Fin de ciclo en Euzkadi

Dammarie-lès-Lys é unha vila tranquila. Encaixada na beira do Sena, como unha peza máis da grande coroa parisina, ela acubilla centos de almas que foxen de Paname co solpor. Hai catro invernos o silencio da súa noite era rachado por uns estouros que non auguraban nada de bo. Efectivamente, os ocupantes do dormitorio parisino acordaban coa noticia de que un dos seus veciños, o brigadier Jean-Serge Nérin, fora asasinado por un comando de ETA. Era marzo de 2010, a organización terrorista voltaba matar e puña en causa a Declaración de Bruxelas e os esforzos da súa contorna para superar o bietan jarrai.

Porén, o xendarme Nérin sería o último inocente arrastrado ao esquecemento pola sede de sangue. Ese mesmo ano, a voz fría dunha muller encarapuchada e toucada con boina anunciaba na BBC que os etakides baixaban as pistolas. Outra vez. Máis outra oportunidade para a paz. E esta era a boa, porque o ano seguinte os xornais Gara e Berria comunicaban que as pistolas ficaban definitivamente na súa funda. O 20 de outubro de 2011 comezaba o principio do fin de ETA.

Trio calavera

Unha imaxe do pasado | Fonte: RTVE

A paz en Euzkadi é aínda noviña, fixo apenas tres anos hai apenas unha semana. No entanto, as consecuencias do seu parto sanguiñento advertíronse desde o primeiro momento: escoltas prescindibles, xente aliviada por arrincar o seu auto sen medo ou familias de presos esperanzadas. Mais o nacemento da concordia trascende o plano persoal e trae baixo do brazo implicacións a nivel colectivo. Euzkadi remata un capítulo da súa historia nacional e os fenicios do Cantábrico encetan o século XXI en plena transformación da vida social e política do seu país. Portanto a pregunta é: cal é a Euzkadi que ven?

Todo aínda por xogar.

Cando desde o centro da Meseta se tenta -case sempre defectuosamente- explicar o que se pasa en Euzkadi, sempre se sente a mesma ladaíña: no País Vasco non hai conflito ningún, apenas un fato de asasinos que segan vidas de inocentes. Iso ten parte de razón: a loita bárbara de ETA non é O Conflito. É só unha parte del, unha consecuencia. O chamado Conflito Vasco nace moito máis atrás que o terrorismo do marxismo terceiromundista do século XX. O conflito vasco ten a ver co encaixe constitucional das catro provincias vascas na España moderna que nace coas Cortes de Cádiz de 1812.

John Adams, segundo presidente dos EUA e conspícuo partidario dun sistema de liberdades basado no constitucionalismo federal, dedicou innúmeros afagos ao sistema político da Biscaia foral. No seu libro Defensa das Constitucións do Goberno dos Estados Unidos, o Pai Fundador describe o herrialde vasco como república democrática, xusto despois de San Marino e por diante doutras como Suíza ou os Países Baixos. Nesa obra destaca que o recoñecemento do monarca hispano como señor se fai a cambio de pleno autogoberno e independencia. Un autogoberno que permite aos locais participar no goberno do país e, en consecuencia, vivir nunha terra próspera e libre. Texto íntegro aquí.

A idea dos forais vascos como fonte de prosperidade e liberdade ecoaría 40 anos despois nas Cortes de Cádiz, da boca de algúns constituíntes. Vascongadas e Navarra últimos baluartes das liberdades nunhas Españas presas polas caenas absolutistas. Porén, o nacionalismo español, liberal e afrancesado, nado en 1812 pretendía levar até as últimas consecuencias a construción da España moderna. No seu modelo unitario de país, as vellas leis vascas eran vistas como privilexios, refugallos históricos a abolir, non cartas de liberdades moito menos fontes de progreso. É esa agresión nacionalista española á foralidade a que desencadena o Conflito Vasco polos subseguintes douscentos anos.

O recoñecemento do monarca hispano como señor se fai a cambio de pleno autogoberno e independencia. Un autogoberno que permite aos locais participar no goberno do país e, en consecuencia, vivir nunha terra próspera e libre.

