Pode o paro baixar e subir á vez?

Sabemos de sobra que todas as estatísticas son interpretables. A do paro non se queda atrás. De feito, pola súa enorme importancia mediática e política, pode que sexa a estatística que máis se ve suxeita a interpretacións. Cada primeira semana de mes, cando saen os datos do desemprego, lemos e escoitamos aos que din que son para tirar cohetes, aos que os ven positivos pero insuficientes e aos que os tachan como negativos.

Este pasado mes de decembro, o paro en Galicia baixou en 23.110 persoas e subiu en 3.650 persoas. E, fóra de interpretacións, os dous datos son correctos. Non hai que sumalos nin restalos, os dous son datos finais. Isto leva a confusión a moita xente. Se alguén escoita na radio que o paro sobe e despois ve ao político gubernamental de turno dicir que o paro baixa, tendemos a considerar que este último minte (por experiencia, posiblemente). Pero non ten por que ser así.

"Work", de Ford Maddox Brown

“Work”, de Ford Maddox Brown

Ambas as dúas cifras son verídicas: o que cambia é a referencia que collen: respecto a que outra cifra sube ou respecto a que outra cifra baixa. O dato da subida é intermensual, é dicir, colle como referencia o mes anterior (neste caso, novembro de 2015). O dato da baixada é interanual, fala da evolución con respecto ao mesmo mes do ano anterior (no exemplo, decembro de 2014).

Se alguén escoita na radio que o paro sobe e despois ve ao Goberno dicir que o paro baixa, tendemos a considerar que este último minte. Non ten por que

Cal é máis útil? Pois, tanto en Galicia coma en calquera outro lugar do planeta, depende. Depende de para quen e para que. O intermensual rexistra moitas máis oscilacións, froito das peculiaridades do mercado laboral de cada mes. Atraen poderosamente aos xornalistas, porque os cambios bruscos son noticia, a estabilidade non o é. Tamén gustan aos Gobernos en meses coma xullo (nos que o paro adoita baixar pola xente que se contrata de cara ás campañas de verán) e gustan ás oposicións en meses coma setembro (cando os chiringuitos pechan e bares, hoteis e restaurantes deixan de necesitar reforzos). A evolución intermensual é útil, por exemplo, para estimar mellor cantos contratos son puramente estacionais.

 

Os datos interanuais, pola contra, adoitan ser máis estables. En Galicia, a nivel interanual, o paro leva baixando 26 meses seguidos, e isto loce moi mal en titulares. Son, en cambio, o refuxio dos políticos do Goberno nos meses (coma este) peores para a contratación. Son tamén máis útiles para comparar peras con peras e mazás con mazás, que diría Ana Botella. Ao comparar decembros con decembros e xullos con xullos, dan unha imaxe máis fiel da evolución do emprego nunhas determinadas condicións, eliminando o compoñente estacional.

Case non se asinan contratos indefinidos!

Tanto as cifras interanuais coma as intermensuais son aptas para todos os públicos. Máis de nicho son as cifras que comparan os contratos temporais e os indefinidos asinados nun mesmo mes. Achegan moita metralla argumental aos que acompañan cada baixada dun desemprego cun “pero”, matizando a precariedade dos novos empregos.

Volvendo a Galicia e ao pasado mes de decembro, asináronse no país 4.405 contratos indefinidos (o 6,42%) e 64.241 temporais (o 93,58%). A priori, parecería que a temporalidade é atroz. Porén, este dato haino que tomar con moita, moita, moitísima cautela se queremos ser honestos na nosa argumentación. O porqué déixao moi claro o xornalista Juanma del Álamo nesta infografía.

@jmdelalamo

@jmdelalamo

Sempre vai haber máis contratos temporais que indefinidos, precisamente porque, por definición, estes duran máis tempo. Así de simple.

Xamais se saíu dunha crise a base de contratos indefinidos

Unha reflexión final sobre o asunto da precariedade. A todos nos gustaría que se asinasen máis contratos, mellor pagados e máis seguros. Pero xamais se saíu dunha crise a base de contratos indefinidos. Se sacamos das crises —desta especialmente— algunha lección, é que cómpre ser prudentes, e non asumir riscos excesivos (débedas, compromisos a longo prazo) pensando que as vacas van ser sempre gordas.

Un empresario ao que o negocio lle empeza ir mellor quererá contratar máis xente. Pero tamén terá medo de que non lle sexan tan eficientes como pensaba, ou que as vendas baixen subitamente por unha recaída da crise. Nese caso, as gravosas indemnizacións dos contratos indefinidos impiden ser flexibles e axustarse ás novas condicións. É por iso que, en momentos de incerteza, os empresarios prefiren ir sempre pouco a pouco e basear o seu incipiente crecemento nos contratos temporais. Haberá quen queira velo como un complot da CEOE para pagar menos soldos e poder dar vergallazos máis fortes no lombo dos empregados. A realidade, non cómpre borralo da mente, sempre é interpretable.