Así foi o noso debate: agochado e descafeinado

“Estaría moi ben que explicasen moitas cousas que quedaron sen explicar, pero xa estamos no minuto final”. Así concluía unha hora despois de comezar o primeiro e único debate que emitirá a Televisión de Galicia de cara ás Eleccións Xerais do vindeiro 20 de decembro. Un debate agochado no medio da tarde, ás 18:30, lonxe do prime time que debería ocupar un evento destas características. É evidente que por parte dos galegos o que non falta é interese: a nosa foi a terceira comunidade con maior seguemento do debate a catro bandas emitido por Atresmedia o pasado luns cun 52,4% de share. Neste caso, desafortunadamente, atopámonos cun debate que pasará sen pena nin gloria, tanto polo formato como polo desinterese amosado por algúns candidatos á hora de levar un discurso construtivo.

Antón Gómez-Reino, Xosé Manuel Barreiro, Pilar Barreiro e Carme Aldán sentados á mesa | ©TVG (@TVGalicia)

Antón Gómez-Reino, José Manuel Barreiro, Pilar Cancela e Carme Adán sentados na mesa do debate | ©TVG (@TVGalicia)

Mención aparte merece a ausencia de Ciudadanos, un partido que, pese a que algunhas enquisas os sinalan como posibles candidatos a ser presidentes de tódolos españois, non tiveron a ben defender o seu programa ante a cidadanía galega. Pode ser que o ridículo de Antonio Rodríguez en Vía V tivera algo que ver: o número un da lista pola Coruña deixou claro que non teñen propostas para Galicia. Xa chegarán despois do 20 de decembro. Lonxe de rectificar, o candidato agochouse ante a posibilidade de confrontar o seu etéreo programa co das demais forzas políticas galegas.

Candidatos sentados, cruces de datos, discursos calcados ós estatais, berros estériles… Os astros alineáronse para que o debate fora o menos atractivo posible. O formato non favorecía a innovación. Estruturouse en tres bloques temáticos: economía, políticas sociais e modelo territorial…e nada máis. Non houbo preguntas da moderadora, Susana López, algo que se botou en falta tendo en conta a tendencia dalgúns dos futuribles deputados (e senador) a irse polas ramas. Calquera diría que a alguén lle interesa que este debate non nos interese. Pero iso, por suposto, non son máis que suposicións.

José Manuel Barreiro defendeu a ultranza a xestión duns populares que "necesitan máis tempo para consolidar a recuperación" | ©TVG (@TVGalicia)

José Manuel Barreiro defendeu a xestión duns populares que “necesitan tempo para consolidar a recuperación” | ©TVG (@TVGalicia)

 

José Manuel Barreiro, número 1 por Lugo da lista do PPdeG para o Senado

O representante do Partido Popular tiña ante si unha labor dobre: defender tanto o traballo a nivel estatal como autonómico. Nos dous casos empregou o mesmo argumento, a dificultade de xestionar a “desfeita” que se atoparon ó chegar ó poder. Fixo especial fincapé en que se está camiñando na boa dirección, pero fai falla renovar a Mariano Rajoy no poder para seguir avanzando, sempre vixiantes ante “os perigos que se achegan”. De discurso e xestualidade igualmente sobrios, a Barreiro nótanselle as táboas como parlamentario. Non saiu a gañar, saiu a perder o menos posible, polo que durmir o debate e intentar desviar a atención cara as xestións pasadas do PSOE e o perigo da xestión futurible de Nós e En Marea era un dos seus principais obxectivos.

A resposta que atopou non foi a que esperaba: mentres que Pilar Cancela se lanzou a criticar a xestión popular sen descanso, tanto Carme Adán como Gómez-Reino fuxiron desa loita para lanzarse de cheo ó terreo programático. Barreiro non tentou botar por terra as propostas alleas, máis aló das críticas ó Partido Socialista. Iso si, durante o debate deixou perlas para a historia como afirmar que “o Álvaro Cunqueiro e o mellor hospital de Europa” ou que “ningún xubilado perdeu poder adquisitivo e todo o demais é demagoxia”. Xulguen vostedes mesmos. 

