Superoito: “Preferimos regalar bicos, non moralexas”

Super 8 é un formato cinematográfico que utiliza unha película de 8mm. Hoxe en día está case en desuso, polo que tres rapaces da contorna de Ordes decidiron hai arredor de dous anos coller prestado o nome para o seu grupo de música. Como os fans do vintage, como os modernos. Iván, Xavi e Glenn forman Superoito, unha banda que se autodefine como “música surf”. É difícil non coñecelos, xa que levan case cen concertos nas súas costas e en pouco máis dun ano xiraron co seu “Todo me dá voltas” por Galicia adiante. Agora están centrados no que será o seu segundo disco, que sairá a comezos de 2015, e do que prometen que vai ser “moi adulto”. Hai uns sábados recibíronnos no seu local de ensaio, en Ordes. Alí charlamos un bo anaco e logo tocáronnos unha canción en exclusiva. Queres saber o que nos contaron estes novos xefes do rock’n’roll en galego? Pasen, escoiten e lean.

Para os despistados, resumo rápido do que é Superoito.

Xabi: Somos unha banda que intenta facer música e facer desfrutar á xente que nos escoita.

Gianne: Somos un grupo de reggaeton e o que queremos é comer e foder gratis.

Glenn: Conseguímolo a duras penas.

E para entrar no tema: como e onde nace ese “rocarol acelerado en galego”?

Superoito (2)

Xabi | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

G: Un día xuntámonos Iván e máis eu e empezamos a facer cancións. Xa viñamos doutro grupo…

Gi: A xente dicíanos que eramos comerciais e decidimos facer algo de calidade. Entón deixamos aquelo e empezamos a facer todo temazos.

X: E chamáronme a min e xa…

Gi: Chamáchesnos ti a nós! “Por favor, deixádeme tocar”… estaba diante do local todos os días esperando…. “Podo entrar? Podo entrar?”

X: Realmente foi así: chégame Iván un día en Ordes e díxome que andaban buscando xente para facer un grupo. Eu díxenlle “xa está”, e a partir de aí chegou o éxito.

Gi: Cóntoche eu a historia real, e esto é verídico: era un carnaval e sairamos eu e Xabi. El disfrazado de princesa e eu de Cenicienta. Eu acababa de vomitar. Díxenlle: “temos un puto grupo, tío, é a hostia”, e díxome el “si, é a hostia”. Tróuxeno ata aquí e sangrou todo.

X: Non tiña púa, empeceime a flipar coa guitarra e empecei a sangrar polos dedos. Quedou un charco…

G: Despois viñen eu un día, vin a guitarra toda sangrada e eu flipando.

Gi: Cenicienta, unha princesa, sangue… aquí alguén forzou máis do debido…

Bueno, imos ao importante. Din as malas linguas que volvedes aos Estudios Rapapoulo a gravar o novo disco…

Gi: gravamos alí o primeiro con Mou e molounos o tema, así que lles dixemos que temos contrato para gravar alí ata que morramos. Agora eles cambiaron de estudio e vaise retrasar un pouco o tema… ata febreiro ou así. Temos as cancións medio listas, pero…

X: Cando saquemos tempo libre temos que facer máis cancións.

Adiantádenos cousas: título, formato de distribución…

Gi: O formato o de sempre: nós facemos físicos, aínda que estea de moda non facelos. Poñémolo a descargar gratis igual, pero está ben ter o físico porque vas onde unha chavala e gañas puntos dicíndolle “mira que disco teño”. Se non que dis? “teño aquí unha carpeta no ordenador…”? Eso non vende…

G: E título, bueno… andamos a voltas, como da primeira vez. Discutimos: “este”, “este”, “o outro”, e ao final…

X: Estivemos vinte mil días para escoller nome e ao final dixemos “veña, este”.

Gi: Estamos esperando a estar borrachos para votar o deste.

E o das descargas de balde… pensades que é a mellor maneira de distribuír a vosa música ou facédelo así porque sodes altruístas da hostia?

