O perfil de Besteiro

Máis de un votante socialista cabal (dos que hai moitos) tivo que mergullarse onte na auga coas herbas de San Xoán máis dunha e máis de dúas veces, remexendo a súa incredulidade entre esa fragancia anisada. O espectáculo que deron os seus no pazo lucense de San Marcos foi o broche de ouro perfecto a unhas negociacións rocambolescas para o control das Deputacións provinciais, as mesmas que un eufórico Besteiro amosou decapitadas no salón da súa casa a noite das eleccións municipais.

O primeiro dos socialistas parecía nos días posteriores ao 24M Giorgi Zhukov, o xeneral soviético que desfilou en Moscova sobre un cabalo branco ao rematar a II Guerra Mundial. Onte caeulle a carauta de vencedor: o único que tiña detrás era un perfil. O mesmo perfil que puxo cando tivo que enfrontar tódolos problemas do seu mandato: a suposta irregularidade no censo das primarias de Compostela, a guerra civil da agrupación socialista ferrolá, a apertura de xuízo oral ao alcalde de Caldas. Inspirado seguramente polas formas rajoyescas, decidiu que o mellor que podía facer ante calquera problema no seu patio traseiro era absolutamente nada.

Á hora de botar culpas da rebelión do alcalde de Becerreá hai varias opcións: o propio Manuel Martínez, Eduardo Tamayo e o BNG. É indiscutible que o alcalde non demostrou precisamente un derroche de lealdade a unhas siglas. Pero a política, en clave interna, é basicamente a arte de equilibrar diversas ambicións, de conceder cargos a persoas sen que ningunha destas se senta ofendida.

Besteiro errou cando ofreceu o perfil, escorreu o vulto, entonou o “ti vai facendo” ata o final e, no último minuto, con Martínez xa no altar, marchou con outra. A mesma táctica funcionáralle con Orozco pola promesa, imaxino, dun lugar onde recalar. Neste caso non foi así, e o secretario xeral do PSdeG puxo ao de Becerreá entre a espada de renunciar á ambición de toda a súa vida e a parede do crepúsculo da súa carreira política. Calquera que analice a súa reacción sen os anteollos das siglas poderá, cando menos, comprendela.

Besteiro errou cando ofreceu o perfil, escorreu o vulto, entonou o “ti vai facendo” ata o final e, no último minuto, con Martínez xa no altar, marchou con outra

As consecuencias que este fiasco terá para Besteiro —a única solución, a moción de censura, é unha ferramenta política de dobre fío e destrución masiva— son imprevisibles. Algúns xa invocan unha noite dos mortos vivintes no seo do PSdeG, pois o seu líder ten o cemiterio cheo de inimigos. De momento conta co apoio ao parecer inquebrantable de Pedro Sánchez. Pero o xeneral Zhukov, heroe da Unión Soviética, despois de ostentar o lugar máis privilexiado do desfile do Día da Vitoria, acabou sendo enviado por Stalin á militarmente irrelevante rexión de Odessa.