Compostela Aberta, primeira asemblea trala vitoria

Xa pasaron catro días dende que as urnas lle deron a Compostela Aberta a vitoria nas municipais con dez concelleiros, un máis que o PP. O Partido Popular levaba dende 2011 gobernando o concello santiagués, nunha lexislatura marcada pola corrupción. Este factor, ademais da efervescencia política que se está a vivir en España, impulsou un resultado tan rechamante, cun partido de nova creación que conseguiu ilusionar a unha boa parte dos composteláns. O PSdeG-PSOE e o BNG quedáronse á cola con catro e dous concelleiros, respectivamente.

Xoves, sete e media da tarde. A asemblea comezou puntual. A organización recomendou chegar quince minutos antes para evitar unha aglomeración na entrada. Esta asemblea encheu ata a bandeira o local da formación na Praza do Toural. O custe da súa localización en pleno centro do casco histórico (4.000€ entre aluguer e preparación) propiciou cuestións por parte dalgúns dos presentes. A formación afirma que a continuidade do local depende do desexo da xente, aínda que tamén se estudan outras opcións máis sostibles economicamente.

Compostela Aberta non considera necesaria a figura da Deputación

O local de Compostela Aberta na Praza do Toural  quedouse pequeno nesta primeira asemblea tralas eleccións |©Carlos Rey

O local de Compostela Aberta na Praza do Toural quedouse pequeno nesta primeira asemblea tralas eleccións |©Carlos Rey

A primeira intervención correu a cargo de Antonio Pérez Casas, responsable de recadación e finanzas. Nela expuxo o presuposto da campaña, que segundo a formación rematou cun déficit de 600 euros. Ó superar con creces as expectativas de voto (obtiveron 16.327 apoios, un 35.32% do total) acadaron unha subvención de 1.500€, moi por enriba do esperado. Non houbo intervencións cuestionando este apartado, máis aló do tema do local e dunha pregunta sobre o futuro do financiamento do partido, algo que “está aínda por decidir”, segundo o portavoz Javier Vázquez. No medio desta intervención apareceu na sala Martiño Noriega, acaparando a atención dos medios presentes. Algúns deles marcharon tras facer a foto de rigor do futuro alcalde.

María Rozas ocupou a seguinte quenda, levando a cabo o que ela considerou “unha labor didáctica” explicando ós asistentes o proceso de formación do goberno municipal e da Deputación Provincial onde conseguiron un representante. Estudan facer fronte común con Marea Atlántica nesta institución, organización que obtivo tres membros. Cómpre sinalar que ó ser dúas organizacións distintas non poden unirse de forma orgánica. Compostela Aberta non considera necesaria a figura da Deputación. Iso si, afirman que mentres exista tentarán conseguir un reparto presupostario máis igualitario co actual, o cal consideran inxusto. Os pactos postelectorais foron un dos temas máis controvertidos. A maior parte coincidía en pactar co BNG; hai que ter en conta que moitas das persoas que forman as mareas en Galicia son antigos votantes do Bloque. Pola contra, un pacto co PSdeG-PSOE non acada as mesmas simpatías. Non eran poucos os que fixeron fincapé en que a cidadanía compostelá castigou cos seus votos ós socialistas, que pasaron de nove concelleiros nas anteriores eleccións a catro na actual.

Ás oito e media había convocada unha manifestación en contra do peche de Planeta Furancho, un programa da CRTVG de música exclusivamente en galego. Isto levou á organización a facer unha parada na asemblea para que a xente puidese acudir. Ás oito menos cinco, dez minutos máis tarde do previsto, chegou a vez do líder do grupo, Martiño Noriega. No seu discurso transmitiu a súa valoración dos resultados electorais, unha valoración compartida pola meirande parte dos asistentes: os aplausos interrompían con frecuencia as súas palabras. Noriega amosou unha postura de diálogo co resto de formacións, tanto a nivel municipal como provincial, incluso con Alternativa dos Veciños. Este partido leva gobernando en Oleiros dende 1987. O seu líder, Ángel García Seoane, tivo “conflitividade” coa Marea Atlántica en A Coruña, segundo Noriega.

Estas consultas realizaríanse elaborando un censo como xa se fixo durante a campaña para construir o programa

Martiño Noriega no atril da asemblea | ©Carlos Rey

Martiño Noriega no atril da asemblea | ©Carlos Rey

O futuro alcalde de Santiago tamén comentou que non se tomaría ningunha decisión sen antes consultalo coa formación. Estas consultas realizaríanse elaborando un censo como xa se fixo durante a campaña para construir o programa. Ó final abriuse a quenda de intervencións cargada de agradecementos e felicitacións polo resultado acadado. Pero non todo ían ser boas palabras: un dos asistentes, Uxío, incidiu en numerosas ocasións nos problemas de acceso en cadeira de rodas tanto ó local de Compostela Aberta como ó edificio do concello, unha materia que Noriega prometeu estudar de cara ó futuro. Javier Vázquez concluíu reiterando o leitmotiv da asemblea: diálogo coas outras forzas. O próximo xoves celebrarase unha segunda asemblea aberta a todos aqueles que queiran participar. Nela informarase do avance das conversas para formar o goberno municipal.

Escrito por Carlos Rey e Andrea Oca.