Unha velada a barlovento con Supersubmarina

Unha velada a barlovento con Supersubmarina

Poucas cousas son tan imprescindibles para unha esmorga como os amigos e un chisco de boa música. O xoves 27 de novembro deuse esta coalición: cinco amigos chegados de Baeza fixeron as delicias dos melómanos máis indies de Compostela. Estes mozos fanse chamar Supersubmarina e están de xira presentando o seu último traballo Viento de cara (2014), que continúa a traxectoria iniciada por Electroviral (2010) e Santacruz (2012).

Un recurso do que este grupo sabe aproveitarse ben é a explosividade das súas cancións, que no directo soan ás mil marabillas. Esta enerxía e contundencia percibiuse xa en Electroviral, centrado sobre todo no ritmos áxiles e pegadizos, como se pode observar en Cientocero ou Ola de calor, mentres que o seu seguinte álbum supuxo un paso máis alá.

Santacruz, pola súa parte, evidencia unha madurez letrística notable, alén dunha predilección por un crescendo musical e vocal nos temas máis guitarreiros, que se traduce nun desprazamento do clímax xusto cara o remate da canción: Hermética, Canción de guerra ou Hogueras son os exemplos máis reveladores. A estes elementos hai que engadir fermosas e incribles baladas para a culminación do que é, dende o meu punto de vista, a súa obra mestra.

Fronte ós excesos do disco anterior en materia de guerras, lumes e ausencias, Viento de cara propón unha liña máis calma e optimista, e ademais introduce temas que collen o relevo de XXI e manifestan con vehemencia o desacordo coa situación actual. Se ben, este derradeiro traballo acusa unha clara experimentación con texturas musicais novas e menos enérxicas que as producións anteriores, renunciando así ó son estándar de Supersubmarina en aras de novos horizontes, acto que denota valentía e unha firme proposta de continuar mellorando.

Parece terse simplificado boa parte da expresividade das letras

Non obstante, e sen deixar de apreciar o esforzo, como sucede en toda traxectoria, é inevitable ollar cara atrás e contemplar con mágoa cómo as grandes conquistas do que foi o “estilo Supersubmarina” apárcanse nun segundo plano, sobre todo o protagonismo e personalidade dos riffs da guitarra solista ou aqueles “subidóns” apuntados arriba. Ademais, en canto ás letras, parece terse simplificado boa parte daquela expresividade, suxestividade e paroxismo que as facía grandes.

No entanto, semella que os esforzos do grupo non conseguiron a acollida esperada, quizais porque o enfoque do novo álbum xa non se basea en valores como a explosividade ou o carácter pegadizo ós que nos tiñan acostumados. Este é un disco que gusta á base de reiteración, á forza de escoitalo, en contraste cos dous anteriores moito máis “asimilables”.

En calquera caso non é a miña intención censurar Viento de cara, simplemente, como seguidor deles, procuraba atopar as constantes do que foi Supersubmarina. E, aínda que se sabe que a renovación continua no ámbito artístico imponse por lei, sexamos francos, as reconversións dos grupos achan máis detractores que simpatizantes. De feito, expresións do tipo: “eu seguín a este grupo ata que…”, “a min gústanme a primeira etapa de…” ou “desde que sacaron tal disco perderon todo” aportan innegables evidencias. Por este simple motivo, algúns nostálxicos dos que levamos tempo seguindo a Supersubmarina botamos en falta que Ana fixera acto de presenza na sala Capitol, viaxar ata Graná nunha nave espacial ou, incluso, deixarnos levar da man de De las dudas infinitas.

Concerto Supersubmarina Sala Capitol 27-11-2014

Supersubmarina, en directo.

En todo caso, agardo que o mencionado no tocante á valoración deste novo traballo non se mesture co que foi a actuación en vivo. A execución musical, aínda que no arranque do concerto foi discreta, progresivamente gañou en ritmo e intensidade. Durante algo máis de hora e media, o auditorio gozou con temas xa emblemáticos como En mis venas, Tecnicolor ou Kevin McAlister, sendo menor do esperado o impacto dalgunhas cancións novas, feito que proporcionou ó líder da banda, Jose Chino, a ocasión dalgunha pequena broma ó respecto.

O único reparo da actuación dos baezanos foi non cederlle algo de autonomía ó auditorio, que se vía desexoso por participar á hora de cantar. Con respecto a isto, escoiteille dicir a un músico nunha ocasión que, nas actuacións en vivo, as cancións non se deben cinxir totalmente ó molde da versión de estudio, esixen liberdade, son pezas únicas que xorden no momento, froito dunha íntima comuñón entre o artista e o público na que os dous ocupan un papel destacado.

Mais cómpre que quede ben claro que este subxectivo desacerto non desdí da calidade deste grupo, un dos grandes do panorama indie español, que segue avanzando. Oxalá que para a súa particular singradura o vento lles siga sendo favorable e, de ser posible, que os conduza outra vez a Galicia, porque todos os supersubmarinistas autóctonos seguimos a agardar por unha nova inmersión nas súas abismais melodías.