Unha transición para soñar

Catro vitorias, catro empates e unha derrota. Dezasete puntos en nove xornadas. Oito semanas levando puntos a un zurrón que só ten unha mancha no seu inmaculado historial. Eses son os números do Celta do Toto Berizzo. Un equipo que ilusiona, que xoga bonito e que apunta moi alto. Un proxecto comedido e que se conforma coa salvación na sala de prensa, pero que dentro do campo fai soñar a Balaídos con cotas maiores.

O proxecto de Berizzo confórmase coa salvación na sala de prensa, pero no campo parece que aspira a algo máis

A estas alturas o Celta de Luis Enrique sumaba seis puntos e coqueteaba co descenso. Quizais sexan simples números, pero o fútbol é un deporte de sensacións e as dos vigueses son moi positivas. Só o tempo dirá se este Celta superará a novena praza do ano pasado, pero polo de pronto ten moi boa pinta. Unha vez cumprido o primeiro terzo de liga, chega o momento de analizar en Compostimes o que cambiou o Celta, e imaxinar ata onde pode chegar este equipo. Porque o obxectivo é unha permanencia tranquila que con sorte pode permitir soñar con Europa.

Transición, non revolución

Celta de Lucho                   Celta del Toto

Comparando as aliñacións do tramo final do ano pasado co once tipo do Toto Berizzo, non atopamos demasiadas diferenzas. O Celta que finalizou o pasado curso con grandes actuacións, conseguiu continuar coa súa xeira positiva. Só catro cambios significativos: na portería (Sergio por Yoel, aínda que o de Catoira xa xogaba ao final da pasada campaña), no lateral esquerdo (con Planas, un xogador que si é zurdo a diferenza de Jonny), o medio centro defensivo (con Radoja substituíndo con moito éxito ao lesionado Oubiña) e na dianteira (onde Larrivey quitoulle o posto a Charles a base de goles e traballo). Quizais o Celta só bote de menos a Rafinha, un xogador polo que pasaban todos os balóns e que podía inventar nun momento determinado, pero esa labor pouco a pouco parece ser herdada polo chileno Pablo Hernández.

Berizzo foi un adestrador intelixente, atopou un equipo traballado e partindo desa base comezou a incluír os seus conceptos. O Celta presiona máis arriba este ano, pero sigue os principios do bo trato do balón. Porén, quizais opte máis polo contragolpe nalgúns momentos do encontro e coa incorporación de Larrivey e Pablo Hernández converteuse nun equipo máis perigoso no balón parado. A estas alturas da tempada pasada, Lucho seguía buscando a tecla dun equipo descompensado, onde o principal problema era a distancia entre liñas. Iso só se consegue con tempo e traballo, algo que demostra o Celta de Berizzo partido a partido. A herdanza recibida foi boa, pero a xestión e a mellora desa riqueza por parte do herdeiro está a ser moi acertada.

Acerto nos despachos

Pablo Hernández e Larrivey dúas das grandes incorporacións do Celta - ©EFE

Pablo Hernández e Larrivey dúas das grandes incorporacións do Celta – ©EFE

Tras asomarse ao abismo hai dous anos, a dirección deportiva celeste comezou a facer os deberes con nota e conseguiu armar conxuntos competitivos. Ademais, elevaron o seu acerto polo factor temporal: o Celta fichou ben, pero sobre todo fichou cedo, polo que o Toto Berizzo puido comezar a pretempada con case todos os efectivos. Quizais esteamos ante un dos motivos que explica a diferenza de puntos entre o ano pasado e o actual.

O Celta fichou ben, pero sobre todo fichou cedo, polo que os reforzos puideron iniciar a pretempada en Vigo

Carles Planas: O lateral zurdo foi un auténtico quebradeiro de cabeza para Luis Enrique a tempada pasada. Tralo experimento errado con Toni, o preparador asturiano logrou a estabilidade defensiva grazas a Jonny, pero o canteirán non é un xogador zurdo, polo que a fichaxe dun especialista era necesaria. Planas cumpre o perfil, adaptouse ben ao estilo xa que é un lateral de longo percorrido e de momento está rendendo moi ben. No banco espera Jonny, que está tendo oportunidades nos dous perfís (dereito e esquerdo).

Sergi Gómez: Recambio de garantías. O catalán ten difícil facerse un oco no equipo titular, xa que a parella de centrais Cabral/Fontás está moi establecida, pero si que aparece en todos os partidos na parte final. Actuou como central, como lateral e incluso na medular. En todas as posicións cumpriu, polo que é o comodín defensivo do adestrador. Un xogador necesario para cubrir baixas e tamén para amarrar os encontros que non chegan pechados aos minutos finais. Unha peza moi necesaria.

Radoja: Foi o último en chegar, pero parecía o primeiro. Ten carácter de líder e non se engurra en ningún escenario, a pesar da súa xuventude. Borja Oubiña chegará tarde a esta tempada e ninguén en Vigo o bota en falta polo de pronto. O traballo do serbio está sendo impecable, e na actualidade é mellor xogador que Oubiña sobre todo por unha cuestión física. O acerto da directiva cun home de tanto futuro é pleno, xa que o futbolista é propiedade do Celta.

