Castañazo Rock 2014: novembro nace en Chantada

O xa mítico mercado gandeiro de Chantada dando comezo ó Castañazo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

O xa mítico mercado gandeiro de Chantada dando comezo ó Castañazo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Tras un verán pasado por auga, o gremio dos festivaleiros galegos precisaba de algo que lles devolvera as ganas de seguir adiante cos seus propósitos máis lúdico-festivos. Setembro e outubro foron dous meses que, malia recoller algunhas das festas que non teñen cabida xa no verán, pasaron sen demasiado interese nos nosos calendarios musicais. Si, xa, hai concertos en salas e algúns pequenos festivais que non merecen ser desmerecidos… pero non é o mesmo. Onde está a emoción de ir nun coche ateigado de cousas e xente sen que ninguén saiba exactamente onde queda o festi? Onde vai iso de chegar por fin e atopar un colega sen tenda que decide que a túa tenda será o seu lugar de acampada? Por non falar da emoción de dubidar entre facer de ventre nos baños ou no medio do monte, porque un non sabe onde terá maior hixiene e privacidade… pero en fin. O que viña a dicir con todo isto é que algo do comentado debe influír para que á edición deste ano do Castañazo Rock se achegase tanta xente: máis de 4000 persoas.

Castañazo Rock 2014Dende que se recuperou o festival no 2007 xa nos ten acostumados a grupos de gran nivel, pero a combinación deste ano foi moi boa: dous grupos galegos, dous nacionais e dous internacionais conformaron un cartel que tocou moitos estilos irmáns. Houbo rock, ska, punk, metal e ata música balcánica… porque “en la variedad está el gusto”, como dicía un spot televisivo dunha marca que non lembro nin ven a conto citar. O caso é que o mercado gandeiro de Chantada vibrou novamente con miles de festivaleiros cunha ansia que por estas datas non é fácil saciar.

Mais non só de música vive o home. O Castañazo Rock é todo un evento para os cerca de 9.000 habitantes do municipio de Chantada, xa que é un día onde non só se enche o mercado, senón que hai máis actividades ó longo da cidade. A primeira delas, a máis madrugadora, é o Castañazo Infantil. Ás 11:30 na Casa da Música do pasado 1 de novembro houbo música, teatro e xogos que fixeron as delicias dos máis pequenos da casa… pero tamén as dos grandes. E é que “Ulo Swing?”, de A Run Run Teatro é unha obra para nenos e adultos, crítica e divertida á par, na que ademais se inclúe música en directo sen ter que recorrer ó tópico dos “Cantajuegos” para os nenos.

Maskarpone | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Maskarpone | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Xa ó mediodía puidéronse escoitar cantos de taberna ó longo da vila. Os berros e aturuxos invadiron Chantada na quinta edición dos deste cmoncurso no que ó final, gaña todo o mundo (incluídos os que non participan): o importante é pasalo ben. Dende a organización sinalan que están especialmente orgullosos da enorme participación deste ano e, de feito, xa propuxeron crear unha liga galega de cantos de taberna. Máis tarde foi o momento do aberto de billarda e dos Xogos Bravús, outro dos selos deste festival. Os xogos son unha boa opción para quecer o corpo de cara ós concertos e, ademais, os valentes que o intenten poderán ver recompensado o seu esforzo con alcol gratis… e non do das feridas, precisamente.

A iso das oito da tarde comezaron a asarse as castañas e a repartilas entre quen quería quentar o bandullo. E é que nin Primavera Sound, nin Viña Rock, nin gaitas: o ambiente outonal dálle á música un toque ben chulo que o Castañazo explota como ningún. E mentres o corpo quecía por dentro, os Fanfarria Taquikardia amontoaban á xente ó redor das súas procesións herexes combatendo contra o inimigo común: o frío chantadino. A xente aglutinouse nun círculo do que era difícil ver o interior, pero dado que as ondas sonoras viaxan en todas as direccións, bastaba con que as orellas fixeran o seu traballo e con que deixaramos o corpo fluír cos movementos que este pedía. Entón si, o público estaba xa listo para bailar sen perigo de lesión ou maniotas ó día seguinte. Maskarpone saían ó escenario.

