Ignacio Vilar: “A película chega ó espectador, emociona, polo que hai que apostar por ela”

Nunca un filme se presentara deste xeito, con conexión por videocam entre máis de 20 institutos e facultades galegas. Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris” acudiron o pasado día 17 na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela para presentar o seu último traballo A esmorga, un filme dirixido polo ourensán Ignacio Vilar. Todo un fito: unha película galega en galego para un público que encheu as butacas do auditorio por completo. Un paso máis no eido da normalización lingüística na que tanto se insiste desde hai anos.

03-09311

Os estudantes facían preguntas ós actores e eles responderon animados, bromeando cos presentes e invitando á participar na charla. Tivemos a oportunidade de escoitar as súas experiencias, a súa particular forma de ver A esmorga e de sentir os seus personaxes. Sen dúbida, coñecimos a tres actores con moito que dicir e moito que aportar ó panorama cinematográfico galego e español. “Financiar cine en galego é sempre complicado”, sen embargo “é a superproducción galega”, admitiu Ignacio Vilar. E non se pode dicir menos: o 25% do presuposto total foi destinado á promoción da Esmorga. O director ten confianza nos galegos. E así se demostrou cos bos resultados colleitados na carteleira.

Se hai algo que comentar das salas de cine esta fin de semana é que cada sesión congregaba un número bastante elevado de persoas, quer falantes de galego, quer de castelán, cun abano de idades ben amplo. A xente desfrutaba, os xoves afondaban na súa curiosidade por unha fala como a reproducida; a fala ourensá, cuxa importancia para a dialectoloxía galega é capital, os vellos rían cunha historia non tan allea á súa infancia… Non faltaron algún que outro comentario homófobo, pero todo nunha liña que de media foi moi positiva.

“Ían fechando portas tras de si e guindando coas chaves”, Eduardo Blanco Amor

Miguel de Lira, Karra Elejalde e Antonio Durán “Morris” encarnan ós míticos personaxes desta novela: Cibrán, Bocas e Milhomes. Isto supón todo un reto de interpretación, pois estas personaxes forman parte do imaxinario galego. É a versión “madura” de todo un clásico, porque trascende o tempo. As personaxes teñen arredor de 50 anos e consideran que a falta de físico atractivo apórtalles credibilidade. Son personaxes desarraigados e incomprendidos nos que hai moito que profundizar. Están nun momento da súa vida no que poden perdelo todo, e camiñan de forma consciente cara esa decisión, cara a súa perdición. Ignacio Vilar concibe a película como unha crónica da novela, na que o que importa é cómo se contan os sucesos, “a gran diferenza é que no filme se descobre o mundo interno”, apunta Miguel de Lira.

Son personaxes desarraigados e incomprendidos nos que hai moito que profundizar

A interpretación do trío da salvaxe troula non pode ser máis natural e realista. Sobran as palabras, as miradas dos personaxes falan por sí mesmas. Así o explica o actor vasco Karra Elejalde: “En cine hai moitos momentos nos que menos é máis”. Poden entrever os medos, as paixóns, os sentimentos enterrados que ás veces asoman en certas palabras e en certo ollar… “Xogamos moito a ser tres nun e, ás veces, confúndense”, dixo o actor Miguel de Lira.

Imagen-relacionada-MDSTRA201411170006_MDSIMA20141117_0101_36

Pódese apreciar na pantalla a máis pura paisaxe galega. O granito dos muros das rúas ourensás cubertas de verde moho, os toxos en flor… ata a iluminación asemella distinta, fría e húmida, representado á perfeción o noso inverno. A presenza da choiva, á que estamos tan acostumados ós galegos, non frea a esmorga, a pesares da  auga que os empapa. Aprécianse unhas peles curtidas polo frío, os anos, a mala vida e a desesperanza, que tamén impregna as roupas que visten. A fusión dos directores de fotografía e arte, Diego Romero e Ángel Amaro respectivamente, lograron un resultado estético que esperta en cada galego o eco dun pasado común, amosando a máis plena realidade miserenta da oscura Galicia dos anos 50. Observamos como se respecta moi ben o texto orixinal, cos elementos prescindidos necesarios en calquera adaptación cinematográfica, mesmo nas súas formas dialectais e sotaque. Agora ben, dálle un toque moi esclarecedor á versión literaria. Un libro con técnica telefónica e innovacións tan importantes como o de Blanco Amor implica unha elevada dificultade de plasmación na versión cinematográfica, algo que non ocorrería cunha historia común na que haxa un diálogo ordinario entre personaxes. Ao lermos o libro debemos sobrentender o que o xuíz di, polo que non deixa de ser un monólogo densísimo e enriquecido con outros recursos literarios (historias dentro de historias, diálogos, etc.).

“En cine hai moitos momentos nos que menos é máis”. Karra Elejalde

Outro tema importante que da moito que falar do filme é o emprego do galego como lingua principal. ¿Como afronta un actor vasco esta peripecia? Karra Elejalde fixo un emotivo descurso sobre a aventura de botarse a interpretar en galego. “O actor ten que ter o 100% do talento para interpretar ó personaxe, eu o 80% o adicaba a facer un galego digno”, afirmaba Elejalde. “Non é falar galego, é falar ourensán antigo”, detallou. Sentiu tamén a mágoa de non ter coñecido antes a obra de Blanco Amor, comparándoo cos seus contemporáneos casteláns, máis populares, como Machado.

Colle uns 111 minutos do teu valioso tempo e visita a sala escura para mergullarte nunha historia que provén do noso máis enraizado pasado da memoria común, da vida dos nosos avós. A celebérrima obra de Eduardo Blanco Amor (1897-1979) chegou ós cines este 21 de novembro. O filme estreouse por primeira vez o 15 do pasado mes na inauguración do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF) con arredor de mil espectadores que avivaron aínda máis as esperanzas de Vilar: “Démonos conta de que a película chega ó espectador, emociona, polo que hai que apostar por ela”.

ignacio-vilar-144