A marcha contra (…)

“Tic tac, Jack. Tic tac”. 88 minutos é unha película (facilmente esquecible) sobre un profesor universitario demasiado amante das mulleres ao que un misterioso asasino concede non máis ca 88 minutos de vida. Para recordarlle a Jack, un pouco inspirado Al Pacino, que se lle achega a Parca, o seu móbil recibe periodicamente inquedantes chamadas nas que só escoita dúas onomatopeas: “tic tac”.

“Tic tac” foi unha das consignas máis repetidas tamén na manifestación que convocou Podemos o pasado sábado 31 en Madrid. 100.000 persoas segundo a Policía —o triplo segundo os organizadores— atestaron os 900 metros que separan a praza da Cibeles da Porta do Sol para clamar que o tempo se lle acababa á casta, un termo cuxa grandeza reside na flexibilidade. As cinco letras que o forman pódense estirar ata facer caber dentro delas tódalas fobias, manías e odios de quen as pronuncia. ¿Quen non quere que se lles acabe o tempo aos seus inimigos, que xa non poidan facer o mal por máis tempo?

Podemos logrou elevar ao máximo expoñente a moi castiza tradición do voto de castigo, que deriva do pensamento de castigo. Tomou a rúa Alcalá un grupo de persoas heteroxéneo en todo: manifestantes clásicos co seu El País debaixo do brazo, pensionistas cabreados, Carmen Lomana, mozos con máis teoría ca praxe, asturianos, cataláns e andaluces. Eran imposibles de reducir a un estereotipo. Arremolinábanse en torno á sexta preposición: contra.

Podemos logrou elevar ao máximo expoñente a moi castiza tradición do voto de castigo, que deriva do pensamento de castigo

Algúns protestaban contra Merkel, outros contra quen fixa o prezo da luz, outros contra quen pechara a piscina pública do seu municipio, outros contra a “deuda odiosa”, outros contra ese capataz que non soportan. Os manifestantes uníaos o “contra”, o inicio do proceso de cambio, e dividíaos o punto de destino. Pero pouco lles importaba.

IMG_20150131_125600

Sorprendía en la Marcha por el Cambio a escaseza de megáfonos, ese manantial de consignas que caracterizaba as manifas de toda a vida. Foi un paseo no que o silencio só o rompeu algún “sí se puede” sen obxecto directo. Si había pancartas: desde a preocupante “queremos mentiras de más calidad” ata as internacionalistas “Grecia 10, Merkel 0″, pasando por unha que se limitaba a citar o título dunha das mellores cancións dos Smiths: “There is a light that never goes out“. Liberdade de interpretación total.

O monocromo do morado corporativo alternaba coas bandeiras que, sempre desde a corrección política, algúns trouxeran á marcha. Españolas republicanas, moitas asturianas, algunhas da Castela comuneira. Como en todo evento ao que asisten moradores dos diversos recunchos da pel de touro, tras algunhas pancartas non se podía evitar un certo regusto a Grand Prix del Verano. Los de León molan un montón“, “se nota, se siente, León está presente“, berraba un grupo de recén chegados da terra do Genarín.

Aínda que a marcha empezou ás 12, o movemento xa rematara bastante antes: a emblemática Porta do Sol xa se enchera antes do mediodía e a multitude morada era máis auga estancada ca río. Só os previsores puideron escoitar as palabras que Pablo Iglesias comezou a pronunciar, a ritmo de rap, en torno ás dúas. Veo gente digna, veo aquí la esperanza de un futuro mejor, veo aquí soñadores“, e responderon 30.000 mans abertas en alto.

Iglesias Turrión situouse do lado do sistema e afirmou que “ellos [a casta] son los antisistema

Iglesias Turrión evocou a loita nacionalista contra as tropas de Napoleón. Ninguneou sutilmente o PSOE ao proclamar que lle vai gañar as eleccións (xerais, claro) “al Partido Popular. “En Grecia ha ganado el pueblo griego“, dixo, nunha mostra máis dese pensamento que resumiu habilmente o gran Alfredo: “habla, Pueblo, habla, pero habla diciendo cosas de Pueblo“. Iglesias Turrión situouse do lado do sistema e afirmou que “ellos [a casta] son los antisistema“.

IMG_20150131_125354

O líder de Podemos soubo venderlles aos seus un futuro idílico. Un futuro no que non haberá “salarios de miseria“, no que “ni una sola familia estará sin techo“, no que a vivenda será barata. E os alí presentes, entre aplausos, xuráronlle fidelidade. Porque o que querían dicir os que se desprazaron a Madrid para sacar músculo xunto a Íñigo, Juan Carlos e Pablo; a interpretación correcta da pancarta dos Smiths, era a que proclamaba Morrissey no retrouso da canción: “to die by your side, it’s such a heavenly way to die“.