Gi: É o que mola. Nós non queremos gañar cartos co disco, estamos forrados xa… no, a ver: mola o de descargas gratis, porque así a xente escóitao na casa e aprende as letras, e despois cántaas nos concertos.

X: Chegas a máis xente, que é o obxectivo principal.

Gi: O motivo real é que cando só vendiamos o disco non nolo compraban…

Superoito (23)

Superoito | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

De que ides falar? Seguirán habendo roupa interior triste, maquinaria agrícola incompleta e pistas de baile?

G: A temática? Sempre nos mola facer algo gracioso, diferente… o que nos saia.

Gi: Queremos que sexa, e esto é verdade, un disco suxerente: con letras pola mesma liña e todo moi picante. Rollos de discotecas, de tías… nin tractores nin mierdas de calcetines. Todo pomada.

E respecto á música, aprendestes acordes novos ou seguides coa fórmula de dar caña e ser directos?

Gi: Eso de acordes novos que, estás dicindo que sabemos poucos? Que sei tres, oíches! Non, aquí os únicos que saben tocar ben son Glenn e máis Xabi.

X: Para o disco novo intentaremos sacar algo mellor, tanto no musical como en letras. Que se note un pequeno salto.

Gi: Queremos que se note moito nos estribillos.

X: e a ver se fas algún solo, e te animas… ou aprendes.

Gi: E ti a ver se cantas ben! El sempre ten os micros apagados nos concertos…

Escoitei hai algún tempo nunha entrevista do Bandeira Negra que tedes máis de 50 temas propios, pero agora comentades que tedes que mirar cales van no disco. Como é o tema, hai que filtrar e os antigos deixádelos morrer?

Superoito (12)

Gianne | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

G: O que nos pasa moitas veces é que fas un tema e déixalo a parte. Logo fas outro que che gusta máis… entón vas facendo, vas facendo, e ao final seleccionas os que máis che molan.

Gi: Eu creo que a diferenza entre o disco vello e mais este é que no vello tiñamos un montón de cancións e dixemos “van estas”. Agora no novo dixemos “Estas todas non van”.

X: Non van porque é eso, son moi básicas para o que queremos facer.

G: Queremos que as cancións que vaian estean todas ben, e que gusten á xente.

Claro, agora sodes máis críticos. Era a primeira vez e igual iades máis ao chou…

Gi: E logo por que che parece que gravamos a do tractor? Porque non eramos críticos. Se fosemos un pouco críticos eso non vía a luz nunca. Agora o que nos pasa é que temos unha canción que nos mola a dios, aburrímola, e despois non nos parece o suficientemente boa e tirámola. Estamos tirando temas que molaban… pero bueno, haberá temazos e van ser todos a hostia.

Como é o proceso de nacemento desas cancións?

G: Pois normalmente…

X: NNon nos acordamos de nada ao día seguinte.

G: Normalmente trae Iván a letra e nós dámoslle unha volta.

Gi: É que son filósofo, estudei filosofía. Dúas veces, ademais. En 4º de ESO. Por outro lado, sei de que vai a vida: métome na casa, apago a luz, tómome un té para relaxarme e fago a letra. Logo é cando chega Glenn e me di “eso é unha merda”. Así vai nacendo.

Inflúe o amor nesas letras?

G: Este ten dúas épocas: cando está con moza, que está mazo romántico e fai cancións, e cando o deixan.

Gi: Normalmente pasan dous días dende que pillo moza ata que nos deixamos.

G: E entón eu xa o pillo e dígolle “vente para aquí”. E vamos para o local.

Gi: Vamos para o local, e despois se eso as cancións xa se farán…

Superoito (4)

Glenn | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

E o ritmo?

Gi: o ritmo sempre é “Tum Pas, Tum Pas, Tum Pas, Tum Pa”.

G: Normalmente trae a letra, empezamos a tocar, improvisamos e vámoslle dando voltas. Logo cortamos a canción e xa é “aquí esto, aquí esto e aquí esto”.

Gi: Nós chamámoslle o “Glennizador”. El é o que di se valen ou non valen.

