Lidia Gómez: “As interpretacións dos lectores son igual de válidas que a miña”

Lidia Gómez ten 21 anos e unha novela publicada. Ademais, estuda Filoloxía Hispánica na Universidade de Santiago de Compostela. Toda unha vida rodeada de literatura. Por casualidade, entrevistadora e entrevistada atopámonos en Madrid. Ambas morriñentas da chuvia que seguramente nos tería acompañado en Compostela, comezamos a falar da súa ópera prima, “Os pantalóns nunca foron cousa boa”. Esta historia ambientada no século XIX, comezouna a escribir con dezanove anos e, tras sometela a varias reelaboracións, decidiu presentala ao certame Biblos-Casa Grande do Bachao de novela de menores de 25 anos. Tras gañar o premio, a historia que tantas dores de cabeza lle deu, convertiuse, por fin, nun libro. Despois de presentalo en Betanzos, a súa vila, a alegría e a satisfacción por publicalo seguen intactas. A literatura galega acolle a esta nova escritora no seu seo. 

Toda a túa vida parece estar impregnada de literatura, que significa a literatura para ti?

Pfff, vaia pregunta! Pois a verdade é que é bastante difícil de definir. Dise moito iso de que “a literatura é todo” pero eu creo que é un pouco relativo, non che sabería dicir…

Pero que supón na túa vida a literatura?

Nun futuro espero que un medio de vida e agora mesmo, ademais dos estudos, supón ese tempo de ocio, de poder escapar un pouco do mundo e apartarte.

Cales son os autores que máis te marcaron e que puideron influir na túa novela?

Os que empecei a ler con máis entusiasmo son os típicos de cando eres pequeno, “Harry Potter” e dese estilo. Agora, dunha maneira máis adulta, por así decilo, gústame moito Vargas Llosa por como se mete na mente dos personaxes. Os cambios de narrador a personaxe impactáronme, aínda que, evidentemente, non tratei de imitalo, pero puido influir. Tamén me gusta moito García Márquez, sempre é incríble coller un libro seu. Ademais, ultimamente estame gustando moito Ángeles Mastretta, que é mexicana. Encántame pola forma na que retrata ás mulleres na súa obra. De feito lin unha novela súa, “Arráncame la vida”, mentres estaba escribindo a miña. Non creo que se note explícitamente a súa influencia, pero si que tiña presente a súa forma de escribir sobre as mulleres porque as dúas protagonistas da miña novela son mulleres.

àoij

Moi nova logras publicar unha novela que levabas tempo escribindo, cal foi a sensación ao ter o primeiro exemplar na man?

A verdade é que foi indescriptible. Foi un subidón impresionante. Vino e  toqueino con incredulidade tamén, porque estaba acostumada a telo en formato Word, a saber case de memoria o que había en cada páxina. Por suposto foi unha sensación incríble que creo que non esquecerei nunca.

Nunca olvidarei o momento no que tiven o primeiro exemplar entre as mans

Cando xorde esta novela e por que? Desde un principio tiñas idea de publicala?

Cando cursaba segundo de carreira un día fun dar unha volta por detrás da miña facultade e acabei diante da curtiduría de Pontepedriña, que está en ruinas. Había un muro moi grande que me chamou moito a atención. Despois busquei información sobre o lugar e encantoume para ser o escenario dunha historia. A raíz diso pensei en escribir algo con esa base e despois foron xurdindo máis cousas. Cando vin a convocatoria do premio Biblos crin que era boa idea desarrollar isto, xa non só pola posible idea de publicalo, senón para obrigarme a min mesma a escribir.

Sempre comentas que tiveches que reelaborar a historia varias veces, como foi todo ese proceso?

Pois foi lento e doloroso. Foi lento porque un proceso como o de escribir unha novela precisa tempo. E doloroso porque sempre é difícil quitar cousas, aínda que a ti mesmo che gusten, pero ves que non encaixan na historia. A reelaboración, ademais, obrígate a ler todo innumerables veces. Non sei cantas veces puiden reler a novela! De feito, creo que se me fas algunha pregunta sobre o argumento podería meter a pata e falar dalgunha parte que non incluín na versión definitiva. Eu estou contenta co resultado.