O abolicionismo inza Euzkadi Sur de trincheiras na defensa das antigas liberdades durante as Guerras Carlistas, primeiros capítulos da batalla. Entre a derrota carlista e a supresión dos forais en 1876 -1841 en Navarra- e a fundación de EAJ-PNV en 1895, pola confluencia de vellos foralistas con indentitaristas preocupados pola españolización de Euzkadi, non hai nin vinte anos. Daí ao Estatuto de 1933 menos de corenta. E a supresión do restaurado autogoberno polo Franquismo gatilla a escisión dun grupo de mozos do PNV. Tíranse ao monte, fundan ETA e pasado un tempo, malia o seu marxismo, atopan o apoio dun pobo máis afecto á enseña tricolor vasca que a calquera pano vermello cheo fouces e martelos. De trincheira carlista a trincheira abertzale en menos dun século.

Lizartza

Cartel contra a bandeira española en Lizartza. 1931 alcalde carlista, 2011 alcalde de Bildu. | Fonte: Cadena Ser.

Por iso, visto en perspectiva, pódese afirmar que o 20 de outubro de 2011 rematou ETA, máis non o Conflito. A cuestión do encaixe das provincias vascas meridionais en España continúa tan pendente de responder como os interrogantes sobre cal será o papel de Cataluña no futuro. O silencio das armas o único que significa que é que a solución debe ser, felizmente, política e non militar. Cando menos en canto ningún actor político tire outra vez da corda até rompela.

O reinado dos Jobubi.

A vitoria de EAJ-PNV nas eleccións autonómicas de 2012 supuxo importantes mudanzas políticas. A máis visible foi a volta do abertzalismo ao Goberno Vasco, mais se cadrar non foi a máis importante. Os resultados daquela noite de outono apuntalaron un cambio notable no seo do PNV sen a cal non se pode entender hoxe a política vasca. A elección de Iñigo Urkullu como Lehendakari confirmou o ascenso dos jobubi ao topo do poder político en EAJ e en Euzkadi.

Chámanlle ewok, pero jobubi tampouco quedaría mal.

Chamáronlle “ewok”, pero se lle tivesen posto “jobubi” tampouco se pasaría nada.

Aínda que o termo soe a raza georgelucasiana, os jobubi son ben reais. A palabra é un acrónimo que responde a, en castelán, joven burukide bizkaino. Descrebe unha nova xeración de cadros ben formados produto do abrumador dominio político de EAJ en Biscaia. A investidura de Urkullu como Lehendakari completou a foto desta corte de gran poder. Andoni Ortuzar dirixe o partido, Joseba Aurrekoetxea e Iñaki Goikotxeta controlan o aparato e Jose Luis Bilbao apoia desde a Deputación Foral. Fóra deste nucleo duro, Itxaso Atutxa é quen corta o bacallau en Biscaia, Koldo Mediavilla relacionase coa prensa e Josu Erkoreka exerce de home forte e Portavoz do Goberno. Aitor Esteban -esposo de Atutxa- e Izaskun Bilbao, pola súa banda, son os embaixadores en Madrid e Bruxelas, respectivamente.

Forman unha familia política de persoas ben formadas e de incuestionables credenciais patrióticas. Algúns mesmo con certo verniz cristián, especialmente público en Jose Luís Bilbao, Erkoreka e no propio Lehendakari. Todos eles son os encargados de escribir, desde o jeltzalismo e o Goberno Vasco, estas primeiras páxinas da incerta historia da Euzkadi sen ETA. Mais son uns pioneiros caracterizados pola súa prudencia e discreción. Urkullu desde Ajuria Enea e Ortuzar desde Sabin Etxea semellan estar máis preocupados pola xestión cotiá dos asuntos de goberno e de partido que por escreber páxinas épicas. O máis importante é a crise económica e a reconciliación social, é a mensaxe.

Jobubis

Desde a esquerda (física): o segundo é Joseba Aurrekoetxea, seguido por Aitor Esteban, Andoni Ortuzar, Iñigo Urkullu, Koldo Mediavilla, Iñigo Camino e Jose Luis Bilbao. Jobubis everywhere.

Esta natureza timorata no nacional serve para marcar distancias. Por unha banda, co antigo tandem Ibarretxe-Arzalluz, de perfil máis soberanista. Por outra, co PNV de Guipúscoa -Territorio Vermello do Leste- representado por Joseba Egibar, moito máis ambicioso no nacional e máis disposto a procurar alianzas entre abertzales. E, por último, con Cataluña. Que os cataláns teñan moita sorte e nós ao noso, din con frecuencia. A campaña de Urkullu vendeuno como un Lehendakari serio, dilixente e en quen se podía confiar para rematar coa crise en Euzkadi. Mais tamén como unha persoa realista, nada proclive ás aventuras e un freo á radicalidade dunha esquerda abertzale con boas perspectivas. E, para o futuro, non se albiscan mudanzas do relato.

