Innovación e creatividade para afrontar as mudanzas do proceso comunicativo

A importancia de adaptar o xornalismo ás novas tecnoloxías, eixo principal da conferencia impartida no Consello da Cultura Galega por xornalistas e profesores de toda España. O coloquio, ao que asistiu preto dun centenar  de ouvintes, celebrouse o pasado mércores 24 de febreiro.

“A la prensa le falta aprender de psicología”. Deste xeito comezou a súa intervención o xornalista Mario Tascón, facendo referencia á necesidade de asumir e saber adaptarse ás mudanzas das novas tecnoloxías, que provocan unha maior diverxencia nos medios. Evolución constante dos formatos, cambios na cadea de fabricación e a aparición de novos factores coma o algoritmo e a máquina, no proceso comunicativo entre o emisor e receptor, son as principais achegas dunha “nueva era comunicativa”. Xorde un novo escenario no que o xornalista debe de saber adaptarse facendo uso de “innovación y creatividad”. Neste contexto aparece con forza a figura do xornalista multitarea, definido polo propio Tascón como “hombre orquesta” e considerado coma “un timo de las grandes empresas para ahorrar en personal”. Porén, admite que os profesionais da comunicación precisan de adquirir novas habilidades e dominar o contido e a distribución das informacións que fabrican, así como saber empregar dun xeito adecuado os novos espazos que xorden como consecuencia da sociedade en rede.

“El periodista multitarea es un timo de las grandes empresas para ahorrar en personal”, Mario Tascón

No coloquio participaron tamén catro profesores de Xornalismo doutras universidades españolas. Juan Antonio García Galindo, docente da Universidad de Málaga, salientou a necesidade de empregar dun xeito máis crítico as novas tecnoloxías, que “aportan más información en menos tiempo, pero eso no implica un mayor grado de formación”. Alén diso, defende que “las TIC (tecnologías de la información y la comunicación) no han mejorado el periodismo ni la democracia”. Respecto da figura do “home orquestra”, García Galindo considera tamén que os seus efectos son negativos para o xornalismo, xa que “provocan menos empleo y más precario”.

O profesor da Universidad de Navarra Ramón Salaverría, en cambio, fixo fincapé no Internet das Cousas, consistente na crecente conectividade á rede que están a adquirir obxectos cotiás. Realidade virtual, robotización e multisensorialidade son os piares sobre os que se vai sustentar o proceso comunicativo nun futuro non moi afastado. Salaverría considera que o futuro dos medios non ten por qué pechar as portas a novos xornalistas: “Se crearán nuevos perfiles laborales, algunos trabajos podrán ser realizados por máquinas, pero se abrirán nuevas puertas a los profesionales de la comunicación”, indicou.

“Se crearán nuevos perfiles profesionales para los periodistas”, Ramón Salaverría

Pola súa banda Carlos Elías, mestre na Carlos III de Madrid, destacou a importancia do xornalismo de datos e instou ós órganos públicos e de goberno a unha maior “transparencia”. Asemade, recoñece que o papel do xornalista goza dun menor prestixio na era da sociedade en rede debido a que “el competidor del periodista ya no es otro periodista, sino el protagonista de la noticia”. Esta circunstancia débese a que “la fuente ha pasado a ser el propio medio de comunicación de masas. Políticos, empresas, famosos… Han pasado a comunicarse directamente con su público, sin necesidad de que un periodista medie en el proceso”. Por último, criticou tamén o “xornalismo corporativo” en tanto a que o considera unha “vía de intrusismo” no territorio dos profesionais da comunicación.

Alén do anterior, a profesora da Universitat Autònoma de Barcelona Rosa Franquet expuxo a súa tese sobre a busca da identidade individual e colectiva, baseándose na defensa da identidade nacional e cultural de “naciones sin Estado” como Catalunya, que “reivindica su derecho a la autodeterminación”. Franquet fixo unha crítica ás elites políticas que impiden a consulta soberanista, considerando que “hay una sociedad civil que quiere ser protagonista y construye su propia identidad colectiva, pero la clase política no lo entiende”.