X: E despois é cando lles metemos o baixo e dicimos “hostia, pois si, esta canción ao final molaba”.

G: Aquí temos todos moita humildade.

Gi: Sendo sinceros eu fago letras de puta madre. Logo chegamos aquí e o que lle dá chicha é Xabi, que é o único que sabe tocar dos tres. El fai “pim pim, pim pim” e dis ti “joder, está collendo sentido todo”.

Ao mellor non é o método máis utilizado… non vos teñen nacido cancións xa cunha letra?

Gi: As cancións todas nacen en LP, cando estás borracho. Dis ti “mi má, esto é unha ideaza!”

X: Non, pero así como pode traer el a letra da casa, ás veces tamén xorde aquí tocando.

G: É un proceso… unhas veces vimos aquí, improvisamos música e logo metémoslle a letra por enriba. Outras veces ao revés…

Gi: Antes faciamos a música primeiro e metiamos a letra, pero non queda tan natural. Agora facemos un estribillo e logo xa metemos os cambios. Neste disco ímonos centrar moito nas letras.

“Para o disco novo intentaremos sacar algo mellor, tanto no musical como en letras… que se note un pequeno salto”

Para ter menos de dous anos de vida como grupo xa destes unha xira impresionante, en cantos lugares tocastes? Ademais ben repartidos…

Gi: Fixemos 87 concertos, aínda que foi un pouco cachondeo porque explotamos moito o disco. Houbo xente que nos viu un montón de veces e xa dicía “parade un pouco e ide para a casa”. A verdade é que tivemos bastantes axudas, con Antía, que nos moveu bastante. Logo entramos con “O Busaco”, logo meteuse tamén Sony. Non fixeron moito, pero eu que sei.

E esto poñémolo?

Gi: Claro, tío. Pasou. A nós contactáronnos un día e dixéronnos que querían meter o noso disco no seu catálogo. Nós preguntamos canto nos daban e dixeron que non había un can, pero aceptamos aínda que fora só para fadar: na páxina de Sony está Bisbal, Bustamante, e logo nós. Axúdache a dar concertos. Se saben que estás relacionado con Bustamante a xente aposta por ti.

Superoito (31)

Superoito | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Hoxe en día moitos grupos queixanse do difícil de conseguir bolos, pero véndovos a vós calquera o diría…

X: Haise que mover, hai que traballalo.

G: Se o curras, chamas, e tal…

Gi: Ao principio tiñamos que movernos, chamar aos sitios… dicíanche “que tocas?”, e nós diciamos pop, porque se dis rock din “son uns gilipollas, vanme reventar o garito”.

Ao principio sen disco nin nada, sen carta de presentación…

G: Ao principio hai que andar, tés que chamar, gastar ti cartos… moverte ti.

Gi: Nós falta de concertos non tivemos, pero tamén é porque temos un equipo grande. Non somos os tres que estamos no escenario… no grupo de Whatsapp que temos de Superoito estamos cinco: están Antía e máis Eva que son os motores do grupo realmente. Nós só levamos os méritos.

E pretendedes seguir así nesta nova xira?

G: Esperamos que sexa aínda máis grande.

Gi: Xa temos algunha data cerrada… temos unha para agosto do ano que vén, pretiño de Arzúa. Pero non podemos dicir o que vai a ser.

I: Só podemos dicir que vai ser a bomba.

Gi: Temos algunhas datas miradas para o ano pero polo de agora estamos tranquilos nese sentido. Supoño que cando saquemos o disco faremos a mítica de sacar un cartel con 50 datas e ala, para adiante. Pero si, imos tocar moito, porque é o que nos mola. Aquí no local de ensaio estase ben, pero… os cartos fanse por aí adiante.

Ídeslle poñer un nome? A vella era “Todo me dá voltas”, non?

Gi: É que realmente a vella está formada por dúas xiras. Unha é “Non sabes bailar”, de antes do disco… cuns 35 ou 36 concertos. A outra é “Todo me dá voltas” que xa é de 50 e pico ou 60… e forman unha porque foron no mesmo ano, claro.