Maskarpone | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Maskarpone | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Os encargados de abrir o espectáculo enriba das táboas foron os ourensáns que, por certo, quedaron segundos no concurso de bandas do pasado ano. O seu é mesturar ritmos ska con reggae e rock e a técnica funcionou á perfección no corazón de Galicia: crearon a festa que o público desexaba con tanta ansia. Unha pasada abrir un festival a ese nivel, mais o mérito é compartido entre a propia banda e o excelente público que sempre ateiga o mercado de Chantada. Pero bueno, disque dous non pelexan se un non quere, e ninguén dubida que as melodías de Maskarpone non fallan (a non ser que non se colla na barra, claro). Foi unha grata sorpresa ver á xente tan animada dende o primeiro momento. Pero isto, amigos, tan só acababa de comezar.

O público preparando un pogo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

O público preparando un pogo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

La Raíz é un dos grupos de moda ultimamente” comentaba alguén por alí. Non falta razón: malia que o grupo leva formado dende o ano 2002 non foi ata estes últimos anos cando comezou a aparecer na metade de arriba nos carteis dos máis grandes festivais de España. Eu considero que non todas as modas teñen porque ser malas e, esta en concreto, encántame. Colleron a testemuña de Maskarpone e seguiron facendo ó público bailar cos seus ritmos sabrosóns.

La Raíz | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

La Raíz | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Aproveitaron esas sinerxías cos que observaban o espectáculo para facelos a eles partícipes doutro espectáculo digno de ver: un wall of death moi guapo. O wall of death é a denominación que recibe un momento no que o público se divide en dous e se fusiona a golpes cando unha parte lenta da canción estoupa nun son máis forte. Adoita estar coordinado polo cantante da banda e ven sendo unha especie de pogo extremo. Pero non vos asustedes, porque como din os Dios Ke Te Crew en “Berra!“, a filosofía é positiva: “dádevos de piñas, pero con cariño. E se alguén se leva un codazo amáñase coma un sinal de amor: conexión máxica entre toda a peña”. É dicir, moita adrenalina cos de Gandía, que non se esqueceron de recordar que é unha vergoña que a súa terra teña en común coa nosa a enorme corrupción. Ska si, crítica tamén.

Gatillazo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Gatillazo | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Gatillazo é un deses grupos que “allá a donde van, triunfan” (creo que vexo demasiada televisión…). “Pollo que no cacarea, gatillazo que resuena” dicía o Evaristo hai 10 anos… mais hoxe segue sendo así. O público do Castañazo foi testemuña do moi en forma que segue hoxe en día a banda herdeira de La Polla Records, unha das máis míticas do punk nacional e do Rock Radical Vasco. E como se da orquestra Panorama se tratase alí estaban os Gatillazo: dun lado para outro, ante un público numeroso e totalmente entregado. Evaristo Páramos (nado en Tui, por certo) cagouse en todo o que puido e quixo, e fíxoo coa axuda dalgúns espontáneos que con máis insistencia que maña conseguiron subir ó escenario a cantarlle unhas estrofas co seu ídolo. Isto para desgraza do equipo de seguridade do concerto, claro, que tiveron que correr tras deles en varias ocasións. Pero que queredes que vos diga… o punk é así!

Dubioza Kolektiv | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Dubioza Kolektiv | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

E chegou por fin a hora de falar dos grupos internacionais: ó remate de Gatillazo chegaron os de máis lonxe: Dubioza Kolektiv, directamente dende Bosnia sendo esta a segunda vez que pisan Galicia. Unha das primeiras frases que dixeron ó saltar ó escenario foi “estades preparados para estes putos tolos balcánicos?”. Así de simple, sen enganar a ninguén: deixaron ben clariño dende cedo de que pau van. Os Dubioza son un grupo que fala de… eu que sei, non teño nin idea da lingua bosníaca. Pero mandan tralla. Están fodidos da cabeza e mandan tralla. Son como bravú dos Balcáns… ou algo así. Perfectamente uniformados, iso si. Como un equipo de fútbol de primeira saltaron ó campo e fixeron un fervedoiro do estadio. Eran un dos pratos fortes da noite e non defraudaron. Tamén coquetearon cos wall of death e buscaron a calor do público baixando do escenario a cantar. Se non os coñecedes pasádevos pola súa páxina web, onde teñen algúns discos para a súa descarga de balde. Merecen a pena.

