O debate preelectoral pola bandeira do cambio

As eleccións xerais están cada vez máis cerca e a campaña adoita ser de grande intensidade nestes días. Na Facultade de Dereito da USC celebrouse o pasado mércores un debate entre representantes de cinco dos principais grupos que se presentan ao 20-D. No centro da mesa, coa voz cantante no debate, sentáronse os representantes do Partido Popular e o Partido Socialista. Ao seu carón, os candidatos das novas forzas emerxentes: En Marea (Mareas populares, Podemos, Anova e EU), Nós – Candidatura Galega (BNG, PG, PCPG e a FOGA, entre outros) e Ciudadanos.

Sen estar aínda publicados os programas das candidaturas políticas, o debate dividiuse en tres bloques: un de política económica, social e emprego; outro sobre o sistema de financiamiento, transparencia e corrupción dos partidos políticos; e un terceiro sobre a rexeneración política.

Os representantes das forzas políticas que se presentarán no 20-D © Carlos Rey

Representantes das forzas políticas que se presentarán ao 20-D | © Carlos Rey

O primeiro en tomar a palabra foi Antón Gómez-Reino, candidato de En Marea-Podemos por A Coruña, que anunciou a confección da parte participativa do programa ao longo da vindeira semana. Menos activo que outros candidatos, sinalou os tres puntos que queren combater coa súa política económica: “a desigualdade a través dunha redistribución da riqueza, o desemprego e a débeda pública”.  Para iso, aplicarían unha reforma fiscal pola que os impostos serían maiores para as persoas cos máis altos ingresos. Xa que logo, defende o “dereito a un traballo digno, pensións de calidade, renda básica e igualdade social”. Como xa se fixo no 15-M, pediu a modificación do artigo 135 e aplicalo á inversa: “Non priorizar o pago da débeda e sí o gasto en políticas sociais”.

O representante do Partido Popular foi Javier Dorado, deputado no Parlamento de Galicia. Fiel home de partido, apuntou que, aínda que “se pode discenir ideoloxicamente dalgunhas medidas, o PP tratou de facer o mellor para o país”. Considera un bo xestor a Mariano Rajoy, “aínda que tivo que tomar decisións en contra da súa propia vontade para facer fronte á crise”.  Porén, sinalou que o PP conseguiu “evitar o rescate, crear emprego, saír da crise e manter o estado de Benestar”, que foron os piares da candidatura das xerais de 2011. Dorado respondeu ás preguntas plantexadas polos asistentes sen despeinarse: “Non é verdade iso de que non cumprimos co noso programa. Podedes comprobalo na web Cumpplimos.es, con dúas ‘p’. Despois de catro anos está comprobado que cumprimos o 92% das nosas propostas”. Do salón de actos saíron as risas enlatadas do público, coma se estivésemos dentro dunha sitcom televisiva. Engadiu que “todas as forzas políticas preséntanse baixo o lema do cambio. Nós reivindicamos que o cambio político que necesitaba España comezou hai catro anos e aínda non rematou”.

Aitor Bouza (esquerda) e Javier Dorado (dereita) durante o debate © Carlos Rey

Aitor Bouza (esquerda) e Javier Dorado (dereita) durante o debate |© Carlos Rey

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas, Aitor Bouza, centrou a súa intervención lembrando a “mala xestión” levada a cabo polo Partido Popular que, baixo o seu punto de vista, “aplicou o programa que realmente quería coa escusa da crise”, destacando o plano económico pero sen esquecer o social no tocante á Lei de dependencia. Cun discurso enérxico e reivindicativo, ás veces máis radical que as mensaxes do líder nacional Pedro Sánchez, fíxose co debate para criticar a xestión dos populares, argumentando que “el viña a debatir e non a ler o programa electoral”. Destacou algunhas medidas que queren levar a cabo, coma rematar coa reforma laboral dos populares ou a Lei de represión cidadá, “que non ten nada que ver coa crise, pero coa que o PP se asegurou de que ninguén protestase contra os axustes”. Asemade, cre preciso establecer un salario mínimo interprofesional que sexa digno e lograr a reubicación de tódalas persoas no mercado laboral, reivindicando a igualdade entre homes e mulleres.