G: Respecto ao nome da xira nova aínda non planeamos nada… non temos nin nome para o disco!

Superoito (9)

Gianne e Xabi ensaiando | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Fostes gañadores do Cantalingua… que supón tocar para nenos?

X: Unha experiencia moi, moi guapa. Estaban alí, dándoo todo…

G: O mellor. Ti vas tocar a un concerto de xente de 25 ou 28 anos que nunca te viron e están coa expectativa aí… os nenos pásano ben, saltan, brincan, fan de todo. Para min foron dos mellores concertos.

Gi: Demos catro: na Coruña, en Compostela, en Pontevedra e en Ourense. Como gañamos, escollemos os catro sitios que queriamos. Mola porque vas a cheo sempre. O caso máis impresionante foi o da Torre de Hércules e máis o de Ourense. Era un auditorio de 800 persoas e fixemos dous pases. O día de Pontevedra estaban bailando a muiñeira e nós tocando a toda pastilla… mola porque os nenos non se esperan nada.

X: A partir de agora imos tocar só en comunións e bautizos… bueno, e algunha voda.

Gi: O Correlingua é unha moi boa experiencia. O día da Coruña foi o que máis xente había: 1000 e algo persoas. Nós estabamos tocando na Torre de Hércules e vías chegar á xente por alí atrás e… nunca tocamos para tanta xente. E había xente que sabía as letras! Nós motivadísimos aí cos nenos…

X: E o escenario inmellorable. Puxéronnos un palco guapo ao lado da Torre de Hércules…

Gi: Quitámoslle protagonismo á Torre de Hércules realmente. Ían os turistas e dicían “joder, esto si que é un monumento”…

Eu teño unha dúbida respecto a eses concertos: censuráronvos (ou censurástesvos), ou nada diso?

G: Falámolo. Falamos de quitar algunhas palabras, cambialas por outras que rimasen máis ou menos… ou quitar algunhas cancións.

Gi: Foi un pouco postureo. Dixemos nós: “imos mirar as letras para non tal”, e despois íamos borrachos perdidos. O que quitamos dun lado metémolo polo outro…

G: Iso foi ao principio… despois en Santiago, por exemplo, xa tocamos as cancións normais.

Non vos deu o toque ninguén polas letras? Algún profesor ou algo…

G: Non, e incluso en Ourense unha profesora nos deixou unha mensaxe no Facebook agradecéndonos por tocar alí, que os nenos o pasaran moi ben…

X: Si, si, quería entrar no camerino…

“Tocar para nenos, no Cantalingua foi unha experiencia xenial: simplemente pásano ben e gózano”

Tedes varios videoclips, pero “Non sabes bailar” destaca un por riba dos demais. Ou vós preferides o de Pastillas de colores?

Gi: Si, se souberas como foi eso…

X: Ese videoclip foi así: estabamos borrachísimos e dixemos “vamos a facer un videoclip”. Saca o móbil e…

Gi: Non souben executalo como ten que ser, porque tiña un Nokia daquela. Queriamos recrear o que vemos nós cando saímos. Igual que o disco novo queremos que sexa máis seductor, máis picante, pois o anterior era todo perder o sentido. Saín co móbil e púxenme a facer o rollo da canción… pero ao final perdín o móbil e a virgen… parece que é finxido, pero é real: eu vía un pouquiño menos que o móbil. O videoclip novo está mellor porque o gravou xente mellor.

G: Ese é profesional.

X: Eu penso que xa se nota en todo.

Gi: Ti dis eso porque te fuches coa paisana…

Superoito (8)

Glenn | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Como xurdiu a idea?

Gi: A historia é bastante tópica, porque a nós mólannos os tópicos a dios. María tiña un proxecto de fin de carreira e díxonos que nolo facía ela. Nós sabiamos que controlaba e, a verdade, nós non tivemos que facer nada: explicámoslle a idea e ela pillouna á primeira. Gravamos en tres días, en Betanzos, Arteixo e A Coruña. Se o videoclip ten ese nivel non é por nós, senón por eles. María, Alberto Lora, Asensi… esa peña sabía o que facía.