Larrivey: Firmou un ano irregular en Vallecas onde só se entoou na parte final da campaña (ao igual co Celta de Luis Enrique), pero en Vigo comezou enchufado. Era necesario unha alternativa en ataque a Charles e agora Berizzo pode elixir entre dos noves de garantías, dependendo do rival e do momento de forma. De momento Larrivey é titular indiscutible, polos seus goles, a súa pelexa e os seus desmarques. En Balaídos converteuse en infalible (marcando en todos os encontros e superando os números de Vlado Gudelj), e agora só lle queda refrendar a súa capacidade goleadora lonxe da cidade olívica.

Pablo Hernández: Aposta persoal de Berizzo e unha das fichaxes máis discutidas. Pablo Hernández chegou tarde, por unha lesión que lle fixo perderse boa parte da pretempada. Nas primeiras xornadas, co físico moi xusto, simplemente regalou detalles. O máis bonito: o seu golazo no Vicente Calderón. Porén, tralo último parón de seleccións o chileno chegou revitalizado. En San Mamés completou unha gran segunda parte e ante o Levante o encontro bailou ao seu ritmo. Dous partidos que fan soñar cunha rápida e exitosa adaptación ao fútbol europeo dun xogador diferente, cargado de clase e que pode decidir un partido nun chispazo de calidade.

Maior fondo de armario

Nolito e Orellana, unha das parellas ofensivas de moda no fútbol español - ©AS

Nolito e Orellana, unha das parellas ofensivas de moda no fútbol español – ©AS

¿Sergio ou Rubén? ¿Krohn Dehli ou Augusto Fernández? ¿Pablo Hernández ou Álex López? ¿Larrivey ou Charles? Moitas incógnitas xurdían a principio de tempada coa aliñación do Toto Berizzo, pero o adestrador arxentino estaba encantado con este problema. Dous xogadores por posto é a filosofía dun Celta no que pode xogar calquera e onde todos poden dar un bo nivel. Alternativas que elevan a competencia nos adestramentos e que ofrecen variantes en función do rival e da situación do partido.

Sobre todo na parte ofensiva, o Celta é un equipo moi versátil. De feito, algún dos xogadores máis importantes do ano pasado tiveron unha participación practicamente testemuñal. Falamos de Santi Mina, Charles ou Augusto Fernández. Son futbolistas de calidade, que ao longo do ano serán importantes para este Celta. Na afección, o que máis preocupa é que quizais teñan menos importancia os xogadores da canteira, algo que pode cambiar coa chegada das eliminatorias de Copa do Rei e a acumulación de partidos.

Asignaturas pendentes: O final dos encontros e un reparto máis equitativo de goles

Dúas materias que o Celta comezou a corrixir nos últimos partidos, sobre todo a que compete ao estado físico. Non chegaba ben o Celta ao final dos encontros ao comezo de liga, quizais pola alta intensidade que introducían os de Berizzo no comezo do encontro e porque os partidos se facían longos. Os vigueses viron perigrar moitos puntos por iso e incluso chegaron a ceder un empate inxusto ante a Real Sociedade. Porén, os últimos partidos deixaron síntomas positivos: o Celta levou sobre a bucina o encontro en Elxe, acabou xerando perigo ante o Villarreal en Balaídos ata a expulsión de Fontás, terminou mellor que o Athletic Club na Catedral e sentenciou con comodidade o partido ante o Levante no treito final. Polo tanto o problema parece resolto, pero o equipo o debe confirmar nas vindeiras xornadas. Soñar con estar arriba non pode ser compatible con que todo o traballo se vaia pola borda en cuestión de segundos.

“Debemos democratizar un pouco máis o gol” – Eduardo Berizzo, trala vitoria do Celta por 3-0 ante o Levante

En canto os goles, o protagonismo dos dianteiros é evidente. Todos os goles do Celta levan a firma de Larrivey, Nolito ou Orellana, a excepción de dous tantos (Pablo Hernández no Calderón e Álex López ante o Levante). Berizzo falaba en rolda de prensa de “democratizar o gol” algo que tamén debe suceder co paso das xornadas. A segunda liña viguesa debe estar máis acertada, xa que a puntería dos tres atacantes non sempre vai estar tan afinada como neste comezo de curso.

Un ano para soñar

Os xogadores do Celta celebran un gol esta tempada - ©Marca

Os xogadores do Celta celebran un gol esta tempada – ©Marca

Estas son as claves dun equipo que ten encantada a parroquia de Balaídos e que vive unha tempada apaixoante. Cos pés na terra, buscando unha permanencia tranquila que permita soñar con cotas maiores. Quizais non sexa o mellor ano para pensar en Europa, vendo o nivel de equipos como o Sevilla, o Valencia ou o Villarreal, pero o Celta dende a media táboa pode dar un susto a calquera (como demostrou ante o Atlético). A próxima parada, o Camp Nou, tamén pode ser un bo lugar para facelo.

Ademais, o Celta tamén pode soñar coa Copa do Rei. Unha competición que servirá para dar minutos aos menos habituais, pero tamén un lugar para as sorpresa. A dobre partido o equipo de Berizzo pode ser moi competitivo, pero para iso primeiro deberá superar a primeira eliminatoria ante o Las Palmas. Un equipo adestrado por Paco Herrera, o preparador que levou o Celta a primeira, unha división onde os celestes poden permitirse soñar esta tempada.