Olalla Rodil, candidata ao Congreso por Nós-Candidatura Galega pola circunscrición de Lugo, pediu reflexionar sobre a igualdade de xénero, pois era a única muller no debate. Insistiu na necesidade dunha “mudanza radical no modelo económico, os servizos públicos e as políticas sociais para situar no centro ás maiorías sociais —as clases populares—, non á grande oligarquía financeira”. “Non poden decidir por nós. A min non me serve de nada escoller a alguén por Lugo e que non pense na súa veciñanza”. Respecto ás políticas económicas, engadiu que “a xeración de emprego debe pasar tamén polo aproveitamento dos recursos propios. É vital ter a capacidade para decidir coma país nos sectores estratéxicos da Galiza, coma o sector agrogandeiro e pesqueiro”. Concluiu a súa intervención sinalando que “entendemos o nacionalismo galego a través dun modelo de financiamento diferente para Galiza, con capacidade normativativa, lexislativa e política fiscal”.

Olalla Rodil (esquerda) e Antonio Rodríguez (dereita) durante o debate © Carlos Rey

Olalla Rodil, de Nós-Candidatura Galega (á esquerda) e Antonio Rodríguez, de C’s (á dereita) durante o debate | © Carlos Rey

Antonio Rodríguez, candidato por Ciudadanos en A Coruña, leu as medidas do programa da formación laranxa, coas que espera que volva “la clase media española”, o que suporía “superar la crisis, luchar contra la desigualdad, la pobreza y la exclusión y fomentar el empleo y el salario mínimo digno”. Sen entrar en ningún debate nin polémica, expuxo algunhas das medidas de C’s, seguindo o discurso do líder do partido Albert Rivera. Para reintegrar aos desempregados no mercado laboral, ve necesaria a formación prestada aos parados de longa duración. En canto ás débedas con entidades financeiras e bancarias, garante unha segunda oportunidade para “debedores de boa fe”. Confía en que as reformas funcionen coa creación dun “programa europeo contra as desigualdades e o desemprego, potenciando o lanzamento de empresas innovadoras, fomentando o investimento público e privado e simplificando a burocracia”.

Tamén asistiu ao debate Mateo Santiago Franco, representante de Converxencia XXI, partido liberal que non se presenta ás eleccións xerais, pero que se prepara para as autonómicas do próximo ano.

Corrupción e transparencia

Sobre a corrupción que azota ao PP, Dorado manifestou que debía “pedir perdón polo que fixeron persoas do partido e por non reaccionar o suficientemente rápido”. Porén, acerca das responsabilidades dos populares en materia de corrupción, afirmou que o partido coma colectivo “non pode facerse responsable do que fagan suxeitos individuais”, referíndose ao Caso Bárcenas, xa que considera que o único feito demostrado é que o extesoreiro tiña contas bancarias en Suíza como resultado da contabilidade “B” que levaba paralela á oficial. Isto contrasta coa opinión de Olalla Rodil, quen concibe a corrupción como “algo estrutural que favorece este tipo de actitudes, non é unha excepción”. Asemade, Dorado sinalou que o PP executou “bastante ben” as medidas contra a corrupción: a reforma do Código Penal, acabar cos procesos xudiciais eternos ou limitar as doazóns anónimas de empresas a políticos. Sobre a loita contra a corrupción tamén afirmou que “se van convocar 4000 plazas para incrementar a calidade dos procesos xudiciais nos próximos dous anos”.

Replicou Aitor Bouza que “se poden pedir desculpas, pero o presidente segue no cargo. Tan transparente é Rajoy, que non se presenta ao debate co resto dos candidatos”, ironizou. Falou asimesmo da “corrupción ética no caso das escoitas de Baltar” e reprochou o “apoio dos membros do seu partido á súa conducta machista”. Cando foi preguntando polos casos de corrupción nos que se viu envolto o PSOE, coma o dos GAL, botou balóns fóra: “Xa houbo un proceso xudicial e se respeta a sentencia. Podemos seguir falando diso, pero hai que mirar cara o futuro”. Sobre a imputación por cohecho do presidente do PSdeG Gómez Besteiro, o líder das Xuventudes Socialistas limítase a crer na súa “presunción de inocencia”.