X: E Cañotas e máis Iria…

Tamén coidades bastante a presentación, malia ir de tirados. Credes que xogou unha baza importante para o voso éxito?

Gi: O tema dos carteis mólanos porque é algo que nos gusta, temos o costume de imprimilos sempre todos: dá igual se tocamos nun festival da hostia que se tocamos nun festival pequeno. E cando facemos nós o deseño, sempre miramos que teña algo que ver co concerto e tal… pode parecer que está moi currado, pero está feito no Paint. Non ten moita ciencia.

X: E para dar a imaxe de cara ás redes sociais, que é importantísimo.

Gi: Moita xente dinos “tedes así un rollito nas publicacións tan chulo, hortera”… nós somos así: saímos e tomamos viño, e imos de camisa aínda cando non hai concertos.

G: A nós o que non nos gusta é levar as redes sociais dunha maneira seria, de “este fin de semana concerto en Coruña” e xa está. A nós gústanos que a xente se anime.

Gi: Que digan “non vou ir porque non me gustan e son uns gilipollas, pero partinme con esta publicación”.

X: E que veñan preparados, que xa saiban o que se van atopar.

Gi: Da igual que sexa no Facebook ou fóra, hai que ter unha actitude coherente.

G: É un conxunto de cousas, non só é tocar. Hai que coidar un pouco todo.

Vai unha pregunta a picar: que opinades da vosa comarca, Ordes?

Gi: Eu creo que en Ordes hai que diferenciar tres sectores. Por un lado está o concello, que é o peor que existe. Despois está a xente que fai cousas e anima o cotarro. E despois está outra xente que vai aos bares bailar a Juan Magán e volve á casa, que é respetable, pero que non aporta moito. O que hai é un movemento de xente nova por facer cousas: o que non fai o concello fano eles.

G: O problema é que non temos apoio. O local que ves aquí custounos sangue.

Gi: E sete mil firmas.

“Excelentes amantes, tiernos y apasionados del vino”
Superoito

G: Que xuntamos nós.

Gi: A rede esta de locais de ensaio ofreceuse a poñer un local de ensaio, e o concello dixo que non querían. Entón, reunimos firmas. E non lles quedou máis remedio que facelo porque reunimos case tantas firmas como xente hai na vila.

G: E co movemento de grupos que hai aquí é unha pena que non axuden nese sentido…

Gi: E non é que non axuden, senón que poñen pegas.

G: Esto, o local, está feito, pero así, ás présas… hai pouco case cae o teito, tivérono que vir arreglar. O aire acondicionado non funcionaba, supostamente este habitáculo divídese en dous pero no mecanismo que o separa só hai manivela dun lado: se ven outro grupo e pecha, nós quedamos encerrados.

Aínda así, eu penso que Ordes é un deses lugares de Galicia con personalidade e reivindicativo coa cultura galega. Non sei da política local, pero si que vexo iniciativas que saen adiante. Vós reivindicades algo?

G: A nivel persoal cada un terá as súas, e como grupo creo que tomamos a decisión de non meternos neses temas, non queremos politizar o grupo.

Gi: A nosa frase estrela é: “Que opinades de política? Nós somos un grupo de música”. Se quixeramos falar de política, faciamos un partido político… que igual o facemos, eh. Pode… remos?

G: Nós respetamos todo, pero non o queremos facer.

Gi: Preferimos regalar bicos e non moralexas da vida.

Superoito (17)

Superoito en directo no Tasmania de Ordes | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Por que sodes tres? Como repartides as chavalitas?

Gi: Somos tres pola pasta, tío. Hai grupos de cinco ou seis, e cobras, pero non che dan as contas. Nós cobramos e danos para fundilo todo na barra. Coas chavalas ata o de agora aínda nunca se presentou o problema, porque cero entre tres é fácil…

G: Somos tres porque empezamos así, vimos que funcionaba bastante ben a cousa e xa está.

