Con la Iglesia (y el protocolo) hemos topado

O 24-M deixou un panorama totalmente renovado nas grandes cidades galegas e, sobre todo, nas da provincia da Coruña. Os partidos tradicionais deixaron paso ás coñecidas como mareas, candidaturas de unidade popular nas que participan a título persoal integrantes de Anova, Esquerda Unida, Podemos e movementos sociais. Xulio Ferreiro, Martiño Noriega e Jorge Suárez chegaron á alcaldía prometendo un cambio. Aínda non tiveron tempo de pór en práctica o seu programa, pero xa hai algunhas variacións a nivel protocolario que chegan envoltas en polémica. En cuestión de horas xa perderon a simpatía da plana maior da Igrexa. O caso máis claro é o da ausencia dos tres rexedores anteriormente mencionados na Ofrenda do Antigo Reino de Galicia ó Santísimo Señor Sacramentado, un costume que se remonta a 1669. Esta celebración ten lugar na Catedral de Lugo, onde o alcalde de Santiago é quen tradicionalmente le a ofrenda. Ó non estar Noriega, a quen lle correspondía facer a ofrenda, foi Elena Candia (rexedora de Mondoñedo polo PP) quen ostentou ese honor. No seu discurso fixo fincapé nas ausencias, para logo agradecer ó Santísimo Sacramento a súa “protección ós galegos” e pedirlle axuda “para ser inflexible cos corruptos”. Pero logo chegaron as críticas.

O arcebispo de Compostela, xunto a outros cinco bispos, redactou unha carta na que esixía que a presencia da Igrexa “non se reduza ó privado”. Consideran errónea a ausencia dos alcaldes das mareas porque non asisten a ese tipo de eventos a título persoal, senón en representación da súa función pública. En definitiva, que segundo a Igrexa deberían ir en representación da cidadanía da que son alcaldes. Pero se a meirande parte da cidadanía decidiu votalos sabendo que non ían asistir a este tipo de actos… é obrigada e criticable a súa presencia? Todo este conflito chegou nada máis e nada menos que ás páxinas de The Guardian, onde fan referencia a un artigo de Noriega en Praza Pública no que di que considera que un alcalde debe favorecer políticas de emprego e transparencia, non pedirllas ó Apóstolo.

O arcebispo de Compostela, xunto a outros cinco bispos, redactou unha carta na que esixía que a presencia da Igrexa “non se reduza ó privado”

Xulio Ferreiro tras compartir o bastón de mando coa cidadanía | ©Andy Pérez

Xulio Ferreiro tras compartir o bastón de mando coa cidadanía | ©Andy Pérez

Pero non foron simbólicas tan só as ausencias: Xulio Ferreiro, alcalde da Coruña, homenaxeou á científica coruñesa María Wonenburger no seu cabodano ó tempo que en Lugo se estaba a celebrar a ofrenda. Ferreiro afirmou que estaba “onde tiña que estar”. Non foi o único xesto diferente, xa que tras ser investido tamén lle entregou simbolicamente o bastón de mando á cidadanía coruñesa nunha abarrotada Praza de María Pita. Jorge Suárez fixo o propio na ferrolá Praza de Armas. Nunha entrevista concedida a Compostimes, Suárez tamén falou dunha cuestión que recibiu moita atención durante a campaña: a retirada de subvencións á parte relixiosa das celebracións da Semana Santa. Suárez negouse a dar unha resposta concluínte ó respecto, alegando que “quedan moitos meses”.

Quizais o que acadou unha postura máis institucional foi Noriega, quen ata renunciou ó seu icónico gorro para unha investidura que contou coa presencia de Alberto Núñez Feijóo, Xosé Manuel Beiras ou o reitor da Universidade, Juan Viaño. No seu discurso, iso si, anunciou a chegada dun concello “galego, internacionalista e republicano”. Ese republicanismo, segundo nos contou o propio Noriega nunha entrevista, non lle impediría compartir actos institucionais con Felipe VI, xa que os fondos da monarquía son de vital importancia para a rehabilitación do casco histórico, pero “preferiría ter interlocución cun xefe de Estado elixido democraticamente”. A celebración de Compostela Aberta foi a máis variopinta, xa que decidiron facer unha romaría no parque de Belvís aberta a tódolos veciños. Achegáronse unhas mil persoas a comer e escoitar un discurso do seu novo alcalde, desta vez xa retomando o gorro.

Jorge Suárez durante a súa investidura como alcalde de Ferrol | ©galiciaartabradigital.com

Jorge Suárez durante a súa investidura como alcalde de Ferrol | ©galiciaartabradigital.com

Estes cambios no protocolo que levaron a cabo as mareas ata agora son puramente estéticos, polo que temos que agardar para saber se a renovación se fai efectiva. Agora chega o tempo da xestión e terán que lidar con elites e poderes fácticos para poder pór en práctica os seus programas. Iso si, o compromiso de laicidade que figuraba nos seus programas xa se está a cumprir. Os xestos non fan a un goberno mellor ou peor, pero amosan unha vontade que ata agora nunca se manifestara.