Manuel Rivas na paisaxe que se esconde

21 gramos pesa a alma, ou iso din. Manuel Rivas pon todo o peso da súa no seu novo poemario, “Poemas de 21 gramos na báscula de Ohio”. O celebérrimo novelista, poeta e xornalista galego entra sorrindo nunha sala ateigada que agardaba a súa presenza. Lentamente acomódase na mesa xunto con Guillermo Fernández, organizador da Semana da Poesía Salvaxe na Biblioteca Municipal de Ferrol. Rivas coquetea cos papeis mentres escoita con agrado as fermosas verbas que Fernández tiña preparadas para presentalo: “Todo o seu facer está atravesado polo fío dourado da poesía”.

Ⓒ Alba Casais

Ⓒ Alba Casais

Rematou Fernández e comezou Manuel Rivas a falar cara un público expectante. Coa súa voz pausada, nun par de frases, conseguiu facer todo un alegato a favor da poesía como nai e constante da literatura: “Penso que a poesía é a célula nai da literatura. A literatura ou é poética ou non é”. Comezou a pasar os seus papeis ordenados e acendeu unha lanterna, a súa cómplice contra a luz tenue da sala. Coa calma do que non se percata de ser observado, Manuel Rivas alza a voz e as súas verbas voan por toda a estancia, acariciando o aire. Mantén atento ao espectador en cada cadencia, xoga coa voz e, de cando en vez, póusaa no aire, faise o silencio e recóllea para seguir xogando. Parece quedar só nesa burbulla de poesía. As testemuñas presenciamos un instante íntimo entre autor e poema. Nun momento dado o vento alza unha cortina, que cubre parcialmente a imaxe de Rivas. Un toque teatral, un xogo da poesía.

Manuel Rivas recitando | Ⓒ Alba Casais

Manuel Rivas recitando | Ⓒ Alba Casais

Nos seus versos non deixa case ningún tema. Comeza coa paisaxe galega: “Monte Pindo, non hai no teu cadáver un rostro vulgar”. Non cesan as metáforas: “A peor ferida é a do trazo recto, olla a gran cicatriz do horizonte, a terra da a luz trala curva”. Tamén rinde unha homenaxe á rapa das bestas: “Eles, os homes son un soño que tiveron as bestas”.

Ⓒ Alba Casais

Ⓒ Alba Casais

Escribe Rivas sobre a sociedade e a crise que a atenaza: “Este home espantou todas as luras de Galicia”. E seguindo coa metáfora marítima sentencia: “O minuto de ouro dun naúfrago, o meu país”.

Ⓒ Alba Casais

Ⓒ Alba Casais

Non pode evitar apelar ao xornalista que é e conta historias terribles e reais con fermosas verbas. Fálanos de Marcela e Elisa, dúas mestras da Coruña que se namoraron a principios do século XX. Para ser libres tiveron que fuxir á Arxentina: “Tiveron que fuxir do amor para poder amarse”. Tamén rendiu unha sentida homenaxe a Ánxel Vila: “De que está feito Anxel Vila?/ De auga/ auga de mar…”.

ⒸAlba Casais

ⒸAlba Casais

Manuel Rivas persegue a paisaxe que se esconde, a que levamos na alma e móstranos un anaco. 21 gramos de poemario que valen o seu peso en ouro ou, mellor, en poesía.

Texto: Marta R. Suárez / Fotografías: Alba Casais