X: Algunha vez comentamos de meter outra guitarra ou algo, pero…

Gi: O problema tamén é o tempo. Aínda agora para cadrar os tres para algo: que se un traballa en Arzúa, outro en Coruña, outro en Santiago… cantos máis, máis difícil é. E se puideramos ser un…

Con esta chulería que tedes, cantos indies vos quixeron pegar xa?

G: A verdade é que aínda nunca nos cuspiron na cara, nin nada…

Gi: O público nunca nos pegou. Se cadra aínda nos pegan… quérennos moito.

Entón cal foi o momento máis jodido do que levades de grupo?

Gi: Eu creo que cando hai que montar e probar o son…

X: O momento máis jodido é cando tés que montar todo, e veste no escenario só fronte a dúas persoas ou tres.

Gi: Que non quere dicir que nos pasara, eh.

G: De momento aínda non ten pasado nada gordo…

Gi: O máis coñazo é todo o tema legal do grupo… facer facturas e así. Momentos malos non hai, único ao día seguinte de tocar. Pero para iso tocamos ao día seguinte outra vez, e así nunca hai último día.

“Gústanos levar as redes sociais tal e como somos e non de forma seria. Hai que ter unha actitude coherente”

Que ama Superoito?

Gi: O Rectoral de Amandi. E a Isabel Risco. En Lugo mandámoslle subir ao escenario, pedímoslle para casar e dixo que si. O que pasa é que ultimamente está un pouco distante…

G: Amamos estar no escenario. E na barra. A combinación.

Gi: De feito propoñemos a todos os festivais potentes que poñan un bochinche no escenario. O escenario: o técnico de son a un lado e unha barra a outro. Eso si, se o fan que nos paguen pola idea.

Que odia Superoito?

Gi: Odio unha situación: os grupos que ven este sistema musical como unha competición, non como colaboración. Esa rivalidade odiámola. Estoume poñendo serio, joder.

Imos rematando: a que é o máximo ao que aspira Superoito?

X: A ter un barco.

Gi: O outro día estivo Amancio Ortega en Ordes e… joder tío, aspiramos a ser coma el. Pagou as voltas de todo o bar… serían catro mostos, ou así. Non, en serio: aspiramos a seguir e a tocar neste ano novo en todos os festivais grandes que haxa. Non a vivir desto nin a trunfar, pero quizais a consolidarnos si.

X: É o que quere facer calquera grupo, ser recoñecido.

Gi: queremos ser un referente da música surf.

Superoito (26)

Superoito | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Logo, mirades moito ao futuro?

G: Vivimos o día a día, o máximo a largo plazo que miramos é o disco novo.

Gi: Co ritmo de vida que levamos é moi posible que non cheguemos a un futuro moi lonxano, entón… para que imos a planear cousas?

G: Seguir tocando, tocar, e que á xente lle guste.

Gi: Sobre todo ás rapazas. Mira ao Combo Dominicano: só lle gusta ás rapazas pero os homes van igual a pillar cacho. Ti teste que gañar ao público feminino e o masculino xa vén.

Pois isto foi todo. Se queredes comentar algo, estas liñas son vosas…

X: Eu quérolle mandar un saúdo á miña abuela, outro aos meus compañeiros do Abellá…

Gi: Eso cabe destacalo: Superoito somos de dous equipos de fútbol: do Jogafán e do Abellá.

X: …e tamén quería mandar un saúdo a Chinto e máis ao Cano, porque é un lugar onde estou aprendendo moito musicalmente e persoalmente. Gracias.

G: Eu saúdo á miña mamá e ao meu papá.

Gi: Saudamos a Antía e a Eva, que son os motores do grupo. E despois a Bullo do Jatopús, que é o noso bar de sempre. A Vituco de Ruxe Ruxe, a Medomedá, a Comités de Santiago, ao Avante, a Abanca e a todo dios en xeral: que collan saúdos, que son gratis.

Podes seguir a pista dos Superoito na súa páxina web, no seu Facebook ou no seu Twitter. E se o que queres é escoitar os seus temas, proba en Bandcamp ou en calquera outra plataforma dixital.