Eleccións primarias: clamor unánime ou doce para xornalistas?

O pasado sábado, os xornais estatais podían colocar en portada tres grandes temas políticos: o acto de constitución de Ahora en Común, a rebaixa no IRPF e na tarifa da luz anunciada polo Goberno e mais a Conferencia Política do PP con algunha das cousas que nela se falou. Non é moi rechamante que tres dos catro grandes xornais xeralistas españois (exclúo ABC porque situou en portada un tema propio) desbotasen a opción da candidatura de esquerdas. O que si resulta curioso é que (agás no caso de La Razón) desbotasen unha medida que, controversias e etiquetas de electoralismo aparte, terá repercusións directas no peto de tódolos españois e se tirasen en prancha a abrir con que o recurso político de moda, as eleccións primarias, podería ser adoptado tamén polo Partido Popular. Que teñen estas primarias que con tanta forza xeran titulares?

Eleccións primarias, isto é, o proceso de elección dun candidato ou unha lista completa por parte dos militantes ou mesmo de todo cidadán que queira participar, hainas de moitos tipos, formas, sabores e colores. Temos desde as primarias con listas prancha coas que Anova liquidou hai un ano a disidencia interna, as primarias demasiado abertas de Ourense en Común —tan abertas que o partido acabou anulando o seu resultado—, primarias cun só candidato realista, primarias cun só candidato en total, abertas só aos afiliados, abertas a toda a cidadanía… Non obstante, o concepto “eleccións primarias”, así en global, vense usando nos últimos tempos como requisito sine qua non para que unha forza política poida ser mesmo considerada democrática.

Que utilidade teñen as primarias para todas aquelas persoas que non sexan militantes dun partido? O seu interese para os afiliados é indiscutible: xérase neles certa sensación de que o seu ascenso político depende das súas propias capacidades, mantén á militancia mobilizada durante máis tempo e, probablemente, motívaa para afrontar con máis forza as eleccións. Pero que interese tería en que houbese primarias no PP unha persoa que sexa votante do PSOE ou de IU, que tenda cara á abstención ou que sexa próxima aos postulados populares pero non milite no partido? En España hai 45.600.000 persoas que non están afiliadas ao Partido Popular, crerán todas elas que a posibilidade de primarias no PP son a noticia máis relevante de tódalas que conteñen El País, El Mundo e La Razón?

Alguén responderá: “pero as primarias son un símbolo de apertura á cidadanía por parte dos partidos”. Realmente o mellor xeito que ten unha forza política de achegarse á cidadanía é abrindo os seus procesos internos? Un partido político é, ao fin e ao cabo, unha entidade na que depositamos a nosa confianza para que solucione os nosos problemas e os dos nosos achegados (ou, polo menos, para que non agrave os que xa temos). Igual ca a clínica dun dentista ou un bufete de avogados. Pero á hora de escoller dentista ou avogado non lle damos absolutamente ningunha relevancia ao xeito no que foi designado o seu xestor ou ás razóns polas que ficharon á persoa que nos vai andar na boca ou defender ante un xuíz. O que queremos é que faga o seu traballo de xeito eficiente. Que, internamente, decidan cal é o mellor profesional que poden poñer ao servizo do cliente, que despois decidirá se ir a esa clínica ou a outra.

As portadas de tres xornais o sábado 11 de xullo

As portadas de tres xornais o sábado 11 de xullo

Nun tempo absolutamente récord, os partidos políticos que hai menos dun ano abrazaron as primarias foron baleirándoas de sentido práctico e conservándoas unicamente como símbolo. En Ciudadanos —como ninguén dubidaba— e no PSOE só houbo un candidato á presidencia do Goberno. En Podemos hai varias listas, pero a baralla das primarias ten tantísimas cartas marcadas a favor de Pablo Iglesias que xa ninguén as cre, fóra dos seus máis acérrimos e acríticos fans. E é que son plenamente conscientes do grande risco que entrañan unhas eleccións primarias: que se visualice con toda claridade a división interna do partido —algo que os votantes adoitan castigar con moita severidade— ou que as faccións internas poidan coller ás ao medir a súa verdadeira forza. Non obstante, seguen facendo bandeira desas primarias que manteñen coma quen expón un coche eléctrico xa estropeado nunha estantería da casa. Por que?

Porque hai un segundo colectivo, aparte dos afiliados a partidos, extremadamente interesado en que haxa primarias: os xornalistas. Para os medios de comunicación unha campaña política, aínda que sexa para unhas eleccións internas, é como unha excursión de grupo a Disneylandia. Os correspondentes políticos —que adoitan ter moito peso dentro dos medios— teñen ocasión para lucirse, os directores e os xefes de sección garántense ter contidos de sobra durante unhas semaniñas, os editores poden soñar con que a campaña se recrudeza e as candidaturas paguen campañas publicitarias. Todos saen gañando.

Neste ámbito existen moitas máis preguntas ca respostas, e estas últimas non son máis ca hipóteses. Non se mediu aínda en España a verdadeira importancia que teñen as primarias para os electores que non sexan entusiastas da política, que supoñen a inmensa maioría da poboación. Pero tres dos catro xornais xeralistas máis importantes de España consideran imprescindible incluílas na axenda pública. É comprensible: ninguén rexeitaría participar nun sorteo a unha viaxe a Disneylandia.