Pablo Iglesias: o verbo fíxose carne

Case dúas décadas despois de escribila, a profecía de Mägo de Oz facíase realidade, pero trabucáranse de barrio madrileño. O verbo que se facía carne non habitaba en Chamberí, senón en Vallecas. Hai agora pouco menos dun ano consumábase a “Operación Coleta”, na que un profesor da Universidade Complutense de Madrid que comezaba a ser unha cara coñecida para o gran público decidiu dar un paso adiante e presentar unha proposta coa que concorrer ás eleccións europeas sempre e cando reunise os apoios que consideraba oportunos. O que naquel momento parecía un pulso duns cantos descontentos co aparato de Izquierda Unida rematou por ser un ascenso político que ríase usted de Frank Underwood.

A Pablo Iglesias víaselle desde o comezo que viña para dar guerra

Todo Compostimes está inmerso nestes días nun debate sobre quen son as personaxes do ano, pero en Composturas non houbo lugar a dúbidas nin por un minuto en quen debía selo. E é que a Pablo Iglesias víaselle desde o primeiro momento que viña para dar guerra. O nivel retórico moito maior cá meirande parte de rivais, a mensaxe capaz de conectar co desencanto dun grande sector da cidadanía e o arroubo co que transmitía as súas ganas de gañar aínda con todas as enquisas en contra crearon unha fascinación en moitos que chegou a ser case relixiosa. Tanto foi así que logo fixo correr ríos de tinta, ocupou grandes espazos nos medios e incluso algún intrépido xornalista se atreveu a ofrecerlle os seus propios dez mandamentos que, a día de hoxe, seguimos sen ter confirmación que se debatesen nalgún dos círculos.

Frank Underwood

Pablo Iglesias vai camiño de darlle volta ao taboleiro

Finalmente, as eleccións de maio foron o desencadeante da tormenta perfecta en España. Os cinco deputados de Podemos só eran o anuncio do que estaba por vir e Pablo Iglesias colocábase no centro do mapa político. Desde ese momento pasou a ser o tema de todas as conversas, os seus fans e detractores aumentaron a partes iguais e, sen sequera ser deputado no Congreso, pareceu converterse no líder da oposición. Iglesias conseguiu nos sucesivos meses algo que resultaba incrible dada a situación actual: crear ilusión en moitos que non se sentía identificados con ningunha formación e incluso que nunca se sentiran atraídos polo tema. A partir de aí xa non deixaría de subir nas enquisas que algunha vez o infraestimaran. A imaxe do partido vende e todos nos fomos acostumando a que rara sexa unha tertulia sen os Monedero, Errejón ou Bescansa.

CIS outubro

O CIS de outubro daba a Podemos líder en intención de voto

Pero a exposición mediática tamén ten contrapartidas. Os críticos co novo home de moda buscaron e rebuscaron calquera oco co que facerlle dano a el mesmo ou a algún dos seus máis estreitos colaboradores: as relacións coa Venezuela chavista, a postura ambigua arredor de ETA, as imposibilidades do seu programa económico, os supostos cobros en negro de Iglesias ou as irregularidades do contrato do seu director de campaña coa Universidade de Málaga foron só os máis salientables dos moitos temas que puxeron a proba a capacidade de encaixe de Podemos.

Queda por ver se os xiros cara a moderación son unha estratexia electoralista

Antes de reflexionar sobre os desafíos que deberá enfrontar Pablo Iglesias neste 2015 que comeza pasado mañá, quizá debamos parar no curioso fenómeno de “dulcificación” do seu discurso nas últimas semanas. O líder de Podemos, que antes complementaba as súas xa famosas camisas do Alcampo con gorras bolivarianas agora parece decidido a mudalas polos gorros de inverno das socialdemocracias nórdicas, clamando alá por onde vai que o seu partido non é de dereitas nin de esquerdas nin todo o contrario. E igual que se de repente lle dese por ler a Formación do príncipe cristíán de Erasmo, deixou de lado a combatividade de outrora co discurso de noiteboa do rei e mesmo coa natureza relixiosa destas festas. Isto non atende a nada máis que á vontade de acadar a “centralidade”, ou sexa, o lugar no que se sitúan a maioría de votantes. Quedará por ver se estes xiros cara a moderación son unha pura estratexia electoralista ou se traducen en actuacións nunha hipotética chegada ao goberno.

Pablo Iglesias Puebla

O debuxante Puebla recolle en ABC algún destes cambios de opinión

Xa para rematar, como di ese himno das noites de Tarasca ¿Qué pasará? Qué misterios habrá? Será o ano de Pablo? Como el mesmo demostrou, 365 días no escenario político actual son moitísimo tempo. Cunhas eleccións municipais e unhas xerais no horizonte, 2015 preséntase como decisivo no panorama español e Iglesias está chamado a ser, de novo, unha das figuras do curso. Veremos o que nos depara, mais o único que me atrevo a aventurar é que está por comezar unha das etapas máis apaixoantes, divertidas e complexas da historia recente española, e que viviremos dúas campañas electorais moi longas nas que veremos toda a maquinaria dos partidos envolta nunha batalla encarnizada que sobrepasará o insulto persoal en moitas ocasións. Unha vez máis, a vindeira temporada de House of Cards vai parecer un xogo de nenos e nós estaremos aquí para contalo.