O misterio en Serramoura

Unha tarde de sol de outubro. Teatro Abanca. Abarrotado de talentos, tanto antigos coma novos; de flashes de cámara e o límpido brillo das traxes dos alí presentes. A alfombra vermella que guiaba ós asistentes cara o pequeno photocall.

Todos estabamos alí, xuntos e revoltos case en familia. Estudantes, xornalistas, fotógrafos, actores, produtores, presentadores de televisión, cámaras… Unha revolta de xente que acudía ás carreiras para posar todos xuntos na foto. Tampouco quixeron perderse a preestrea, personaxes míticos da galega, coma o noso querido Gayoso e o espontáneo cómico Roberto Vilar. Os actores principais da serie, Lucía Regueiro e Miguel Ángel Blanco, que lucían brillantísimos e elegantes. Os ourensanos Sara Casasnovas e Chechu Salgado resultaron moi enigmáticos e atractivos.

DSC_0059

Miguel Ángel Blanco e Lucía Regueiro

DSC_0084

Roberto Vilar e Xosé Ramón Gayoso nunha entrevista cos rapaces de BT

Tralas charlas, risotadas e entrevistas, todos os presentes fomos entrando no patio de butacas, con xa certa ansiedade por ver algo desta nova creación da produtora Voz Audiovisual e sentamos na sala de forma lenta e desordeada.

DSC_0046

Os actores de Serramoura

Nos primeiros minutos xa a tensión percorreu polas costas de tódolos espectadores. O temor apoderouse da sala dende a primeira escena. A secuencia da persecución de Mónica Triáns polo bosque consegue que permanezamos angustiados e déixanos coa impresión metida no corpo e que perdura  minutos despois, por non falar do intre do brutal asasinato. A serie está ambientada nun lugar ficticio, Serramoura, rodada case en totalidade en espacios naturais da provincia da Coruña.

Se hai algo que me vexo obrigada a resaltar é que a calidade da fotografía xa se aprecia dende os créditos introdutorios: paisaxes naturais, diáfanas, cheas de luz e envolventes. Preséntannos dende o primeiro momento a Galicia máis verde e “salvaxe”. ¿O responsable? O director de fotografía  X. Manuel Neira, que ademáis consegue algúns planos cheos de profundidade e que recenden misterio.

Sen dúbida a serie promete. Voz Audiovisual xa leva producidas series de éxito coma Mareas Vivas ou Matalobos. Introducen un thriller rural na TVG, o elenco formado por actores recoñecidos e novas promesas, o tratamento do xénero dende unha perspectiva nova, unha pequena vila galega, na que saen á luz os secretos máis escuros dos veciños (como en case tódalas vilas galegas) onde case todo se sabe… Estréase o domingo 5 de outubro e emitirase en prime time (22:30), ¡non vola perdades!

DSC_0089

A “familia” de Serramoura ó completo