O proceso de reelaboración foi lento e doloroso

Ambientas a novela no século XIX, pero hai moitas cuestións dentro dela que se poderían dar perfectamente na actualidade, por que decides que suceda nesa época?

Por influencia da ruina pero tamén me baseei noutro espazo real, a Casa de Europa, que está no Paque de Vista Alegre. Ese edificio chamoume moito a atención e tiven a oportunidade de estar dentro del. Cadraba moito con ese estilo decimonónico. A época veu por cuestión do escenario.

Tratas temas na novela como a desigualdade entre clases sociais, pero tamén a desigualdade da muller, ten a túa obra algún matiz reivindicativo?

Depende de como se queira ver. Eu niso non me quero meter moito porque penso que unha novela, en canto sae de mans do autor e chega aos lectores, as súas interpretacións son igual de válidas. Si que recoñezo que decidín poñer como personaxe a Mara e non a un home por buscar a orixinalidade. Dinme conta de que podía darme xogo, non na cuestión femisita de poñer en máis valor á muller. O que quixen transmitir é que se hai unha relación desigual, pódese saír dela. Mara non é mellor porque sexa máis guapa, máis rica ou teña máis estudos. Simplemente iso.

Mara non é mellor porque sexa máis guapa, máis rica ou teña máis estudos

Introduces o tema das faladurías que xera a simple sospeita da homosexualidade e, máis concretamente, da homosexualidade feminina, que todavía é máis tabú que a masculina, iso foi casual?

Pois non sei que dicirche, eu quería facer algo orixinal. O das faladurías é inevitable incluílo porque é a realidade. A verdade é que a primeira protagonista que pensei foi Julia, pensei nela como unha lavandeira. A segunda protagonista tamén se me presntou como muller. Non é que eu o buscara, é que xurdiu así a historia.

Na historia retratas o mundo rural como un entorno hostil, como un campo fértil para faladurías, leva algunha mensaxe implícita ou é un simple retrato?

Pois decidín ambientar a historia alí porque, a pesar de que eu vivín en vilas desde moi pequena, téñolle moito cariño ao rural. De feito, sempre digo que son de aldea. Eu creo que é reflectir a realidade que se pode dar tanto nun entorno rural como nunha cidade grande, como aquí en Madrid, pero nunha cidade, aínda que tamén se fale, é máis difícil que afecte. Pola contra, nunha aldea é complicado facer oídos xordos.

Había que buscar a maneira de reflectir o estereotipo e, á vez, rompelo

As dúas personaxes protagonistas teñen unha personalidade complexa, cal das dúas che deu máis dores de cabeza?

© Marta R. Suárez

© Marta R. Suárez

Sen dudalo, Julia.

Pois podería parecer ao contrario, semella que Mara é máis complicada…

A min deume máis dificultades Julia, polo moito que se come a cabeza, e eu tamén me identifico un pouco con iso. Mara sempre se me presentou dunha forma moi clara, está estereotipada, creo que se nota moito, Sen embargo, a Julia había que sacala un pouco do tópico de muller de clase traballadora e pobre que ten que acatalo todo. Había que buscar a maneira de reflectir o estereotipo e, á vez, rompelo. E foi complicado facelo de maneira que non resultase chocante.

O final da novela pode chegar a desconcertar ao lector, pensas nunha segunda parte?

Si que é certo que se presta a unha segunda parte. Non o descarto. Quizais algún día. Pero non é algo que teña en mente agora mesmo. Se sae nalgún momento non terá nada que ver co que penso hoxe (ri). O final quería deixalo así porque creo que da máis xogo ao lector. Nunca se sabe, se isto funciona, por que non retomalo o día de mañá?

Son moi intuitiva para escribir

Ao fío disto, estás escribindo algo novo? Tes en mente outra novela?

Teño en mente outro proxecto de novela, pero non o estou traballando. Para escribir son moi intuitiva e agora non é o momento. Cando chegue sabereino. Teño algúns esbozos, pero o corpo, de momento, non me pide seguir. Estou escribindo pero son xa cousas de carácter moito máis persoal a modo de vía de escape. Nada que pense en publicar.