que quizais Galicia poidera estar cómoda. Eu non me cerro a nada, o único que sí é seguro é que vou defender a Galicia, o meu país.

O que ocorre é que en España a ideoloxía dominante é un españolismo identificado cun centralismo madrileño onde non hai sitio para nós. Por eso mesmo o conflito de Cataluña chegou a esa situación na que está. Dende Madrid non lle permitiron un diálogo para buscar unha solución. Levárono a unha situación na que os cataláns dixeron: aquí non hai remedio, aquí nunca encontraremos acomodo e queremos marchar. Eso foi un gran erro, e quen cometeu ese erro non son os que entendemos que as cousas se podían arreglar doutro modo, respetando e recoñecendo a diversidade; senon os que cren que temos que ser sometidos a Madrid e ser “castellanos”. É alí onde está o problema. O problema de España non é Cataluña, o problema de España é Madrid. Logo é natural que en Madrid as miñas ideas non caian ben. Todas esas acusacións veñen de medios, periodistas e políticos madrileños ou de xente que ideoloxicamente está sometida a Madrid.

Que foi o que se lle pasou pola cabeza cando viu que se convertía en Trending Topic o seu tweet sobre a xenofobia?

A verdade que nin me enterei que fora Trending Topic pero paréceme que é evidente que en España aos cataláns non os poden ver. Madrid non quere aprender, vaille moi ben con como é, vive dos demais, entón non lle interesa cambiar. Hai moita xente que cre que non se debería independizar, cada un ten unha opinión distinta; pero unha cousa é a opinión e outra o odio contra eles. Agora estao habendo cada vez máis en Galicia, a pesar de que antes non existía ese “anticatalanismo”. En Galicia sempre se considerou aos cataláns como un país de xente boa, moi traballadora, moi laboriosa, con moita capacidade para crear empleo, empresas e traballo. Digamos que en Galicia se dicía que de Cataluña era de quen había que aprender. O que ocorre é que dende hai uns anos o “anticatalanismo” é irradiado polos medios de comuniación madrileños, que son practicamente todos. Que haxa opinións distintas é normal, lóxico. A min disgústame que Cataluña se independice, eu quero ter ós cataláns cerca porque aprendo deles. O que pasa é que nesta España non nos deixan saber deles. Sabes todo o que pasa en Madrid pero do que pasa en Barcelona sabemos o que nos conta Madrid, interpretado por eles. Eu querería escoitar aos cataláns.

hdr

© Inés K.Izquierdo

Cree que ese é o motivo de que en Galicia non exista un espíritu independentista propio ou da falta de apoio cara a nosa cultura galega? En que etapa cre que se atopa o nacionalismo galego hoxe en día ?

Sempre o houbo, pero moi débil. Por exemplo en 1845 Antolín Faraldo defendeu a independencia de Galicia frente a opresión da corte madrileña. Logo en 1848 aconteceu a revolución galega que deu lugar aos fusilamentos de Carral. Pero os galeguistas sempre foron unha minoría e é debido fundamentelmente á raíz histórica comentada. Esa derrota militar estámola pagando aínda hoxe, hoxe aínda están as consecuencias. A historia fixérona os que gañaron. A historia é da España castellana pero non é a historia de Galicia. Eu vexo que nos institutos os libros de texto siguen dando a historia castellana. Gran parte dos problemas de España é que a historia que lle explican a xente básase en mentiras, básase en ocultar unha realidade e ocultando realidades non nos vamos entender. Creo que o galeguismo se atopa nunha etapa de gran inmadurez. Está nun momento en que é incapaz de dar unha resposta ás necesidades que ten o país e en canto a que mellore, non son optimista desgraciadamente.

Pensa nun futuro no que vaia desaparecer a lingua?

Preocúpame realmente. Unha lingua non se trata de algo científico, non é un problema de gramáticos, é un problema social. Unha lingua existe se unha sociedade quere que esa lingua exista. A min dame igual que me digan “es una lengua muy buena como cualquier otra”, se a xente non a quere, se quere ser colonizada. Eso ten relación con ter poder político propio e non o teremos se non construimos esas élites, esas minorías dirixentes. É difícil pois a burguesía existente non ten conciencia ningunha de país. Cando unha persoa acepta a visión dos outros do que ocorre é unha aculturación, pérdese a cultura e a visión propia das cousas e acéptase ver a traves dos ollos do seu inimigo. O problema podería estar na educación nun sentido amplio, hai persoas que sen saber ler nin escribir non se someten a outros. Aquí non. Aquí existe unha sociedade sometida, ignorante e os medios de comunicación existente non axudan.

Sería posible que unha vez que a política de España mellorase, tamén o fixera a de Galicia ?