O Coronel que si ten quen lle escriba.

Por esa razón, e coas horas baixas de reestruturación e desconcerto no campo nacionalista español representado por PSOE e PP, a curto prazo a única oposición ao poder jobubi pode chegar desde a esquerda abertzale. Despois da volta á arena política en 2011 baixo a marca de Bildu, a esquerda autodenominada nacionalista ten todo na súa man para continuar a capitalizar no futuro os gaños da súa reinvención. Por unha banda, o programa económico e social da esquerda vasca oferece, como no resto do sur de Europa, un camiño novidoso - ou cando menos así presentado- para a saída da crise. Pola outra, semella que perante a apatía dos rapaces de Urkullu pola cuestión nacional, Sortu e rémoras poden monopolizar o discurso soberanista se os vascos quixeren replicar os movementos en Cataluña. E, alén, unha sociedade desexosa de apuntalar o inacabado Proceso de Paz pode dar en premiar a esquerda abertzale se ETA continúa facendo o correcto. Todo considerado converte a de Sortu nunha opción política puxante de futuro prometedor.

Aínda así non todo é mel nas filloas. Para comezar porque a crise económica non azoutou Euzkadi coa forza que o fixo noutros lugares e iso, para unha forza de cuño rupturista, complica as cousas. Tampouco a esquerda abertzale se atopa cómoda no goberno e de auto oficial, mais na rúa e de oposición, cando non de caldeiro. Por iso, que Bildu gañase a Deputación Foral de Guipúscoa ou o Concello de Donostia en 2011, despois dunha impagable campaña da prensa madrileña, pode non ser tan positivo se a súa xestión institucional non satisfai as expectativas dun electorado máis afecto á épica do que ás decepcións dunha xestión gris, cando non mediocre. Primeiro aviso? A capitulación de Donostia a mans do éxito electoral jeltzale na noite das autonómicas. En poucos meses renóvanse as Xuntas Xerais de Guipúscoa e, desta vez, non é claro que a esquerda abertzale repita co mesmo anaco de pastel.

Se a esquerda vasca non quere morrer de éxito e visa aproveitar que xoga coa historia do seu lado precisa un líder quen de desafiar o mando jobubi con garantías de vitoria. O problema é que ese líder xa existe e é indiscutible, só que non pode dirixir á tropa na batalla. Arnaldo Otegi é o único con posibilidades reais de destronar Iñigo Urkullu. A súa saída de prisión sería un gran balón de oxíxeno electoral para a esquerda abertzale que, probablemente, incrementaría os seus resultados se Otegi for candidato. O ano pasado unha enorme fotografía co seu rosto presidiu o congreso fundacional de Sortu e os membros da formación acordaron deixar o seu cargo vacante deica o Coronel de Elgoibar recuperar a liberdade. Polo momento vive desde 2009 nunha prisión de Logroño, cumprindo unha condena de 6 anos e medio polo caso Bateragune. Noutras palabras, por tentar botar, demasiado cedo, os alicerces do que despois sería Bildu.

A súa saída de prisión sería un gran balón de oxíxeno electoral para a esquerda abertzale que, probablemente, incrementaría os seus resultados se Otegi for candidato.

Aquela foi unha detención repetidamente condenada e rexeitada por sectores moi amplos da sociedade vasca, mesmo por persoas próximas ao PSOE. Novamente o aparato do Estado facía campaña polo seu peor inimigo. Cada día que Arnaldo Otegi pasa na cadea son uns centos de votos máis. Cada día a aura de mártir brilla máis a ollos de moitos vascos e a súa autoridade se fai máis indiscutible entre os seus. Coas autonómicas en 2016 podería cumprir a súa condena a tempo para se candidatar á Lehendakaritza. E entón, como contestaría o resto, especialmente Urkullu, a forza simbólica dunha campaña que comezase ás portas dunha prisión, e cun candidato recibido como un heroe entre vítores e ikurriñas?

O tempo e os vascos van ser quen dite o que se pase. Vannos dicir se os jobubis chegaron para ficar, ou se o Coronel de Elgoibar vai ser ou non Lehendakari. Tamén se vai aclarar se o ascenso de Podemos pode sacar da irrelevancia política ao nacionalismo español en Euzkadi ou se os vascos optarán por continuar o seu propio camiño da man da cuarta provincia en discordia, Navarra. O que está claro é que a primeira gran batalla se vai librar en apenas dous anos. O sentidiño e o saber facer contra a épica e as promesas da mudanza revolucionaria. O pulso do Coronel aos jobubis. Todo está por xogar.