O perfil: Nolito

Minuto 54 de partido no Camp Nou. O Barça domina, pero o Celta tamén xera perigo no estadio blaugrana. Serxio saca de porta e Pablo Hernández prolonga de cabeza. A defensa local dubida, pero el non, pelexa o balón ata telo no seu poder e ilumina a xogada cun taconazo que deixa en boca de gol a Larrivey. O arxentino non falla e o Celta consegue derrotar ao Barcelona no Camp Nou por primeira vez na súa historia. O home do taconazo convértese no home do sorriso permanente. Son xa 5 goles e 5 asistencias, para sumar a unha demostración de clase ante o club no que creceu. Seis días despois, a porta de selección ábrese para Nolito. Ese home diferente, ese futbolista do sur que para triunfar tivo que mudarse ao norte.

Unha chamada que lle cambiou a vida

Nolito coa camiseta do Écija - ©Quecrack

Nolito coa camiseta do Écija – ©Quecrack

“Eu non son Messi. Son Nolito, Manuel”. Porque Nolito sigue sendo ese rapaz de Sanlúcar de Barrameda que mostraba toda a súa clase nunha pista de fútbol sala próxima a súa casa. Foi alí onde se fixo futbolista, e non no Valencia onde probou con dezaseis anos. A capital do Turia foi demasiado para el, e volveu a Andalucía e ao modesto Sanluqueño para comezar de verdade a súa carreira. Alí xogaba con Jurado, un talento igual de irregular.

“Eu non son Messi. Son Nolito, Manuel” – Nolito tras a vitoria do Celta no Camp Nou

Non foi ata o 2006 cando se decidiu por probar en Segunda B. Foi da man do Écija onde estivo dúas tempadas. Na primeira non xogaba moito, era o revulsivo do equipo nas segundas partes, un papel que interpretou de luxo nunha eliminatoria de Copa ante o Madrid. Na ida marcoulle un gol a Diego López, e na volta deixou detalles no Bernabéu incluíndo unha asistencia. O ano seguinte xa non se acordaba do banco, era titular indiscutible e levou a ese Écija aos playoffs de ascenso. Foi a súa última tempada en Andalucía, porque chegou a chamada do Barcelona.

Un debut na elite tardío

Nolito celebra un gol co primeiro equipo do Barcelona - ©20 Minutos

Nolito celebra un gol co primeiro equipo do Barcelona – ©20 Minutos

Do Barcelona era o chándal que Nolito vestía naquela pista de fútbol sala onde descubriu o fútbol. Un regalo do seu avó, un soño cumprido por unha chamada de Luis Enrique que o quería para o filial. Alí foi un xogador importante durante tres tempadas. Culminou o ascenso e chegou a debutar en primeira da man de Guardiola. Debutou cun 24 anos, pero ese rapaz que xa non podía ser unha promesa tiña moi claro que o seu sitio era o filial.

“O meu sitio está no filial” – Nolito, tras debutar co Barcelona de Pep Guardiola

Había demasiada competencia naquel Barcelona histórico como para quitarlle o posto a calquera. Era unha das estrelas da Masía, pero con 25 anos tocaba deixar de lado os sentimentos e buscar o seu futuro fóra da cidade condal. Lisboa foi o seu destino.

Saír fóra para triunfar

Nolito nas súas dúas tempadas co Benfica - ©AS

Nolito nas súas dúas tempadas co Benfica – ©AS

Comezou como un tiro en Portugal. Cunha pretempada de luxo, con tres tantos, levantaba paixóns e refrendou iso con cinco goles nos cinco primeiros encontros de Liga. Ese era Nolito, un xogador desequilibrante que podía levar a ese Benfica a cotas moi altas. Despois, o seu rendemento baixou e finalizou a tempada con once tantos e algo de desconfianza do técnico Jorge Jesús. Nolito era imprescindible en ataque, pero quizais non cumpría como a el lle gustaba en defensa.

Comezou xenial, pero a falta de confianza do seu adestrador fixo que Nolito tivera que buscar unha cesión no Granada para xogar

Na seguinte tempada, os problemas de Nolito en Lisboa acentuáronse e no mercado de inverno tivo que buscar unha saída. Esa saída era volver a España, a un Granada necesitado que tiña que tentar conseguir a permanencia. Alí foi titular indiscutible e con tres goles axudou a unha salvación tranquila nun equipo sen máis aspiracións. O Celta estivo rápido e ese verán logrou firmar a Nolito para propiciar o encontro co adestrador que máis confiou en el: Luis Enrique.

Vigo, esa cidade que tanto lle gusta

En pretempada deixou detalles, pero un comezo de tempada dubitativo acabou con Nolito no banco. Luis Enrique o coñecía mellor que ninguén e por iso tiña que conformarse con ser un revulsivo. Un home desequilibrante, pero non alcanzou o seu mellor nivel ata despois do Nadal. El sabía que podía facer as cousas mellor, e así o fixo. Catro goles marcou na primeira metade da tempada, na segunda chegaron dez máis.

As súas actuacións co Celta fan que cumpla un soño: ser convocado coa selección - ©La Vanguardia

As súas actuacións co Celta fan que cumpla un soño: ser convocado coa selección – ©La Vanguardia

Nolito pasou a ser titular indiscutible e un dos líderes da salvación tranquila do Celta de Luis Enrique. Con cinco xornadas máis, o Celta sería claro aspirante a Europa, e por iso quizais Nolito decidiu quedarse. Porque en verán chegaron moitas ofertas de Inglaterra, pero Nolito ou Manuel (que nunca Messi) apostou polo equipo vigués co que renovou.. Quedouse para triunfar, para converterse por fin no líder e levar ao equipo vigués a unha sexta praza que fai soñar con Europa. E a el o levaron a selección con 28 anos. Un camiño longo e máis traballado de o que parece, pero un camiño do que non se arrepinte. Porque o bo sabe mellor canto máis custa.

De Borja Oubiña a Nolito

A chamada revolucionou a Madroa o pasado venres. Berizzo parou de falar do Granada e comezou a desfacerse en eloxios a Nolito. Un xogador moi querido polos compañeiros e pola afección, que oito anos despois pode presumir de internacionais celestes. Oubiña e Ángel foran os últimos, nun combinado nacional que daquela non tiña estrelas no seu peito.

O Celta levaba oito anos sen ter xogadores na selección española. Oubiña e Ángel foran os últimos

Moito cambiaron as cousas dende entón na selección e no Celta, que agora volve a soñar con ser o equipo daquelas tempadas gloriosas. Por iso, Nolito afronta con ilusión os dous compromisos co equipo de Vicente Del Bosque. O primeiro será un partido oficial en Huelva, moi cerquiña de Sanlúcar de Barrameda, e o segundo un amistoso no municipal de Balaídos. Un estadio que coñece ben, onde está conseguindo os seus maiores éxitos futbolísticos. E onde nunhas horas afronta un partido ante o Granada vital para que o Celta siga soñando con cotas maiores esta tempada.