Dende o meu punto de vista é algo totalmente independente. Pode mellorar a política de España e Galicia seguir sen importar nada. É dicir, cando os nosos portos son gobernados dende a Gran Vía madrileña, cando a nosa cota de leite decídese en Madrid, cando o que imos facer coa pesca decídese en Madrid; que máis dá que gobernen uns ou outros se non nos gobernamos nós, se non miramos polos nosos intereses.Os demais non nos van solucionar o noso, non lles interesamos. O único que lles interesa é que sacan de aquí, que poden sacar de aquí, sacar enerxía eléctrica, sacar as caixas de aforro…

Pero hai uns anos, houbo na Xunta unha coalición entre o PSOE e o BNG aos que se lles acusou de corrupción, feito que foi demostrado, polo que pese a ter un partido propio do noso territorio non se gobernou correctamente.

Os medios de comunicación traballaron moi duramente contra aquel goberno para que volvese o PP. Esaxeráronse enormemente os casos de corrupción. Por exemplo destacaron moito o caso dun conselleiro do PSOE no que sacaban unha foto montado nun barco dun empresario como se fose un delito. En cambio ese mesmo periódico non sacou a foto de Núñez Feijóo ao bordo do barco dun narcotraficante, é dicir; os medios de comunicación existentes crearon tamén unha imaxe, esaxeraron os problemas que puidese ter aquel goberno e en cambio ocultan as cousas moito máis graves que fai o goberno do PP.

Cal é a sua opinión sobre o actual alcalde de Compostela, Martiño Noriega?

Non teño unha opinión. Eu son santiagués, vivín aquí toda a miña vida e é evidente que son persoas novas, son xente que non coñece a cidade, que non ten experiencia de gobernar. Eu creo que co paso do tempo terán que aprender a dialogar cos partidos que xa estaban gobernando a cidade, aprenderán a pactar, e irán aprendendo. Eu confío en que co paso do tempo vaian aprendendo.

Vostede formou parte da candidatura de Nós. Cal foi o motivo de que non quixera participar con Beiras en Anova?

O problema para min é que eu quero ter representación parlamentaria galega, é dicir; que no parlamento español, un grupo parlamentario propio exprese os nosos intereses. O PP e o PSOE xa teñen deputados en Galicia. Un partido dirixido dende Madrid e con deputados aquí non me convence, aínda que digan que eses son galeguistas. Eu o que quero é ter unha organizacion que pense desde aquí, que non dependa de Madrid para poder defender con independencia, no parlamento galego, no parlamento español ou no europeo; os nosos intereses.

É ese o motivo polo que entrou na política?

Eu entrei para apoiar a Nós e incluso fun na lista do BNG ás europeas, xa que me preocupaba que nos últimos tempos Galicia estivese desaparecendo políticamente. Todo era Madrid, todo era que si Ciudadanos, que si Podemos, que si unos, que si otros; pero Galicia desaparecía e eu dinme conta de que todo o mundo falaba destes partidos, dos madrileños, e Galicia desaparecía. Ninguén falaba dos nosos problemas. Entón dixen eu que tiña que apoiar a un dos partidos propiamente galegos. Non é que me identifique nin moito menos ao cen por cen pero era o partido que había. A miña idea sería un partido galeguista, un partido republicano, da época da república, democrático, cun pograma social e que defenda os nosos intereses. Esa sería a miña idea, pero non o hai, entón apoio a calquera partido galego que haxa e que sexa progresista, que defenda a política de xustiza social e que sexa democrático. Beiras foi durante moito tempo o candidato e o portavoz parlamentario dun partido galego, entón eu entendo que diga “equivoqueime, non precisamos partidos galegos” ou “a min váleme unha candidatura dunha organización madrileña”. Pero que el organice e participe deso paréceme serio, é unha equivocación e ademais paréceme grave; e recrimineillo, claro. Creo que é o que debemos facer, para iso está a liberdade de expresión, e eu non teño medo. Nunca tiven medo, non tiven medo nin á policía de Franco. Detuvéronme nun calabozo, viñéronme buscar a casa na época de Franco e non vou ter medo agora a dicir o que penso.

Qué pensa dos novos partidos, tanto de Ciudadanos como de Podemos? Substituirán os outros dous partidos tradicionais?

Creo que son dous partidos que evidentemente queren dicir que os partidos que había non estaban funcionando ben, senón non terían éxito. Se o PSOE e o PP o estivesen facendo ben, estes non terían eco. Creo que neste momento o resultado de todo esto, imaxino que van ser unhas eleccións anticipadas. Para min todo esto é unha especie de representación teatral na que cada un quere ante a cidadanía presentarse como un escaparate, mostrarse de cara ás próximas eleccións. Creo que o próximo mes de xulio haberá unhas novas eleccións xerais e aí xa se verá, dependerá do resultado, terán que pactar uns cos outros, xa veremos. Neste momento eu creo que todo é un teatro. Por outro lado o PSOE efectivamente ten medo de Podemos. Realmente a maior competición é a que hai entre PSOE e Podemos. O PSOE quere seguir sendo o primeiro partido da esquerda e Podemos quere pasarlle ao PSOE. Hai unha competitividade entre eles, sendo moi difícil que pacten por ser, precisamente, os que máis chocan.