Javier Dorado (PP) respondendo ás preguntas dos asistentes ao debate © Carlos Rey

Javier Dorado (PP) respondendo ás preguntas dos asistentes ao debate | © Carlos Rey

“En todos os partidos hai corrupción”

O candidato de En Marea asegurou que estaba fóra de lugar comentar que “en todos os partidos hai corrupción” e que os casos xudiciais eternos veñen de que “non hai recursos públicos para axilizar a xustiza”. Gómez-Reino propuxo eliminar as “portas xiratorias” e indicou os tres eixos nos que se van centrar para a financiación do partido: a innovación (economía colaborativa), independencia (non dar créditos aos bancos para financiar partidos) e transparencia, sobre o que puxo coma exemplo o Portal de Transparencia do concello de Madrid. Pola súa banda, a candidata da coalición Nós – CG ve preciso “rematar coa compra de vontades, coas relacións entre as grandes corporacións financeiras e grupos empresariais, así como a introdución de incompatibilidades específicas no seus cargos”.

Educación

Un dos asistentes puxo sobre a mesa o debate das bolsas: “Yo propongo que las becas se hagan como una subvención, justificando en qué se gasta ese dinero para que nadie lo utilice para otras cosas”. Aitor Bouza interviu dicindo que “o problema das bolsas é o dos compañeiros que teñen que abandonar os seus estudos porque non poden pagalos, non que nos vaiamos de Erasmus de festa ou utilizar as bolsas para outras cousas. Eu non vexo esa realidade”. Pola súa banda, Javier Dorado falou de “habilitar mecanismos para ver como se empregan as bolsas, pero sen criminalizar aos estudantes, porque a maioría social necesita das bolsas”. Engadiu que “é unha minoría a xente que malgasta as bolsas, pero non podemos perder de vista que non é un programa gratuito. Outras persoas fan o esforzo para pagalo a través de impostos”. Olalla Rodil sentenciou que “para as persoas que teñen que percorrer moitos kilómetros, se non fose pola axuda pública, non se podería facer fronte. Para evitar esas situacións mínimas, sería máis doado fortalecer o acceso á residencia pública, para evitar ter que dar diñeiro líquido nalgúns aspectos”.

Rexeneración democrática

A campaña electoral caracterízase pola loita por portar a bandeira da rexeneración e do cambio político. Os representantes de En Marea e PSOE alabaron o papel do 15-M e pediron cambios na Constitución, mentres que o representante do PP considerou “moi positivo” que haxa catro partidos igualados en forza, xa que “agora a xente está máis concienciada politicamente”. Olalla Rodil atacou a En Marea porque “algunhas formacións antes propoñían iniciar unha serie de procesos constituíntes e agora só queren cambiar artigos da Constitución do 78”. A coalición liderada por Anova, EU e Podemos aboga por crear unha “lei integral de rexeneración democrática que garanta a transparencia e proporcione información pública e accesible”. Respecto do asunto soberanista catalán, Gómez-Reino considera que o máis lóxico sería aplicar o “dereito a decidir” e que sexan os propios cidadáns de Cataluña quen se manifesten a prol ou en contra da independencia. Un asunto no que houbo unanimidade entre os integrantes da mesa foi o nomeamento dos xuíces do Tribunal Constitucional: todos abogan por “despolitizar” a xustiza e facer que estes cargos sexan elixidos polos propios maxistrados e, incluso, pola cidadanía.

Aitor Gómez-Reino (esquerda) e Aitor Bouza (dereita) no debate © Carlos Rey

Antón Gómez-Reino (esquerda) e Aitor Bouza (dereita) no debate | © Carlos Rey

Accidente de Angrois

Unha das mozas asistentes ó acto puxo nun compromiso ós representantes dos partidos ao lles pedir explicacións e propostas respecto do accidente de Angrois, un tema que suscitou o debate. O propio Partido Popular defende, na figura de Javier Dorado, a súa decisión de non levar a cabo unha comisión de investigación en Galicia sobre a catástrofe ocorrida en Compostela hai máis de dous anos, considerando “innecesaria” a proposta ao terse aberto no Congreso unha “subcomisión a nivel estatal”. A mesma postura adoita o PSOE, mentres que os restantes partidos discrepan. Converxencia 21, En Marea e Ciudadanos destacan a falta de responsabilidades tralo suceso, xa que o único inculpado foi o maquinista e non algún cargo administrativo ou político. Isto débese, segundo eles, á falta dunha necesaria “separación dos poderes executivo e xudicial”. Pola súa banda Olalla Rodil, de Nós-CG, asegura estar “indignada coa actitude pasiva do PP”.

Artigo realizado por Yuri Carrazoni e Lucía P. Álvarez