Talco | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Talco | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Os seguintes foron Talco, uns vellos coñecidos polo Castañazo. Estiveron en terras chantadinas no 2009 e debeulles gustar, porque este ano volveron. Que cousa tan fermosa escoitar o Bella Ciao en versión ska-punk interpretado por auténticos italianos a escasos metros dun! Unha pasada ver como dende os primeiros acordes se nota que é un grupo que se debe ó público… mesmo algúns membros baixaron ó foxo en determinados momentos para eliminar esa barreira física (e psicolóxica) que é o hábitat dos que sacamos fotos nos concertos. Polo demais todo moi correcto: ó que lle guste o ska e o punk sabe que Talco é un dos grupos de referencia neste xénero e que ten un directo moi potente e cheo de enerxía (pero como todos os que pasaron por alí esa noite, coidado). A min o que me sorprende é que deran as 4 da mañá e a xente seguise tendo folgos para pegar semellantes chimpos. Como diría a miña avoa: “Juventú, divino tesoro!”.

Machina | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Machina | BY-NC-SA 2.0 Miguel Grandío

Machina foron os encargados de botar o peche á noite. Os ritmos alegres e bailables xa foron consumidos polos predecesores no escenario, mais quedaba unha materia pendente: o odio. Os de Cerceda foron os encargados de conseguir que o público liberase a carraxe que todos temos por dentro, pois son tempos diso. Visto como se movían enriba do escenario calquera diría que esa noite facían doblete: viñan de tocar en Vigo horas antes, pero non faltaron as gañas. Moi, moi grandes. As vallas antiavalanchas non puideron resistir máis meneos e acabaron cedendo ante os golpes dun público en éxtase que aínda era bastante cuantioso para tratarse xa do último grupo da noite. Un excelente broche para unha noite de diversión, bravura e tralla que puxeron uns mozos que confesaron ser herdeiros, en certo sentido, do rock bravú, tan relacionado con Chantada. Caralludo final.

Y nos dieron las 5:30. O ser humano ten un límite físico de aguante, e ó que viviu o Castañazo (e vivir un festival non é o mesmo que simplemente ir) xa lle chegaba a hora de ir a darlle un gustiño máis ó corpo e deitarse a descansar. Bueno, eu falo por min, porque sempre quedan os auténticos festivaleiros, os que están feitos doutra pasta. Falo deses que seguen a esmorga pola vila adiante aínda que veñan de celebrar preto de dez horas de música e brincos. Eu, como tantos outros, marchei á tenda de campaña a pensar no duro da mañá seguinte. Quizais é a acampada do festival un dos poucos puntos frouxos que ten o Castañazo: pese a que a organización habilitou un pavillón máis que o pasado ano para pasar a noite pódese dicir que o espazo de acampada quedou bastante xusto. Se isto segue medrando haberá que buscar algunha alternativa, porque novembro en Chantada non é unha broma, e a opción de acampar ó aire libre non é demasiado viable.

Poucos dubidan é que o Castañazo segue a ser unha das grandes citas festivaleiras do outono galego. Pero ollo, porque isto pode seguir medrando e cada vez vese a máis xente de fóra de Galicia achegarse a Chantada para calmar o mono. Aínda así non hai medo. E non podo pechar isto sen recordar aquilo de “Chantada, terra brava” que tan ben aprenderon os Dubioza Kolektiv. E é que o Castañazo será no cu do mundo, pero ten bravura abonda para tronzar o universo!! Avante toda!!