Gañar perdendo

A vontade dos galegos decidiu que nestas eleccións municipais houbese dúas rotundas derrotas e unha rotunda vitoria. A primeira das forzas que saíron escaldadas do 24 de maio é o PPdeG, que perdeu 183.000 votos fronte ás municipais de 2011 e xa anunciou que ten propósito de emenda. O relevo xeracional é inevitable trala derrota electoral dos presidentes provinciais da Coruña e Pontevedra; o primeiro, Carlos Negreira, que deixará a alcaldía da cidade herculina, e o segundo, Rafael Louzán, que sae da Deputación de Pontevedra. O tempo apremia, pois o que aínda é o partido máis votado de Galicia afrontará en ano e medio (en condicións normais) a batalla pola Xunta.

O segundo derrotado é o Bloque Nacionalista Galego, que perdeu en catro anos 72.000 votos e 122 concelleiros, amais de desaparecer dos plenos municipais de Vigo e Ourense. Quédalle como premio de consolación a súa futura presenza nos gobernos das Deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, coa xenerosa achega de euros que isto supón. Estes fondos —e maila presenza institucional que terán nestes entes e nalgúns concellos, especialmente Pontevedra e Ferrol— supoñen un balón de aire para resistir ata as eleccións autonómicas, que tamén supoñen para os nacionalistas unha bola de partido.

Cotizan á alza as coalicións apoiadas por Podemos e/ou IU (que en Galicia se atopan nunha sintonía case perfecta cos de Pablo Iglesias), que entraron nos consistorios das sete cidades e mandarán na Coruña, en Santiago e en Ferrol. Sucesoras da marca AGE, que pasou de moda e está extinta xa en todas partes agás no Parlamento, sitúanse en postos de saída de cara á contenda de 2016, que todos teñen en mente.

Sorprende moito, moitísimo, non obstante, a reacción do PSdeG aos resultados electorais. «Ábrese un ciclo político novo en Galicia e en España e o PSOE será o protagonista de referencia», afirmou o secretario xeral socialista, José Ramón Gómez Besteiro. Ten isto base real? Esta é a evolución dos votos do PSOE nas catro últimas convocatorias electorais.

 

Dito doutro xeito, o PSOE aférrase a unha pírrica subida de 0,37 puntos porcentuais no voto emitido —froito, sobre todo, de que o crecemento de 3,48 puntos na abstención afectou máis ao PP— para camuflar a perda de máis de 23.000 votos. Pero é máis, a levidade da caída pódeselle agradecer especialmente ao resultado en Vigo, onde a campaña viguista de Abel Caballero lle valeu un crecemento espectacular en votos. O alcalde xa deixou ben claro que vai por libre: «en Vigo goberna Abel Caballero, non o Partido Socialista», recordou nunha entrevista en Galicia Confidencial.

Así, se se lle desconta o efecto Caballero, é dicir, se se analiza a evolución dos votos en Galicia, excluíndo a cidade de Vigo, a caída do PSOE é aínda máis acusada: perde 46.000 votos desde 2011.

17965849502_f4ac6c73d6_k

En cinco das sete cidades galegas, ademais, os socialistas pasan a ser a terceira forza. Ao agravamento dos tradicionais malos resultados de Pontevedra e ao resultado negativo da ruleta que supoñen as urnas ferrolás súmase a debacle nos vellos feudos da Coruña e Compostela. Na primeira cidade, Mar Barcón perdeu a confianza de seis de cada dez coruñeses que optaron por Paco Vázquez en 2003. Na capital de Galicia a debacle é aínda peor, sumándolle o feito de que lle ceden a iniciativa na esquerda ao aínda alcalde de Teo, Martiño Noriega, con aspiracións (aínda que nos últimos tempos négaas) de ser presidente da Xunta.

O control das Deputacións é alivio suficiente para Gómez Besteiro, que agora non dubida en dicir que o seu partido «emerxe». Unha pregunta queda pois flotando no ambiente: cales eran as expectativas electorais do PSdeG para que consideren o resultado do 24-M como un éxito?