Pilar Cancela empregou todo o seu tempo en encumbrar a xestión socialista no pasado e criticar a popular | ©TVG (@TVGalicia)

Pilar Cancela empregou todo o seu tempo en encumbrar a xestión socialista no pasado e criticar a popular | ©TVG (@TVGalicia)

Pilar Cancela, número 1 pola Coruña na lista do PSdeG para o Congreso

Sen dúbida a gran decepción do debate. A pesar de representar a un partido con ampla experiencia de goberno e un programa sólido ás súas costas só se lembrou do primeiro. Nun estado de exaltación continua, Cancela tentou desmontar a xestión popular nos últimos anos… empregando todo o seu tempo para esta labor. Pecou dos mesmos erros que Pedro Sánchez no debate de El País, aínda que o candidato do PSOE á presidencia emendou os seus erros o pasado luns. Pilar Cancela non terá esa oportunidade: o seu discurso contra o Partido Popular deixaba un terreo perfecto para que os outros dous candidatos deixasen de lado ese traballo e profundizasen nos seus programas, cousa que ela non puido facer. O combate do PSdeG non pode focalizarse unicamente no partido no Goberno autonómico e estatal. É complicado deter o crecemento doutros partidos de esquerdas sen un discurso construtivo que ben podería ter verbalizado.

Mirar cara ó pasado non é suficiente para erixirse como unha alternativa real a nivel galego, sobre todo despois do aviso que supuxeron as Eleccións Locais do 24 de maio. Fronte ó estatismo do Partido Popular e ás visións diverxentes de En Marea e Nós, Cancela tiña unha das propostas fortes do seu partido, o camiño de España cara ó federalismo… pero non falou del en ningún momento no bloque adicado a intercambiar diferentes visións sobre o modelo territorial. Non o fixo ata o minuto final, no que afirmou que o PSdeG é un partido “galeguista, federalista e españolista”. Non basta con afirmar ser a única alternativa ó PP: hai que amosalo en escenarios coma este, onde o programa dun partido coa traxectoria do PSOE merecía ser mencionado.

Carme Adán reivindicou a capacidade de Nós para "ser a voz de Galiza" | ©TVG (@TVGalicia)

Carme Adán reivindicou a capacidade de Nós para “ser a voz de Galiza” | ©TVG (@TVGalicia)

Carme Adán, número 1 por Pontevedra na lista de Nós-Candidatura Galega para o Congreso

A que segundo as enquisas pode ser a única deputada de Nós no Congreso dos Deputados exemplificou perfectamente o papel que pretenden exercer nel: pór o foco sobre os problemas de Galicia e os esquecidos da crise. Logrou asentarse rapidamente neste papel facendo unha simple contraposición: ante os datos do Instituto Nacional de Estadística (INE) que aportaba Barreiro, ela levaba os do Institución Galego de Estatística (IGE), mentres que tentaba exemplificar as problemáticas estatais con exemplos galegos. Aínda que houbo puntos de fricción moi claros (a condición de “mellor hospital de Europa” do Álvaro Cunqueiro), fuxiu en todo momento da confrontación directa co representante do Partido Popular: deixoulle esa labor a Pilar Cancela.

Mención aparte merece o comportamento con respecto ó candidato de En Marea, Antón Gómez-Reino: non houbo ningunha crítica entre eles, aínda que si se deron continuas reafirmacións nos moitos (case todos, de feito) puntos programáticos comúns. Adaptou moi ben a mensaxe ó contexto no que se atopaba e foi a gañadora emocional do debate, en boa medida por un último minuto no que lembrou ós gandeiros, ós mariñeiros do cerco, ós traballadores do naval e ó precariado crecente.

Gómez-Reinoe e o seu bolígrafo, o máis comentado nas redes | ©TVG (@TVGalicia)

Antón Gómez-Reino, número 1 pola Coruña na lista de En Marea para o Congreso

O invitado de excepción (o único candidato dun partido sen representación parlamentaria) foi o que mellor aproveitou este debate. Tendo en conta que a crítica ó bipartidismo xa está interiorizada grazas ó traballo do seu partido irmán a nivel estatal e de Ciudadanos, a parte máis difícil era a de achegar propostas concretas á cidadanía galega. Aínda que nese eido non puido competir con Carme Adán, foi quen de explicar a práctica totalidade do programa (de 25 páxinas, iso si) que presenta En Marea ás Eleccións Xerais. A pesar de reivindicar o seu pasado como indignado e erixirse coma representante dunha xeración esquecida, deixou de lado esa indignación: buscaba ser un rostro máis amable para o electorado.

Amosou un nerviosismo palpable: imitou a Pablo Iglesias empregando un bolígrafo para xesticular, pero cometeu o erro de debuxar liñas sen parar no papel que tiña diante, algo que non tardaron en salientar en Twitter. A cordialidade coa candidata de Nós foi absoluta, aínda que o enfrontamento entre as bases dos dous partidos foi encarnizado nas redes sociais. Aínda así, e tras unha semana de campaña, é complicado atopar puntos de fricción entre os programas de Nós e En Marea: queda patente que a súa unión non se chegou a materializar por motivos de siglas, non ideolóxicos.